Kaskas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os kaskas ou confederación dos kaska serían unha confederación tribal establecida na zona norte oriental de Anatolia, nas ribeiras do mar Negro, sobre a primeira metade do segundo milenio antes da nosa era.

Sobre a metade do milenio estendéronse para o centro de Anatolia, dominada polos hititas e baixo o rei Hantilis I (sobre a metade do século –XVI) ocuparon Nerik e outros lugares; a fronteira quedou delimitada no río Kumeshmakha (clásico Scylax, moderno Cekerek) deixando aos hititas separados do mar Negro.

Sobre o -1400, mentres o rei hitita Tudhaliyas II combatía á confederación de Asuwa, na costa occidental, os kaskas invadiron territorio hitita, e o rei tivo que facer unha expedición contra eles.

Localización dos principais sitios arqueolóxicos da Anatolia hitita

O seu sucesor Arnuwandas I tivo que loitar tamén cos kaskas. Estas tribos, nun período expansivo, apoderáronse de moitos territorios hititas que someteron a saqueo: Nerik, Hursama (Huršama), Kastama (Kaštama), Serisa (Šeriša), Himuwa, Taggasta (Taggašti), Kammama, Zalpuwa, Kapiruha, Hurna, Dankusna (Dankušna), Tapasawa (Tapašawa), Tarukka, Ilaluha, Zihhana, Sipidduwa (Šipidduwa), Washaya (Wašhaia) e Patalliya. Os hititas non puideron recuperar estas zonas.

Tudhaliyas III enviou repetidamente ao seu fillo Suppiluliumas (despois rei) contra os kaska. Nos "Feitos de Suppiluliumas" menciónanse diversos combates: nove tribos serían atacadas e derrotadas e deixaron as súas armas e o príncipe fortificou as cidades abandonadas e repoboounas. O seu pai estaba enfermo en Samuha (doente ou ferido escríbese igual nas fontes hititas), pero, xa recuperado, baixou para facer campaña a Masa e Kammala, rexións dominadas polos kaska, situadas ao noroeste de Hattusa e desde onde se atacara a rexión de Hulanna; levouse ao seu fillo con el; primeiro venceron a Masa, pero mentres combatían vitoriosamente en Kammala, os kaska atacaron as cidades que o príncipe acababa de fortificar e repoboar e destruíronas outra vez. Dúas cidades, Kathariya e Gazzapa son mencionadas como cidades que axudaron aos kaskas, seguramente como pagamento por non seren destruídas ou saqueadas. Tudhaliyas e o seu fillo devolveron e destruíron as dúas cidades e perseguiron aos kaskas; iniciaron unha marcha para o leste que os levou ata Hayasa, onde combateron co seu rei Karanni ou Lanni. Máis tarde Suppiluliumas marchou contra o xefe dos kaskas, Piyapili. Tudhaliyas III estaba doente ou ferido outra vez e non participou na campaña. Describe os males causados polos kaska que "o seu pai derrotou" e explica que os kaska que invadiran Hatti estaban formados por doce tribos. Canto Tudhaliyas se puxo bo, baixou da Terra Alta Hitita e librou batalla cos kaskas en Zithara.

Suppiluliumas I como rei fixo contra os kaska numerosas campañas, algunhas das cales son mencionadas nos "Feitos de Suppiluliumas": Suppiluliumas estaba facendo unha campaña na rexión da montaña Zukkuku, nas terras dos kaska, onde fortificou as cidades de Athulisa e Tuhupurpuna. Despois pasou ao corazón das terras kaskas, a Almina, considerado unha terra onde os hititas nunca poderían entrar; pero Suppiluliumas fíxoo, derrotou aos kaskas e fortificou Almina, establecendo un mando hitita para o territorio, situándose el mesmo na chamada montaña Kuntiya, na rexión do río Sariya puxo a Himiuli, que antes exercía un alto lugar na corte (era xefe de viños), e a Hannutti, xefe dos carros de combate, situouno na cidade de Parparra. Os civís hititas estableceron estacións nas cidades dos kaska (que non estaban fortificadas) e reasentáronse nas súas cidades amuralladas, e reforzouse a inicial fortificación de Almina. A Urawanni e Kuwatnaziti, dous altos cargos da corte, enviounos contra a terra de Kasula, onde estableceron o dominio hitita e volveron con 1000 prisioneiros e botín. Unha praga que estoupou entre o exército hitita foi aproveitada polos kaska para atacaren as cidades amuralladas, pero non as puideron ocupar, e a actuación do exército pacificou outra vez o territorio. Entón Suppiluliumas conquistou a terra de Tumanna, e fortificouna. O sobriño do rei Hutupiyanza, fillo do xefe da garda real, Zita, foi enviado á terra de Pala onde se estableceron fortificacións hititas para controlar aos habitantes, que debían de ser hostís. O rei pasou o inverno en Hattusa, e en primavera volveu en saír en campaña para o norte. Marchou primeiro contra Istahara, cidade importante do norte que estaba en mans dos kaska, que reconquistou, e, a seguir, reconquistou as cidades de Manaziyana, Kalimuna e outros que non estarían demasiado afastadas (crese que todas eran dependencias administrativas de Istahara). Esta campaña debía de ser complicada pois levoulle todo o ano, ata que no inverno retornou á capital. Nos "Feitos", as loitas contra os kaska ocupan esta parte e aparecen os nomes de diversas cidades conquistadas ou saqueadas, das que se poden ler os de Palhwisa e Kammama; outros lugares do norte aparecen como Istahara, Tesita (saqueada), Tuhpilisa (reconstrución das fortificacións), Zidaparha (atacada sen éxito), Tikukuwa (onde o rei se parou), Hurna (o seu territorio foi saqueado), a montaña Tishsina (rexión saqueada) e o río Marasanta (Maraššanta). Despois o rei entrou na terra pacificada de Darittara, onde un home chamado Pitakkatalli estaba mobilizando tropas na cidade de Sappiduwa, pero o rei derrotouno e despois marchou para a cidade de Washaya, na terra da montaña Illuriya, onde estivo por un tempo e desde alí incendiou unha cidade cuxo nome é fragmentario (Zina...); despois continuou e incendiou Ga...kilusa e Darukka, e a seguir saqueou as terras de Hinariwanda e Iwatallisa (Iwatallišša) e estivo por un tempo en Hinariwanda. Despois saíu e incendiou e destruíu Sappiduwa. A parte final do reinado vaina pasar combatendo aos kaska, a miúdo volvendo a lugares que xa pacificara antes: foi ao noroeste e chegou a Tumanna e entrou na rexión da montaña Kasu (Kaššou) e de alí contra ...naggara (onde xa fora). A rexión da terra do río Dahara sublevouse e Suppiluliumas incendiouna, así como tamén Tapapinuwa. Retornou para Timuhala "unha cidade das principais dos kaska", que se rendeu.

Mursilis II combateunos continuamente, e as súas primeiras campañas son coñecidas polos seus anais: a súa primeira campaña ao cabo dun ano de chegar ao trono foi contra os kaskas que estaban atacando a cidade hitita de Turmitta; o rei destruíu as dúas principais cidades kaskas da zona: Halila e Dudduska. Reforzos kaska chegaron doutras rexións, pero serían derrotados. Cando volvía a Hattusa, os kaskas de Ishupitta, na Terra Alta, negáronse a aportaren os continxentes aos que estaban obrigados (para loitar contra outros kaskas) e o rei atacou a cidade e obrigounos, queimando unha das súas cidades; pouco despois de saír da zona, Ishupitta volvía a estar revoltada.

Ao segundo ano o rei puido volver a facer campaña contra os kaskas ao norte, na Terra Alta Hitita, dirixíndose á rexión de Tipiya, que non enviara os continxentes esixidos polo gran rei; a principal cidade da rexión era Kathaidwa, que foi destruída e fixéronse moitos prisioneiros cos que retornou á capital, e, no camiño, volveu a combater a Ishupitta, onde outra vez obtivo a vitoria, pero os líderes da revolta, Pazzanna e Nunnuta, antigos vasalos dos hititas, puideron fuxir, e dirixíronse a Palhwisa (Palhwišša), onde tiveron que recrutar continxentes locais que non serían inimigo para o exército regular hitita, que os derrotou, e o rei puido destruír a cidade pola lume e saqueouna; o exército dos kaskas fuxiu; entón o rei dirixiuse a Istahara, onde acampou e desde onde enviou gran á capital; os xefes rebeldes dirixíronse á cidade de Kammamma, e o rei pediu a súa entrega ou, en caso contrario, había destruír a cidade; a cidade colleu aos dous rebeldes e matounos e despois someteuse a Mursilis. Iso pacificou o país kaska e o rei pasou o inverno en Ankuwa.

Ao quinto ano Mursilis volveu ao norte contra os kaska á rexión da montaña Asharpaya; os kaskas dominaban os camiños que levaban á rexión de Pala e seguramente tamén de Tummanna. O rei foi a estas rexións e expulsou os kaskas que controlaban os camiños e perseguiunos para o leste ata a terra de Samuha, ata a cidade de Ziulila. Desde alí atacou Arawanna, os habitantes da cal atacaran a terra de Kasiya. Vitorioso retornou á capital.

Ao sexto ano foi contra os kaskas da montaña Tarikarimu na terra de Zihhariya, e asolou o país. Esta campaña foi probablemente curta.

Ao sétimo ano, no país Kaska un xefe chamado Pihhuniya da terra de Tipiya, unificou as tribos kaskas e proclamouse rei. Pihhuniya iniciou os ataques cos que logrou o dominio da Terra Alta Hitita e da cidade de Istitina, que "foi pasto para os rabaños kaska". Mursilis esixiu ao rei a evacuación dos territorios ocupados, pero non foi escoitado e Mursilis marchou á Terra Alta Hitita e atacou ao rei kaska, expulsándoo de alí e recuperando os territorios conquistados; os kaska retiráronse seguindo unha política de terra queimada: cidades e campos quedaban desolados, pero Mursilis pacientemente reconstruíunas; o rei chegou a Tipiya, cidade dos kaska, que queimou. Pihhuniya foise posternar aos pés do rei e foi levado a Hattusa. Foi o único rei coñecido dos kaska.

Mursilis saíu de Tipiya e restaurou Istitina como centro para a reconstrución das fortalezas da zona.

Ao seu noveno ano de reinado, Mursilis decatouse que o facía uns anos conquistador e agora gobernador de Pala, Hutu-Piyanza, ía entrar en guerra contra a cidade de Wasumana e habíao que axudar; Mursilis envioulle a Nuwamza seu xefe de viños, e os dous conxuntamente puideron conquistar e destruír Wasumana e, mentres, foi reclamado a Kizzuwatna polo "hepat" (sacerdote) de Kummani ou Kummanni para celebrar un festival relixioso e deixou as operacións do norte a Nuwanza e foise ao sur.

O ano seguinte subiu desde a fronteira de Mitanni ata o norte, onde atacou de noite e por sorpresa a cidade de Yahresa que incendiou; desde alí pasou á rexión de Piggainaresa (Piggainarešša), onde atacou aos kaskas e asolou a zona e, desde alí, retornou a Hattusa e pasou o inverno na cidade de Hakpis ao norte.

Os últimos anos de reinado fixo unhas dez campañas contra os kaska especialmente a Pala e Tummanna, das que non se coñecen os detalles.

Baixo Muwatallis II os kaska entraran nunha nova fase expansiva. Ao rei coñécenselle expedicións contra os kaskas en Sadduppa e Dankuwa; algunha expedición contra os kaska foi dirixida polo seu irmán Hattusilis, ao que o seu irmán nomeou gobernador de Pitteyarika, non lonxe de Samuha, pero non lle deu as forzas militares que Hattusilis reclamaba. Aínda así Hattusilis atacou aos kaskas e derrotounos de maneira importante nas inmediacións de Hahha, onde deixou unha estela conmemorativa, devolvendo aos hititas as súas terras anteriores; os xefes kaska serían enviados prisioneiros ao seu irmán Muwatallis. Esta vitoria decidiu a Muwatallis a nomealo xefe da garda real (o terceiro cargo do Imperio despois do rei e o herdeiro) e tamén o fixo gran sacerdote do deus das tormentas de Nerik (que era adorado en Hakpis, porque Nerik ficaba despoboada en zona kaska), e nomeouno de feito gobernador da Terra Alta Hitita con Samuha, Pitteyarika, Hakpis, Istahara, Tarahna, Hattina e Hanhana como principais cidades, todas ao bordo dos territorios kaska. Despois duns inicios en que o rei hitita non lle deu medios, recibiu por fin as forzas necesarias e venceu repetidamente ao kaska.

Neste momento nas terras kaskas tiña a hexemonía Pishuru. Ishupitta e Daistipassa, na Terra Alta Hitita, eran aliadas de Pishuru e apoderáronse das terras de Landa, Marista e algunhas cidades fortificadas dos hititas; os hititas non os puideron conter e os kaskas continuaron avanzando ao sur cruzando o río Marasanda ou Maraššanda e chegando ata a terra de Kanis (Kanesh). As cidades de Kurustama, Gazzuira e outra cuxo nome non se dá lido (pero que comeza por Ha...) uníronse aos kaska e atacaron as cidades hititas das inmediacións. Durmitta tamén quedou baixo control kaska e atacou a comarca de Tuhuppiya. Os kaskas non atoparon ningún obstáculo na terra de Ippasanama (Ippaššanama), e puideron seguir ata atacar a terra de Suwatara. Só dúas cidades, unha delas Istahara (a outra non se pode ler) escaparon aos ataques kaska.

Nestas circunstancias, Muwatallis decidiu crear un reino vasalo ao norte para o seu irmán Hattusilis (futuro Hattusilis III), coa encarga de conter aos kaska. A corte real fíxose cargo de fortificar Anziliya e Tapikka, que pertencían ao novo reino, pero o gran rei rexeitou facer campaña en Durmitta e Kurustama, porque xa era responsabilidade de Hattusilis, e retornou a Tarhuntasa deixando ao seu irmán so cos seus propios recursos. As terras do novo reino estaban case todas nas mans do kaska e o mesmo Hattusilis chámaas "Terras baleiras" (o reino formábano Ishupitta, Marista, Hisashapa, Katapa, Hanhana, Darahna, Hattena, Durmitta, Pala, Tummanna, Gasiya, Sappa, o río Hulanna, Hakpis e Istahara, as dúas últimas en "servidume", probabelmente administradas, pero non parte do reino). A capital foi Hakpis. A autonomía do rei era ampla, como corresponde a un territorio de fronteira en parte por conquistar. O novo rei, cunha eficaz combinación de forza militar e de diplomacia logrou en dez anos restablecer a orde e repoboar moitas rexións.

O punto chave da campaña foi a vitoria militar sobre Pishuru, que conquistara ata Taggasta por un lado e ata Talmaliya pola outra, conquistara Karahna e Marista e reunira un exército con 800 carros de combate e numerosa infantaría; Pishuru foi derrotado decisivamente en Wistawanda, cando o exército kaska se desbandou á morte do seu xefe. Muwatallis só enviou 120 carros e non enviou infantaría. A reconquista das cidades hititas xa foi sinxela. Hattusilis erixiu unha estela en Wistawanda. Aínda despois Hattusilis puido enviar forzas ao seu irmán para a batalla con Exipto que se librou en Qadesh, en Siria. Un dos seus éxitos principais foi a reconquista de Nerik, polo -1270, que era un centro de culto relixioso moi importante para os hititas e fora ocupado polos kaska sobre o -1400. Cando Mursilis III intentou arrebatar ao seu tío o reino de Hakpis, Hattusilis sublevouse, derrotou ao seu sobriño e proclamouse rei. Durante a guerra civil boa parte dos kaska apoiaron a Hattusilis III.