Karl Brugmann

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Karl Brugmann.

Karl Brugmann, nado en Wiesbaden o 16 de marzo de 1849 e morto en Leipzig o 29 de xuño de 1919, foi un lingüista alemán. É unha das máis esgrevias figuras da lingüística indoeuropea.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Durante a meirande parte da súa vida profesional (1887–1919), Brugmann foi profesor de sánscrito e lingüística comparada na Universidade de Leipzig.

Xa desde novo adheriuse a emerxente escola neogramática, que afirmaba que as leis fonéticas eran inviolábeis (lei de Brugmann) e dedicouse a unha estrita metodoloxía de investigación. A fama de Brugmann reside nos dous volumes sobre fonoloxía, morfoloxía e formación de palabras cos que contribuíu ao Grundriss der vergleichenden Grammatik der indogermanischen Sprachen, en cinco volumes, publicado de 1886 a 1893. Os outros tres volumes escribiunos Berthold Delbrück que nos proporcionaron unha visión aínda non superada da sintaxe indoeuropea.

A obra de Brugmann reborda os límites que se lle asignaron, así o primeiro volume foi dividido en dúas partes. Ao separar os índices nun volume á parte, os seus dous volumes volvéronse catro.

Brugmann Grundriss der vergleichenden Grammatik der indogermanischen Sprachen vol. 1 1897 (part 2), en formato DjVu.

Dándose de conta da importancia da obra de Brugmann, tres lingüistas británicos empezaron a publicaren unha tradución ao inglés dos volumes de Brugmann case simultaneamente á edición alemá, so o título Elements of the Comparative Grammar of the Indo-Germanic Languages. Nela dividiron o segundo volume de Brugmann en dúas partes, facendo un total de cinco volumes incluídos os índices.

A partir de 1897, Brugmann comezou a publicar unha revisión e expansión da súa parte do Grundriss. O volume final da segunda edición resultante publicouse en 1916.

O método de Brugmann para presentar os seus datos era radical e aínda hoxe pode sorprendernos. Na maioría dos asuntos, no canto de presentar argumentos discursivos, simplemente enumeraba os datos que lle parecían relevantes. O lector vese obrigado a establecer a súa propia opinión para os interpretar. Esta presentación totalmente empírica multiplica o tempo necesario para seguir oa argumentación de Brugmann, pero converte o esforzo en moi frutífero.

A gran obra de Brugmann non partiu da nada. Está baseada na gramática indoeuropea de August Schleicher, e esta á súa vez no esforzo previo de Franz Bopp. Asemade, Brugmann estaba en contacto cos estudosos que estaban a revolucionar a lingüística indoeuropea nas linguas fillas, en particular con Christian Bartholomae para o iranio antigo, Johann Heinrich Hübschmann para o armenio e Rudolf Thurneysen para o irlandés antigo.

En 1902-1904, Brugmann publicou unha versión abreviada e levemente modificada da súa Gramática, que se segue a considerar unha obra de referencia útil por algúns, pero que non contén a riqueza de datos das versións máis amplas. Existe unha tradución francesa desta versión abreviada.

O elenco total das obras de Brugmann e moito máis longo que isto. Algunhas foron moi importantes no seu tempo e algunhas seguen mantendo o interese, pero a súa reputación radica nas dúas edicións do Grundriss. Continúan a ser indispensábeis para os indoeuropeístas e de grande interese para quen se interese na lingua.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Förster, Max: Worte der Erinnerung an Karl Brugmann. In: Indogermanisches Jahrbuch. VI. Band, Jahrgang 1918, Berlin/Leipzig 1920, VII-X.
  • Sommer, Ferdinand (1955). "Brugman(n), Karl." In: Historische Kommission der Bayrischen Akademie der Wissenschaften (Hrsg.). Neue Deutsche Biographie 2: Behaim - Bürkel. Berlin: Duncker & Humblot. 1955. p. 667.
  • Streitberg, Wilhelm: Karl Brugmann. In: Indogermanisches Jahrbuch. VII. Band, Jahrgang 1919, Berlin/Leipzig 1921, pp. 143-152 (con listado de escritos).
  • Wiese, Harald: Eine Zeitreise zu den Ursprüngen unserer Sprache. Wie die Indogermanistik unsere Wörter erklärt, Logos Verlag Berlin, 2007.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Escola neogramática
August Leskien | Berthold Delbrück | Hermann Paul | Hermann Osthoff | Karl Brugmann | Wilhelm Braune | Eduard Sievers