Juan Ramón Jiménez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaJuan Ramón Jiménez

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento(es) Juan Ramón Jiménez Mantecón Editar o valor em Wikidata
23 de decembro de 1881 Editar o valor em Wikidata
Moguer, España (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte29 de maio de 1958 Editar o valor em Wikidata (76 anos)
San Xoán, Estados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Lugar de sepulturaMoguer (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
EducaciónIES La Rábida Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpoeta , escritor Editar o valor em Wikidata
EmpregadorUniversity of Maryland, Baltimore County (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Xénero artísticoPoesía
MovementoGeneration of 1914 (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
AlumnosClaribel Alegría Vides Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeZenobia Camprubí Aymar (1916-1956)
Premios
Sinatura
Editar o valor em Wikidata

Páxina webfundacion-jrj.es Editar o valor em Wikidata
IMDB: nm0422983 Bitraga: 1444 Dialnet: 521148 Musicbrainz: 2993d785-f7d9-4140-a225-a8f15e121e48 Discogs: 1609073 IMSLP: Category:Jiménez,_Juan_Ramón Allmusic: mn0001603345 Find a Grave: 7533271 Editar o valor em Wikidata

Juan Ramón Jiménez Mantecón, nado en Moguer (provincia de Huelva) o 23 de decembro de 1881 e finado en San Xoán (Porto Rico) o 29 de maio de 1958, foi un poeta español, gañador do Premio Nobel de Literatura en 1956, mentres permanecía no exilio desde a súa segunda patria, Porto Rico (onde tamén viviron exiliados outras renomeadas figuras peninsulares, tales como Pau Casals e Francisco Ayala.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi fillo de Victor Jiménez e Purificación Mantecón, quen se dedicaban con éxito ao comercio de viños. Tras estudar Bacharelato cos xesuítas no Puerto de Santa María, comezou a carreira de Dereito imposta polo seu pai na Universidade de Sevilla, aínda que non finalizou os seus estudos. Os poemas de Rubén Darío, o membro máis destacado do Modernismo na poesía hispánica, conmovéronlle especialmente na súa mocidade.

En 1900 publicou os seus dous primeiros libros de textos. A morte do seu pai neste mesmo ano e a ruína familiar causáronlle unha fonda preocupación, vivida intensamente por mor do seu carácter hiperestésico, e en 1901 foi ingresado con depresión nun sanatorio en Bordeus, onde tivo unha aventura amorosa coa muller do seu psiquiatra. En 1905 regresou ao seu pobo natal e seis anos máis tarde trasladouse a Madrid. Fixo varias viaxes a Francia e logo aos Estados Unidos, onde en 1916 casou con Zenobia Camprubí de Aymar.

A partir de 1931, a esposa do poeta sufrirá os primeiros síntomas dun cancro que acabará coa súa vida. En 1936 viuse obrigado a abandonar España ao estalar a guerra civil española.

En abril de 1939, poucos días despois da entrada das tropas franquistas en Madrid e do final da guerra civil, Carlos Martínez-Barbeito xunto cos escritores Félix Ros e Carlos Sentís, identificándose como membros do Servicio Nacional de Prensa y Propaganda do novo réxime, entraron no piso de Juan Ramón Jiménez e Zenobia Camprubí, no número 38 da rúa Padilla e intimidaron a persoa que quedara ao coidado da casa, rexistraron e requisaron canto quixeron, sen dar explicacións nin dar rexistro do confiscado, no que foi un verdadeiro saqueo.[1][2] Martínez Barbeito diría que se xuntara con ese grupo "espontáneamente" sen ter que ver co resto do grupo e que a súa participación no suceso era para consevar o requisado «por manos cuidadosas»[3] Entre o roubado figuraba o diario de Marga Gil, que empezaría a saír no diario ABC en febreiro de 1997[4], meses antes da morte de Martínez Barbeito; e aínda segue desaparecido o orixinal do debuxo que o vangardista Daniel Vázquez Díaz fixera en 1916 de Juan Ramón Jiménez e que en 1980 ilustraría o billete de 2000 pesetas.[5]

En 1946 o poeta permanece hospitalizado oito meses por mor doutra crise depresiva. En 1956 a Academia Sueca outórgalle o Premio Nobel de Literatura en Porto Rico, onde viviu gran parte da súa vida no exilio e onde traballa como profesor na Universidade. Tres días despois, morre a súa esposa en San Juan. Nunca se recuperou desta perda, e permaneceu en Porto Rico mentres o Presidente da Universidade de Porto Rico, Jaime Benitez acepta o premio no seu nome. Juan Ramón Jiménez falece dous anos máis tarde, na mesma clínica na que falecera a súa esposa. Os seus restos foron trasladados a España.

Etapas da súa obra[editar | editar a fonte]

A crítica adoita dividir a súa traxectoria poética en tres etapas: sensitiva, intelectual, suficiente ou verdadeira.

A etapa sensitiva (1898-1915) se subdivide á súa vez en dúas sub-etapas; a primeira abarca ata 1908; a segunda, ata 1916. A primeira está marcada pola influencia de Bécquer, o Simbolismo e un Modernismo de formas tenues, rima asonante, verso de arte menor e música íntima. Nela predominan as descricións da paisaxe como reflexo da alma do poeta, unha paisaxe que non é natural nin froito de paseos como o de Machado, senón sometido ao estatismo dun xardín interior, ao intimismo dunha orde. Predominan os sentimentos vagos, a melancolía, a música e a cor desvaído, os recordos e ilusións amorosas. Trátase dunha poesía emotiva e sentimental onde se trasluce a sensibilidade do poeta a través dunha estrutura formal perfecta. Pertencen a esta etapa Rimas (1902), Arias tristes (1903), Jardines lejanos (1904), Elejías (1907). A segunda época vértese na forma da arte maior (hendecasílabos e alexandrinos), a rima consonante, o estrofismo clásico (sonetos, serventesios); denota un maior sinal modernista, do Simbolismo francés (Charles Baudelaire, Paul Verlaine) e do decadentismo anglo-francés (Walter Pater, fundamentalmente). Recentemente foi descuberto un libro escrito entre 1910 e 1911, Libros de amor, cunha poesía carnal e erótica. O poeta logra perfectos cumes parnasianas, especialmente nos sonetos; pertencen a esta sub-etapa La soledad sonora (1911), Pastorales (1911), Laberinto (1913), Platero e mais eu (Platero y yo, 1914) e Estío (1916), entre outros. Cara ao final desta etapa o poeta empeza a sentir o noxo das roupaxes sensoriais do Modernismo e preocupacións relacionadas co tempo e a posesión dunha beleza eterna.

Platero e mais eu, datada polo seu autor en 1914, converteuse na obra máis popular do poeta, escrita nunha prosa que suavemente leva ao lectorado a través dun coidadoso retablo de imaxes poéticas que conducen desde a presentación deste borriquete:

Platero é pequeno, peludo, suave; tan brando por fóra que se diría todo de algodón, que non leva ósos. Só os espellos de acibache dos seus ollos son duros cal dous escaravellos de cristal negro.

Ata a súa morte e, claro, a ascensión do pollino ao ceo... de Moguer: «Platero, ti vesnos, verdade?», preguntamos seguindo a letra de Juan Ramón Jiménez.

Estío (1916) supón o cambio cara á segunda etapa de Juan Ramón. O poeta afástase do Modernismo en busca dunha maior depuración da palabra. Desaparecen os ambientes nostálxicos, evocados e soñados, en favor dunha realidade máis concreta.

A súa primeira viaxe a América e o contacto coa poesía en inglés (Yeats, William Blake, Emily Dickinson, Mary Shelley) marca profundamente esta segunda etapa (1916-1936), bautizada por el mesmo como Época intelectual e que lle vincula á corrente literaria do Novecentismo. Prodúcese un feito fundamental: o descubrimento do mar como motivo transcendente. O mar simboliza a vida, a soidade, o gozo, o eterno tempo presente. Iníciase así mesmo unha evolución espiritual que o leva a buscar a transcendencia. No seu desexo de salvarse ante a morte, esfórzase por alcanzar a eternidade, e iso só pode conseguilo a través da beleza e a depuración poética. Suprime, pois,

  1. toda a musicalidade,
  2. os argumentos poéticos,
  3. a aparatosidade externa e ornamental anterior para penetrarse no profundo, no belo, no puro, no esencial.

Desta época destacan Diario de un poeta recién casado (1916), Primeira antolojía poética, (1917), Eternidades (1918), Piedra y cielo (1919), Poesía (1917-23) e Belleza (1917-23).

Con Diario de un poeta recién casado, titulado posteriormente (en 1948) Diario de poeta y mar (para incluír o segundo apelido da súa esposa, Aymar), iníciase esta nova etapa na obra de Juan Ramón. Trátase dunha poesía sen anécdota, sen as «roupaxes do modernismo», unha poesía estilizada e depurada, onde o poeta admira todo o que contempla. Este poemario xorde como froito da súa viaxe a América. No Diario, Juan Ramón experimenta cos temas e as formas, e abre unha nova corrente poética, que será explotada por algúns membros da Xeración do 27.

En Piedra y cielo (1919) o tema central é xa a creación poética: a poesía como actividade, o poema como obxecto artístico e o poeta como deus-creador dun universo novo. Ábrese así unha nova liña temática que Juan Ramón xa non abandonará: a procura da sublimación poética e a intensificación creativa dunha poesía pura, esquemática.

La Estación total (1923-36). Recolle os últimos poemas escritos en España. O 22 de agosto de 1936, Juan Ramón marcha ao exilio.

Pertence á época suficiente ou verdadeira (1937-1958) todo o escrito durante o seu exilio americano. Juan Ramón continúa replegado en si mesmo en busca da beleza e a perfección. A súa ansia pola transcendencia lévao a unha certa mística e identificarse con Deus e a beleza nun. A súa lingua poética transfórmase nunha especie de idiolecto poboado de múltiples neoloxismos (ultratierra, deseante...). Tras un período de relativo silencio, publica Animal de fondo (1949), Tercera antolojía poética (1957), En el otro costado (1936-42) e Dios deseado y deseante (1948-49).

En Animal de fondo o poeta busca a Deus «sen descanso nin tedio». Pero ese deus non é unha divindade externa ao poeta, senón que se acha nel e na súa obra («a túa esencia está en min, como a miña forma»; «no mundo que eu por ti e para ti creei»). Ese deus ao que se refire é causa e fin da beleza.

Dios deseado y deseante (1948-49) supón a culminación de Animal de fondo. O poeta chega ata a identificarse con ese deus que tanto buscou. Un deus que existe dentro e fóra del, un deus que é desexado e desexante.

Juan Ramón revisou concienciudamente ao longo da súa vida a súa obra. O poemario Lenda (1896-1956), publicado postumamente por Antonio Sánchez Romeralo en 1978, e en edición corrixida por María Ronsel Arretche en 2006 (Madrid: Visor), recolle a obra poética íntegra do autor tal como este quixo que se publicase.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Alarcón Sierra, R. (2006). "Juan Ramón ante la guerra". En Javier Blasco e Antonio Piedra. Juan Ramón Jiménez. Premio Nobel 1956 (PDF). Madrid: Residencia de Estudiantes/Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales. p. 357. 
  2. Fernández, Víctor (10 de febreiro de 2022). "Juan Ramón Jiménez y los tres ladrones: el misterio del cuadro desaparecido". La Razón (en castelán). Consultado o 2023-02-09. 
  3. González Ródenas, Soledad (2005). Juan Ramón Jiménez a través de su biblioteca: lecturas y traducciones en lengua francesa e inglesa (1881-1936) (en castelán). Universidad de Sevilla. ISBN 978-84-472-0866-1. 
  4. Palau de Nemes, Graciela (2004). "Nuevos datos inéditos sobre el suicidio de la escultora Marga Gil Roësset (1908-1932) por amor a Juan Ramón Jiménez". En Juan de la Cuesta. Actas del XIV Congreso de la Asociación Internacional de Hispanistas: New York, 16-21 de julio de 2001 (PDF). Madrid: Centro Virtual Cervantes. pp. 413–418. 
  5. "El retrato de Juan Ramón Jiménez que se perdió para siempre por Víctor Fernández • Mirador de les arts,". Mirador de les arts, (en castelán). 2020-08-24. Consultado o 2023-02-16. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Díez-Canedo, E.:, Juan Ramón Jiménez en su obra (México, 1944).
  • R. Gullón, Conversaciones con Juan Ramón Jiménez (Madrid, 1958).
  • J. Guerreiro Ruiz, Juan Ramón de viva voz (Madrid, 1961)..
  • A. Campoamor González, Vida y poesía de Juan Ramón Jiménez (Madrid, 1976).
  • A. De Albornoz (ed.), Juan Ramón Jiménez (Madrid, 1981).
  • A. Campoamor, Bibliografía general de Juan Ramón Jiménez (Madrid, 1982).
  • F. J. Blasco, La poética de Juan Ramón Jiménez. Desarrollo, contexto y sistema (Salamanca, 1982).
  • M. Juliá, El universo de Juan Ramón Jiménez (Madrid, 1989).
  • A. Pau, Juan Ramón Jiménez. El poeta en el jardín (Madrid, 1999).

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]