José de Ribera

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
José de Ribera
e
NomeJosé de Ribera y Cucó
Nacemento12 de xaneiro de 1591
 Xàtiva
Falecemento3 de setembro de 1652 e 2 de setembro de 1652
 Nápoles
Nacionalidadeespañola
Cónxuxe(s)Caterina Azzolino
EidoPintura
Influenciado porvan Dyck
Caravaggio
InfluenciadoVelázquez e Murillo
Na rede
Discogs: 2448081 WikiTree: De_Ribera-4 Find a Grave: 7528827 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

José de Ribera y Cucó nado en Xàtiva (Valencia) o 12 de xaneiro de 1591 e finado en Nápoles, Italia, o 2 de setembro de 1652,[1] foi un pintor e gravador de orixe española do século XVII, que desenvolveu toda a súa carreira en Italia e principalmente en Nápoles. Foi tamén coñecido co seu nome italianizado Giuseppe Ribeira e co alcumo Lo Spagnolettoo españolito») debido á súa baixa estatura e a que reivindicaba as súas orixes asinando as súas obras como «Jusepe de Ribera, español» (como no seu cadro Apolo e Marsias ou «setabense» (de Xàtiva) ou en varias obras indicando ambas as cousas á vez, sendo común que asinase como «Jusepe Ribera, español, setabense, Partenope»[2].

Cultivou un estilo naturalista que evolucionó do tenebrismo[1] de Caravaggio cara a unha estética máis colorista e luminosa, influída por van Dyck e outros mestres. Contribuíu a forxar a grande escola napolitana (Giovanni Lanfranco, Massimo Stanzione, Luca Giordano...), que o recoñeceu como o seu mestre indiscutible; e as súas obras, enviadas a España desde data moi temperá, influíron en técnica e modelos iconográficos aos pintores locais, entre eles Velázquez e Murillo. Os seus gravados circularon por media Europa e consta que ata Rembrandt os coñecia. Autor prolífico e de éxito comercial, a súa fama reverdeceo durante a eclosión do realismo no século XIX; foi un referente imprescindible para realistas como Léon Bonnat. Algunhas das súas obras foron copiadas por pintores de varios séculos: Fragonard, Manet, Henri Matisse...

Ribera é un pintor destacado da escola española, aínda que a súa obra fíxose integramente en Italia e de feito, non se coñecen exemplos seguros dos seus inicios en España. Etiquetado por longo tempo como un creador truculento e sombrizo, maiormente por algunhas das súas pinturas de martirios, este prexuízo diluíuse nas últimas décadas grazas a múltiples exposicións e investigacións, que o reivindican como creador versátil e hábil colorista. Achados recentes axudaron a reconstruír a súa primeira produción en Italia, etapa á que o Museo do Prado dedicou unha exposición en 2011.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Xuízo de Salomón, 1609-1610. Galería Borghese, Roma. Este óleo, anteriormente atribuído por Roberto Longhi a un presunto «Mestre do Xuízo de Salomón»[3] non identificado, descubriuse ser o primeiro cadro documentado de José de Ribeira, cando traballaba en Roma con ao redor de dezaoito ou dezanove anos, a partir das investigacións de Gianni Papi en 2002.[4]

José de Ribera y Cucó naceu en Xàtiva en 1591, fillo de Simón de Ribera, zapateiro de profesión, e de Margarita Cucó. Tivo un irmán chamado Juan que tamén se dedicou á pintura, aínda que moi pouco se sabe del. Crese que José de Ribera iniciou a súa aprendizaxe con Francisco Ribalta, que tiña un taller moi frecuentado; pero ao non coñecerse obras desta etapa, tal dedución é difícil de comprobar.

Ribeira decidiu marchar a Italia, onde seguiría as pegadas de Caravaggio. Sendo aínda adolescente iniciou a súa viaxe, primeiro ao norte, a Cremona, Milán e a Parma, para ir logo a Roma, onde o artista coñeceu tanto a pintura clasicista de Reni e Ludovico Carracci como o áspero tenebrismo que desenvolvían os caravagistas holandeses residentes na cidade. A recente identificación de varias das súas obras xuvenís demostra que Ribeira foi un dos primerísimos seguidores de Caravaggio; mesmo tense conxecturado que puido coñecelo persoalmente xa que o seu traslado desde Valencia a Italia tivo que ser anterior ao que os expertos crían.

Finalmente, Ribera decidiu instalarse en Nápoles, seica ao intuír que captaría unha maior clientela; a rexión era un vicerreino español e vivía unha etapa de opulencia comercial que fomentaba o mecenado artístico. A Igrexa católica e coleccionistas privados (varios deles españois como el) serían os seus principais clientes.

No verán de 1616 desembarcou Ribera na famosa metrópole á sombra do monte Vesuvio. Pronto se asentou na casa do ancián pintor Giovanni Bernardino Azzolini, pintor que entón non era moi coñecido, ao cal atribúese unha obra na igrexa de Sant'Antonio al Seggio en Aversa: A coronación da Virxe entre os santos Andrés e Pedro. Só tres meses despois casou Ribera coa filla de Azzolini, de dezaseis anos de idade.[1]

Acabara a súa viaxe, pero comezaba o apoxeo da súa arte. En poucos anos, José de Ribera, ao que chamaron Lo Spagnoletto, adquiriu fama europea, grazas en gran parte aos seus gravados; sábese que ata Rembrandt os tíña.[5]

O uso do tenebrismo de Caravaggio foi o seu punto forte, aínda que na súa madurez evolucionaría cara a un estilo máis ecléctico e luminoso. Iniciou unha intensa produción que o mantivo afastado de España, a onde nunca regresou, pero sentiuse unido ao seu país grazas a que Nápoles era un vicerreino español e punto de encontro entre dúas culturas figurativas, a ibérica e a italiana. Cóntase que cando preguntaron a Ribera por que non regresaba ao seu país, el contestou: «En Nápoles séntome ben apreciado e pago, polo que sigo o adagio tan coñecido: quen está ben, que non cambie». E explicou: «O meu gran desexo é volver a España, pero homes sabios dixéronme que alí se perde o respecto aos artistas cando están presentes, pois España é nai amantísima para os forasteiros e madrasta cruel para os seus fillos».

O apoio dos vicerreis e doutros altos cargos de orixe española explica que as súas obras chegasen en abundancia a Madrid; actualmente o Museo do Prado posúe máis de corenta cadros seus. Xa en vida era famoso na súa terra natal e proba diso é que Velázquez visitouno en Nápoles en 1630.

Sileno ebrio, 1626. Museo de Capodimonte, Nápoles.

A fusión de influencias italianas e españolas deu lugar a obras como o Sileno ebrio (1626, hoxe en Capodimonte) e O martirio de san Andrés (1628, no Museo de Belas Artes de Budapest). Comezou entón a rivalidade entre Ribera e o outro gran protagonista do século XVII napolitano, Massimo Stanzione.

En séculos posteriores, a apreciación da arte de Ribera viuse condicionada por unha lenda negra que o presentaba como un pintor fúnebre e desagradable, que pintaba obsesivamente temas de martirios cun realismo truculento. Un escritor afirmou que «Ribera empapaba o pincel no sangue dos santos». Esta idea equivocada impúxose nos séculos XVIII e XIX, en parte por escritores estranxeiros que non coñeceron toda a súa produción. En realidade, Ribera evolucionou do tenebrismo inicial a un estilo máis luminoso e colorista, con influencias do renacemento veneciano e da escultura antiga, e soubo plasmar con igual acerto o belo e o terrible.

A súa gama de cores aclarouse na década de 1630, por influencia de van Dyck, Guido Reni e outros pintores, e malia os serios problemas de saúde na década seguinte, continuou producindo obras importantes ata a súa morte.

José de Ribera está sepultado na igrexa de Santa María del Parto no barrio Mergellina de Nápoles.

Etapas da súa obra[editar | editar a fonte]

San Andrés, cara a 1616.

Os primeiros anos de Ribera permaneceron sumidos en interrogantes pola carencia de documentación sobre el e pola aparente desaparición de todas as súas obras desa época. Pero na última década, varios expertos conseguiron identificar como súas máis de trinta pinturas sen asinar, que axudan a reconstruír a súa mocidade inmersa no tenebrismo de Caravaggio, do que houbo de ser un dos seus primeiros difusores (Véxase A negación de San Pedro).

A obra asinada máis antiga que se lle coñece é un San Xerónimo actualmente conservado en Toronto, Canadá (National Gallery of Ontario); en asínaa Ribera proclámase «académico romano». Pero malia a inscrición, tal pintura foi discutida polos expertos ata data recente, pois difería bastante do estilo coñecido do mestre.

As primeiras obras xuvenís de Ribera que foron aceptadas como autógrafas, son catro óleos dunha serie de Os cinco sentidos (h. 1615), que agora se achan dispersos en catro colecciones diferentes: Museo Franz Mayer (México, D. F.), Museo Norton Simon (Pasadena), Wadsworth Atheneum (Hartford, Estados Unidos) e colección Juan Abelló (Madrid). Unha gran pintura, A resurrección de Lázaro (h. 1616), foi adquirida polo Museo do Prado en 2001, cando a súa autoría era aínda discutida. Hai que mencionar ademais un Martirio de san Lourenzo recentemente autentificado na Basílica do Pilar de Zaragoza e un raro exemplo de espido feminino, Susana e os vellos (Madrid, propiedade privada). A Galería Borghese de Roma posúe O xuízo de Salomón, obra que se atribuía a un artista anónimo e que ao asignarse a Ribera, permitiu indirectamente reatribuirlle varias obras máis. Perdeuse un relevante cadro de San Martín compartindo a súa capa co pobre, pintado en Parma, aínda que subsiste unha copia del.

Década de 1630[editar | editar a fonte]

Arquímedes (1630), Museo do Prado.

A década de 1630 é a máis importante de Ribera, tanto polo apoxeo da súa arte como polo seu éxito comercial. O pintor aclara a súa paleta baixo influencia de van Dyck e a pintura veneciana do século anterior, sen rebaixar a calidade de debuxo e a fidelidade naturalista. Unha gran Inmaculada, pintada para o Convento das Agustinas de Salamanca, é considerada unha das versións máis importantes de tal tema dentro da pintura europea, e crese que Murillo tívoa en conta para as súas populares versións posteriores.

Os seus temas pictóricos son maiormente relixiosos; o artista plasma dunha forma moi explícita e intensamente emocional escenas de martirios como o Martirio de San Bartolomé (1644, MNAC de Barcelona) ou o Martirio de San Filipe (1639; Museo do Prado), así como representacións individuais de medias figuras ou de corpo enteiro dos apóstolos (Apostolados), especialmente os de San Pedro.

Con todo, realizou tamén obras de carácter profano: figuras de filósofos (Arquímedes, 1630, Museo do Prado), temas mitolóxicos como o Sileno ebrio do Museo de Capodimonte de Nápoles de 1626 (é o seu primeiro cadro asinado e fechado), representacións alegóricas dos sentidos (Alegoría do tacto de 1632, Museo do Prado, coñecido como O escultor cego), uns poucos cadros de paisaxe (dous identificáronse no Palacio de Monterrey de Salamanca) e algúns retratos como A muller barbuda (Magdalena Ventura co seu marido) (1631, Fundación Casa Ducal de Medinaceli, Hospital de Tavera, Toledo).

Década de 1640 e últimos anos[editar | editar a fonte]

A muller barbuda (Fundación Casa Ducal de Medinaceli, Casa de Medinaceli -depositado no Museo do Prado-).

A década dos 40, coas interrupcións debidas á súa enfermidade, seica unha trombose (malia a cal non rompeu a actividade do taller), supuxo unha serie de obras dun certo clasicismo na composición, sen renunciar á enerxía de certos rostros individuais. Na súa última obra tamén experimenta de novo un cambio estilístico que lle devolve en certa medida ás composicións tenebristas da súa primeira etapa; as causas puideron ser as súas desgraciadas circunstancias persoais. Seguiu sendo un artista de éxito comercial e prestixio, e foi mestre de Luca Giordano no seu taller napolitano, influíndo no seu estilo.

A crise económica que sucedeu á revolta de Masaniello en Nápoles (1647) afectou á produción pictórica de Ribera, quen ademais se vería envolvido nun escándalo.

Para sufocar a revolta, acudiran a Nápoles as tropas españolas baixo o mando de Xoán Xosé de Austria, fillo natural de Filipe IV. Ribera pintou un retrato de Xoán Xosé dacabalo (Palacio Real de Madrid), que logo repetiu en gravado; foi o último augaforte que produciu, o cal en edicións tardías foi modificado para darlle a identidade do rei Carlos II. Tamén se atribuía a Ribera un escudo do marqués de Tarifa, datable cara a 1629-33, no cal o artista valenciano puido gravar os anxelotes da parte superior; con todo, os últimos estudos desestiman a autoría.

Cara a 1647 produciuse o escándalo que sacudiu a vellez do artista: segundo conta a tradición, unha das fillas de Ribera, Margarita, foi seducida por Xoán Xosé, unha relación ilícita tratándose dunha parella non casada. Hoxe crese que a moza en cuestión non era filla de Ribera senón unha sobriña, pero o caso é que trala revolta e as peripecias familiares, Ribera, enfermo, reduce considerablemente o seu traballo.

O seu taller ve reducido o número de oficiais, fuxidos de Nápoles por temor ás represalias, e, con todo, aínda asina algunha das súas obras mestras o mesmo ano da súa morte e dá fin a ciclos largamente meditados.

Son exemplos deste momento A Inmaculada Concepción (1650, Museo do Prado), San Xerónimo penitente (1652, Museo do Prado) e unha gran Sagrada Familia (Metropolitan Museum, Nova York) cuxa tenrura e riqueza de cor sintonizan con Guido Reni.

Obras destacadas[editar | editar a fonte]

San Andrés Apóstolo (José de Ribeira).
Altar maior do Convento das Agustinas de Salamanca. No centro, a Inmaculada Concepción.
  • Sileno bébedo (1626). O lenzo atópase no Museo de Capodimonte en Nápoles. Del fixo Ribeira unha versión gravada, con lixeiras variantes. Este cadro reflicte a Sileno tendido sobre un pano rodeado de diversas figuras : un asno e un mozo sátiro cunha cunca na man, outro sátiro que verte viño na copa de Sileno, e un terceiro. No chan atópase un bastón, unha tortuga e unha concha. Algúns autores cren que este cadro é unha interpretación dunha bacanal no curso dun festexo para coroar a Baco, con todo outros opinan que reflicte o perfil clasicista xa que o asocian a Apolo, o deus que na iconografía renacentista e barroca asóciase con Sileno.
  • San Andrés (1630). Atópase no Museo do Prado en Madrid. Representa un santo ante un fondo escuro abrazando a cruz do seu martirio e cun groso anzol na man, ao que está suxeito un peixe. Este detalle alude ao oficio de pescador. Aparece co torso ao descuberto e vese á figura iluminada desde a esquerda. Ao representar esta figura illada con sinxeleza e sentido realista, o pintor crea unha imaxe de profundo impacto emotivo.
  • A muller barbuda (1631). O lenzo atopábase ata hai uns anos no Hospital de Tavera de Toledo (Fundación Casa Ducal de Medinaceli) e actualmente está depositado no Museo do Prado. É un dos cadros máis insólitos da pintura europea do século XVII, xa que reflicte á muller cun aspecto masculino por sufrir hirsutismo. Na obra aflora o drama psicolóxico da muller transformada en home e a resignación do marido.[6]
  • San Pedro. Desde finais dos anos 20 do século XVII foi pintando unha serie sobre o primeiro bispo de Roma, como o do Instituto de Arte de Chicago, o do Museo Kelvingrove de Glasgow ou o que houbo nas Capuchinas de Alacant.
  • A Inmaculada Concepción (h. 1636). O cadro atópase na igrexa do Convento das Agustinas Recoletas de Salamanca situado fronte a un lateral do Palacio de Monterrey. É unha representación tradicional: viste á Virxe con manto azul e túnica branca e incorpora aos anxos ao seu ao redor. Pero chama a atención pola súa desusada formato e a súa exuberancia cromática. Sucia e en malas condicións por longo tempo, foi restaurada con motivo da antolóxica de Ribeira celebrada no Museo do Prado en 1992. É considerada como unha obra esencial da fase de máis intenso pictorismo e luminismo do español e como unha obra mestra da pintura barroca napolitana e española. Foi un encargo persoal do conde de Monterrey e Vicerrei de Nápoles Manuel de Zúñiga Acevedo e Fonseca, para o seu panteón que foi a Igrexa do Convento.
  • A Trindade (1635-1636). Este cadro atópase no Museo do Prado, Madrid. Existe unha réplica de calidade case idéntica no Mosteiro do Escorial. Neste lenzo combina o estilo tenebrista dos seus anos xuvenís, a cal apréciase na violenta iluminación do corpo de Cristo, cun pictoricismo preciosista.
  • O soño de Xacob (1639). Este cadro atópase no Museo do Prado en Madrid. Se narra o episodio do sono de Xacob. A escala soñada é símbolo da vida contemplativa, segundo a interpretación beneditina. No século XVII son frecuentes as versións do episodio coa escala, aínda que Ribera preferiu insistir na humanidade do Pastor.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Josep de Ribera i Cucó". L'Enciclopèdia.cat. Barcelona: Grup Enciclopèdia Catalana. 
  2. Parténope, é o nome da primeira fundación da cidade italiana de Nápoles.
  3. «La revolución de Ribera»[Ligazón morta], Ars Magazine, 1, xaneiro-marzo de 2009.
  4. «El Prado presenta en sociedad al joven Ribera», ABC, 4 de abril de 2011. Véxase tamén a presentación multimedia e os videos da exposición «El joven Ribera», comisariada por José Milicua e Javier Portús, Museo del Prado, do 5 de abril o 31 de xullo de 2011.
  5. Pérez Sánchez, Alfonso E. "José de Ribera". Diccionario Biográfico Español (en castelán). Real Academia de la Historia. 
  6. "La mujer barbuda". Arquivado dende o orixinal o 09 de decembro de 2014. Consultado o 06 de decembro de 2014. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]