Juana Capdevielle

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Juana Capdevielle San Martín, nada en Madrid o 12 de agosto de 1905 e finada en Rábade o 18 de agosto de 1936, foi unha intelectual, pedagoga e arquiveira española.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Cursou os estudos secundarios en Pamplona para logo licenciarse en Filosofía e Letras na Universidade Central de Madrid, onde tivo como mestre a José Ortega y Gasset e a María Zambrano como compañeira. Ampliou os seus estudos en Alemaña, Bélxica,Francia e Suíza. Traballou na biblioteca universitaria da Facultade onde estudara, así como na do Ateneo. Na súa condición de pedagoga participou como conferenciante, xunto a personalidades como Roberto Nóvoa Santos, Pío Baroja ou Ramón J. Sender nas primeiras xornadas organizadas en España sobre pedagoxía sexual en 1934.

En marzo de 1936 casou co avogado e político, Francisco Pérez Carballo. Trala vitoria do Frente Popular, o seu marido foi designado Gobernador Civil da Coruña. Co golpe de Estado en xullo que deu lugar á Guerra Civil, mentres ela se refuxiou en casa de López Abente, o seu marido foi aprehendido e executado o día 24 de xullo. Ao chamar ao Goberno Civil para ter novas do seu esposo, comunicóuselle que sería recollida -estaba embarazada- para acompañala xunto a el. Porén, foi detida e encarcerada. Liberada poucos días despois refuxiouse en Vilaboa (Culleredo), na casa do deputado Victorino Veiga. Na noite do 18 de agosto foi detida de novo por membros da Garda Civil, atopándose o seu corpo ao día seguinte nas proximidades de Rábade, provincia de Lugo.

Na Universidade da Coruña un edificio, destinado ao uso como aula de estudo, leva o seu nome.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]