Yosyf Slipyi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Josyf Slipyj")
Йосиф Сліпий
Yosyf Slipyi
Cardinal Josyp Slipyj.jpg
Arcebispo Maior da Igrexa Católica Bizantina Ucraína
Cardeal da Igrexa Católica
Ordes
Ordenación sacerdotal 30 de setembro de 1917
Consagración episcopal 22 de decembro de 1939, por Andrei Sheptytskyi
Creado cardeal 1960 (in pectore, polo papa Xoán XXIII)[1]
Arcebispo Maior de Lviv
Cardeal-Presbítero de Sant’Atanasio
1944 - 1984
Predecesor Andrei Sheptytskyi
Sucesor Myroslav Ivan Liubachivskyi
Outros
Coat of arms of Josyf Slipyj.svg
Escudo de Yosyf Slipyi
Ficha en catholic-hierarchy.org

Yosyf Slipyi[2] (en ucraíno: Йосиф Сліпий), nado en Zazdrist, Galicia, o 17 de febreiro de 1892 e finado en Roma o 7 de setembro de 1984, foi un bispo católico ucraíno, Arcebispo Maior de Lviv e cardeal da Igrexa Católica. Preso do réxime soviético, foi finalmente liberado grazas ás presións do Vaticano e dos Estados Unidos para participar no Concilio Vaticano II.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e presbiterado[editar | editar a fonte]

Naceu nunha familia acomodada o 17 de febreiro de 1892 en Zazdrist,[3] Galicia (hoxe óblast de Ternopil), entón parte da chamada Cisleitania do Imperio Austrohúngaro. Estudou inicialmente en Ternopil, e en 1911 entrou no seminario greco-católico de Lviv, pasando posteriormente ao Collegium Canisianum de Innsbruck (Austria), onde se doutorou en 1916 cunha tese co título "Die Auffassung des ewigen Lebens nach dem heiligen Evangelisten Johannes" (O concepto de vida eterna en San Xoán Evanxelista).[4]

O 30 de setembro de 1917 foi ordenado sacerdote[3] en Lviv polo metropolita Andrei Sheptytskyi, e volveu a Innsbruck, onde publicou en 1920 o seu ensaio "Die Trinitätslehre des byzantinischen Patriarchen Photios" (A doutrina sobre a Santa Trindade do Patriarca bizantino Focio).[5][4] Posteriormente, o metropolita enviouno a Roma, entre 1920 e 1922, para estudar no Pontificio Instituto Oriental e na Pontificia Universidade Gregoriana. Á súa volta a Lviv, entón parte da Segunda República de Polonia, foi profesor no seminario, e fundou a revista trimestral "Богословія" (Teoloxía). Pasou a ser o reitor do seminario en 1926, e en 1929 reitor da Academia Teolóxica de Lviv fundada polo metropolita. Baixo a súa direción, a Academia medrou en alumnos e influencia no ámbito teolóxico.

Episcopado[editar | editar a fonte]

En setembro de 1939 comezou a [[Segunda Guerra Mundial], e soviéticos e nazis repartíronse os territorios da República de Polonia, quedando os territorios da Ucraína Occidental incorporados a RSS de Ucraína.

O 22 de decembro de 1939,[3][6] coa beizón do papa Pío XII, Slipyj foi consagrado arcebispo de Lviv con dereito de sucesión polo metropolita Andrei Sheptytskyi, afectado de parálise logo dos anos en prisión baixo o réxime zarista. A consagración foi realizada en segredo, por mor da presenza soviética e da situación política.

Ao mesmo tempo, facendo uso dos poderes que lle dera Pío X, o metropolita estabeleceu os exarcados apostólicos de Rusia, Bielorrusia, a Gran Ucraína, e Volinia, Polesia e Podlasia; para tentar manter a unidade dos grecocatólicos da Unión Soviética con Roma ante a inminente persecución; e Yosyf Slipyi foi nomeado exarca da Gran Ucraína.[7] Os días 18 e 19 de decembro de 1940 celebrouse un sínodo cos novos exarcas en Lviv, e o 22 de novembro de 1941 Pío XII ratificou a nova organización da Igrexa Católica Bizantina e a ampliación da súa xurisdición a toda a URSS.

Cando en 1941 os alemáns tomaron Ucraína mantiveron unha política de relativa tolerancia relixiosa, e cando os soviéticos tomaron novamente o territorio acusaron aos seus opositores de ter colaborado cos nazis. No eido relixioso, sufriron represión os católicos, tanto latinos como bizantinos, e os ortodoxos ucraínos que se negaban a aceptar a autoridade do patriarca de Moscova.

O 1 de novembro de 1944 finou o metropolita, e Slipyi converteuse no líder relixioso da Igrexa Católica Bizantina Ucraína.[3]

Metropolita de Lviv[editar | editar a fonte]

Detención e gulag[editar | editar a fonte]

Logo da conquista de Lviv polo exército soviético, Slipyi laiábase nunha carta ao clero da cidade, con data do 23 de novembro de 1944, da vitoria do comunismo en Ucraína. Co propósito de incorporar forzosamente aos grecocatólicos á Igrexa Ortodoxa Rusa, convocouse un Sínodo en Lviv, e os bispos e relixiosos que non aceptaron as súas conclusións e mantiveron a unión con Roma foron detidos e deportados.

Slipyi, con 53 anos, foi detido xunto con outros bispos o 11 de abril de 1945 pola NKVD e condenado a oito anos de traballos forzados, baixo a acusación de ter colaborado co réxime nazi durante a ocupación alemá. Este foi o primeiro paso no aniquilamento previsto da Igrexa Greco-católica Ucraína por parte das autoridades soviéticas.[8][9][10] Sábese que estivo en 1946 en Mariinsk, en 1947 no gulag de Kirov e noutros en Siberia, no círculo polar ártico.

Dende o gulag seguiu a exercer de metropolita, nomeando bispos e administradores novos cando sabía das mortes e detencións dos xerarcas grecocatólicos. En 1953 foi sentenciado a unha segunda condena en Siberia, por tempo indefinido. Foi dende Maklakovo que escribiu as cartas pastorais de Nadal de 1954 e Cuaresma de 1955, polas que foi condenado por terceira vez; a condena foi agravada por unha carta de 1957 do papa Pío XII, que foi interceptada pola KGB, na que o pontífice felicitábao polo aniversario da súa ordenación sacerdotal.

Logo dun ano de interrogatorios en Kiev, en setembro de [[[1958]] estaba no gulag de Novosibirsk, e a comezos de 1959 na Siberia central. A finais de 1960 foi trasladado a Kiev, para tentar que se manifestara en contra do novo papa Xoán XXIII. As autoridades ofrecéronlle ser nomeado patriarca de Moscova se crebaba a unión con Roma, rexeitando a Unión de Brest, mais Slipyi non aceptou. En lugar diso, redactou dúas cartas ás autoridades soviéticas protestando polo trato aso grecocatólicos, afirmando a súa unión coa Santa Sé, e rexeitando a Igrexa Ortodoxa.

En 1961, no gulag de Mordovia, contraeu unha infección pulmonar, mais librou da morte grazas a pelicilina que conseguiu o sacerdote lituano Alfonsas Svarinskas, tamén prisionero. Até o ano 1963 seguiu en Mordovia. Unha das consecuencias dos continuos cambios de prisión, que tiñan como obxectivo crebar a vontade e seguridade das vítimas e evitar a unión dos prisioneiros, foi que Slipyi as aproveitou para visitar e confortar aos fieis católicos dispersos polo territorio soviético e a escribir e difundir cartas pastorais.

Liberación e exilio[editar | editar a fonte]

Logo de intensas xestións da Santa Sé durante varios anos, Kennedy e Krushchev chegaron a un acordo para liberar a Slipyi e expulsalo da URSS. O 26 de xaneiro de 1963 o Soviet Supremo emitiu a orde de liberación, mais antes de ser liberado consagrou como bispo a Vasyl Velychkovskyi o 4 de febreiro. O 9 de febreiro chegou a Roma, e foi recibido ao día seguinte por Xoán XXIII; cando viu ao papa botouse ao chan e bicoulle os pés e sinal de fidelidade.

Pasou o ano atendendo aos fieis grecocatólicos de Roma, e participou no Concilio Vaticano Segundo. Comezou entonces unha frenética actividade pastoral: visitou o Canisianum de Innsbruck, participou en 1964 no Congreso Eucarístico de Bombai.

Obra[editar | editar a fonte]

  • Die Auffassung des ewigen Lebens nach dem heiligen Evangelisten Johannes [O concepto de vida eterna en San Xoán Evanxelista]. 1916.
  • Die Trinitätslehre des byzantinischen Patriarchen Photios [A doutrina sobre a Santa Trindade do Patriarca bizantino Focio]. 1920.
  • Св. Тома з Аквіну і схоластика [S. Tomé de Aquino e a escolástica]. Lviv. 1925.
  • De principio spirationis in SS. Trinitate: historica-dogmatica inquisitio [O principio inspirador da Santísima Trindade: investigación histórico-dogmática]. Sumptibus "Theologicae Societatis". 1926.
  • Греко-Католицька Богословська Академія і її статути [A Academia Teolóxica Greco-Católica e os seus estatutos]. Lviv. 1930.
  • Віра і наука [A fe e a ciencia]. Lviv. 1935.
  • Подорож до Англії [Viaxe a Inglaterra]. 1936.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Asúmese polo xeral que foi un dos tres cardeais in pectore creados por Xoán XXIII, aínda que non hai probas concluíntes disto. En calquera caso, foi nomeado cardeal abertamente polo papa Paulo VI o 22 de febreiro de 1965
  2. Tamén Josyf Slipyj, Josip Slipyj, Jossyf Slipyj.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Annuario Pontificio. Tipografia Poliglotta Vaticana. 1954. p. 270.
  4. 4,0 4,1 Deutsch-Ukrainische Gesellschaft (1967). Ukraine in Vergangenheit und Gegenwart (Múnic: Verlag Ukraine) (38-44): 64. OCLC 5124107.
  5. Mykhaleyko, Andriy (2009). "Per aspera ad astra": der Einheitsgedanke im theologischen und pastoralen Werk von Josyf Slipyj (1892-1984), eine historische Untersuchung. Würzburg: Augustinus bei Echter. p. 136. ISBN 9783429041786.
  6. Segundo o calendario xuliano.
  7. Zugger, Christopher Lawrence (2001) (en inglés). The Forgotten: Catholics of the Soviet Empire from Lenin Through Stalin. Syracuse University Press. p. 296. ISBN 9780815606796.
  8. Bociurkiw, Bohdan R. (1996). The Ukrainian Greek Catholic Church and the Soviet State (1939-1950). CIUS Press.
  9. Pelikan, Jaroslav (1990). Confessor Between East and West. W.B. Eerdmans Publishing.
  10. "Patriarch Josyf Slipiy". Religious Information Service of Ukraine. http://www.risu.org.ua/eng/major.religions/greek.catholic/josyf.slipiy/.


Dignidades da Igrexa Católica
Predecesor:
Andrei Sheptytskyi
Arcebispo de Lviv dos Ucraínos
19441984
Sucesor:
Myroslav Ivan Liubachivskyi
Predecesor:
(novo cargo)
Arcebispo Maior de Lviv
19631984
Sucesor:
Myroslav Ivan Liubachivskyi
Predecesor:
Gabriel Acacius Coussa
Cardeal-Presbíero de Sant'Atanasio
1965 - 1984
Sucesor:
Lucian Mureșan