Juana de Vega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaJuana de Vega

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento7 de marzo de 1805 Editar o valor em Wikidata
A Coruña, España Editar o valor em Wikidata
Morte22 de xuño de 1872 Editar o valor em Wikidata (67 anos)
A Coruña, España Editar o valor em Wikidata
Lugar de sepulturacemiterio de Santo Amaro da Coruña Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónescritora Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Obra
Obras destacables
Familia
CónxuxeFrancisco Espoz y Mina Editar o valor em Wikidata

Páxina webjuanadevega.org… Editar o valor em Wikidata
BUSC: vega-martinez-juana-de-condesa-de-espoz-y-mina-1805-1872

Juana María de la Vega Martínez y Losada, Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina, nada na Coruña o 7 de marzo de 1805 e finada na mesma cidade o 22 de xuño de 1872, foi unha escritora galega.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nada no seo dunha familia liberal e ilustrada, filla de Juan Antonio de la Vega e de María Josefa Martínez. Moi pronto tivo á súa disposición un profesor que a instruíu en letras e humanidades.

Casa de Juana de Vega na rúa Real 56 da Coruña.

O 25 de decembro de 1821 casou por poderes co xeneral Francisco Espoz y Mina na súa casa paterna, na rúa Real. O seu marido foi unha das figuras máis relevantes da Guerra da Independencia, alcanzando o grao de Mariscal de Campo en 1812.

O regreso de Fernando VII obrigou a Mina a exiliarse. Volveu en 1820, mais foi obrigado a exiliarse novamente en 1823 pola chegada dos Cen Mil Fillos de San Luís en apoio de Fernando VII. En 1825 Juana de Vega reuniuse co seu home en Gran Bretaña onde permaneceron ata o seu regreso a España en 1833.

Falecido Espoz y Mina en 1836, o goberno outorgou á súa viúva o título de condesa de Espoz y Mina. En 1837 Juana de Vega regresou á Coruña, instalándose na súa casa da rúa Real. Os seus salóns convertéronse no punto de reunión da sociedade liberal coruñesa e de persoas notábeis que pasaban pola cidade.

De xullo de 1841 a xullo de 1843, durante a rexencia de Espartero, desempeñou o cargo de aia da futura raíña Isabel II e da súa irmá a Infanta Luisa Fernanda, así como Camareira Maior. Nesta época foi cando escribiu a Historia Interior de Palacio.

Deposta dos seus cargos, entregou as memorias do seu home ao Congreso dos Deputados e regresou á Coruña onde continuou a súa destacada influencia na vida social e política desa cidade, convertendo os seus salóns, novamente, en centro de reunións liberais.

Entre 1845 e 1846 intentaron implicala na conspiración contra Ramón María Narváez e controlar a súa correspondencia sen éxito, pois debido ao papel que desempeñaba como contacto co estranxeiro crérona responsábel da sublevación.

En 1851 comezaron a publicarse as Memorias del General Francisco Espoz y Mina, redactadas e preparadas pola súa muller, cinco volumes que se remataron de publicar en 1852. Ese mesmo ano escoitou tocar a Pablo Sarasate nunha sesión privada e conseguiu que tocase en público uns días despois no Círculo de Artesanos. Converteuse na súa protectora e sufragoulle todos os gastos dos seus estudos en Madrid. Na súa lembranza, Sarasate dedicoulle en 1882 a súa primeira composición, A miña primeira inspiración, unha mazurca.

Juana de Vega en La Ilustración de Madrid.

Durante 1853 e 1854 sufríronse importantes epidemias de peste e cólera na Coruña e o alcalde Juan Flórez pediulle a Juana de Vega que, como presidenta da Asociación de Señoras, se fixese cargo da dirección e mantemento do hospital provisional que se habilitou, así como de acoller baixo a súa tutela o novo hospicio.

En novembro de 1854 recibiu unha carta do Presidente do Consello de Ministros, o xeneral Espartero, onde se lle ofrecía o título de Duquesa da Caridade con Grandeza de España. En xaneiro de 1856, a raíña nomeouna viceprotectora dos establecementos de Beneficencia da Coruña. Pese a todas as distincións e respecto do que gozaba, sempre se mostrou humilde e afastada das festas de sociedade, non facendo gala dos seus títulos e dedicando a súa vida á axuda dos necesitados.

Fundación Juana de Vega, Oleiros.

En 1868 coincidiu con Concepción Arenal en protestar publicamente cando o Goberno prohibiu as Conferencias da Congregación de San Vicente de Paúl, ou nas peticións de indulto para os condenados a morte. Fundou con ela un padroado de señoras para a visita e ensino dos presos. Coincidiu tamén con Concepción Arenal na necesaria difusión en Galicia de temas agrícolas, base do desenvolvemento do país naquela época. O seu grande anhelo era a creación dunha escola teórico-práctica de agricultura, na casa que posuía en San Pedro de Nós.

Morreu na súa casa da Coruña o 22 de xuño de 1872. En 1873 constituíuse a fundación que leva o seu nome con sede na súa casa de Oleiros. O concello da Coruña deulle o seu nome a unha rúa da cidade en 1876.[1]

Obras[editar | editar a fonte]

Tumba de Juana de Vega no cemiterio de Santo Amaro da Coruña.
  • Historia interior de Palacio.[cando?]
  • Reglamento de la Asociación de Señoras de Beneficencia ([cando?] guía)
  • Memorias del General Espoz y Mina (1852; biografía)
  • Apuntes para la historia del tiempo en que ocupó (1910; biografía)
  • Memorias de la condesa de Espoz y Mina (1910).

Na literatura[editar | editar a fonte]

  • As malas mulleres de Marilar Aleixandre novela parte da súa actividade política xunta a Concepción Arenal.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. García López, Alfonso (2009). Calles con historia (en castelán). Espacio Cultura Editores. ISBN 978-84-938089-1-4. 
  2. "As malas mulleres". Editorial Galaxia. Consultado o 2023-11-23. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]