Joseph von Fraunhofer
Joseph von Fraunhofer, nado en Straubing o 6 de marzo de 1787 e finado en Múnic o 7 de xuño de 1826, foi un astrónomo, óptico e físico alemán. O cráter Fraunhofer da Lúa foi chamado así na súa honra.
Como científico, enxeñeiro e emprendedor acadou logros como o descubrimento das "liñas de Fraunhofer" no espectro óptico da luz do sol, inventou un novo método de manufactura de lentes e iniciou un negocio de produción de vidro para microscopios e telescopios. Debido ao seu carácter multifacético o instituto tecnolóxico Fraunhofer-Gesellschaft leva o seu apelido.
Traxectoria [editar]
Ao quedar orfo aos once anos, empezou a traballar como aprendiz no obradoiro dun cristalero chamado Philipp Anton Weichelsberger.
En 1801 a empresa na que traballaba derrubouse, e Fraunhofer quedou sepultado baixo os cascallos. Dirixiu a operación de salvamento o propio príncipe elector de Baviera, Maximiliano IV Xosé (futuro Maximiliano I de Baviera. A partir dese intre, o príncipe entrou na vida de Fraunhofer, axúdandolle a obter os libros que necesitaba e forzando a quen lle daba traballo a que permitisen o seu estudo.
Tras oito meses de estudos, Fraunhofer comezou a traballar no Instituto de Óptica da abadía de Benediktbeuern, un monsteiro bieitino desconsagrado adicado á fabricación de cristal. Aquí descubriu o xeito de crear os mellores cristais ópticos, á vez que inventou un método extraordinariamente preciso para medir a dispersión. En 1818 pasou a dirixir o Instituto. Grazas aos extraordinarios instrumentos ópticos que desenvolvera, Baviera substituíu a Inglaterra como referencia na industria óptica.
En 1814 Fraunhofer foi o primeiro que investigou con seriedade sobre as liñas de absorción no espectro do Sol, que serían explicadas de modo exhaustivo por Kirchhoff e Bunsen en 1859, coa invención do espectroscopio. Esas liñas séguense chamando nos nosos días liñas de Fraunhofer en honor seu.
Tamén inventou a retícula de difracción transformando así a espectroscopia de arte a ciencia, demostrando o xeito exacto de medir a lonxitude de onda da luz. Foi o primeiro en decatarse de que os espectros de Sirio e doutras estrelas brillantes eran distintos entre si e do Sol, comezando dese xeito a espectroscopia estelar.
A súa ilustre carreira permitiulle obter un doutorado honoris causa na Universidade de Erlangen en 1822. En 1824 foi distinguido coa orde do Mérito, foi declarado nobre e concedéuselle a cidadanía honoraria de Múnic. Do mesmo xeito que outros moitos fabricantes de cristal na súa época, envelenado polos vapores dos metais pesados Fraunhofer morreu novo, en 1826, aos 39 anos.
