Juan Guzmán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Juan Guzmán Tapia.

Juan Salvador Guzmán Tapia, nado en San Salvador (O Salvador) o 22 de abril de 1939, é un xuíz chileno, coñecido pola instrución de causas contra os militares chilenos implicados en torturas e asasinatos durante a ditadura de Augusto Pinochet.

Vida[editar | editar a fonte]

Fillo do poeta e diplomático Juan Guzmán Cruchaga e de Raquel Tapia, pasou a súa infancia en Colombia (1941-43), Venezuela (1948) e Estados Unidos (1943-48 e 1949-51). En 1951 volveu a Chile e dous anos máis tarde trasladouse a Arxentina.

Regresou ao seu país, onde estudou no Saint George's College e onde se licenciou en Dereito na Universidade Católica de Chile en 1965. En 1967 obtivo unha bolsa para estudar Filosofía do Dereito en París (Francia). En 1968 coñeceu a Inés Watine, filla dun membro da Resistencia durante a Segunda Guerra Mundial, con quen casou en 1970 e tivo dúas fillas.

En marzo dese ano partiu a Estados Unidos para traballar como conselleiro financeiro nun banco de San Francisco e o 30 de agosto retornou a Chile para traballar como xuíz en Panguipulli. Opositor de Allende, apoiou ao principio o golpe de estado do 11 de setembro de 1973 encabezado polo xeneral Augusto Pinochet.

A persecución dos crimes da ditadura[editar | editar a fonte]

Ao ano seguinte foi nomeado xuíz en Santiago de Chile, onde descubriu os crimes da ditadura de Pinochet. En 1983 foi trasladado á Corte de Apelacións de Talca, da que foi presidente en 1986. En 1989 foi designado para a Corte de Apelacións de Santiago, onde foi membro da Corte Marcial ata o retorno da democracia (1990).

En 1998 investigou varias querelas contra Pinochet por homicidio no contexto da «operación Caravana da morte» (setembro de 1973). O 16 de outubro dese mesmo ano, Pinochet foi detido en Londres (Inglaterra), logo da causa seguida polo xuíz español Baltasar Garzón. Entre 1999 e 2004 dirixiu numerosas exhumacións de restos de «detidos desaparecidos», a raíz dos que ideou o delito de «secuestro permanente». En 2000 logrou o desaforo de Pinochet (na súa calidade de senador vitalicio) no marco de 19 delitos de secuestro permanente, aos que se lles sumaron outros 57 casos de homicidio e foi procesado. Con todo, tempo despois a Corte de Apelacións deixou sen efecto o procesamento ao acoller un recurso de amparo da defensa. En 2001 abriuse un novo proceso contra Pinochet, que foi sobresido definitivamente por motivos de saúde (fallo confirmado en 2002).

Obras[editar | editar a fonte]

Guzmán retirouse en 2005 e publicou as súas memorias en francés Au bord du monde. Les Mémoires du juge de Pinochet. Actualmente é o decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e Sociais da Universidade Central de Chile. Outras obras súas son La sentencia e Ética profesional del abogado.

Recibiu os premios Jordi Xifra (Universidade de Girona) e Oscar Romero (Dayton University).