Joseph Greenberg

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Joseph Harold Greenberg

Joseph Harold Greenberg, nado no seo dunha familia xudía en Brooklyn Nova York, o 28 de maio de 1915 e finado o 7 de maio de 2001, foi un prominente e controvertido lingüista e antropólogo africanista, coñecido polos seus traballos tanto na clasificación de linguas como en tipoloxía lingüística. Durante moitos anos traballou na Universidade de Stanford (Stanford University).

Traxectoria[editar | editar a fonte]

A reputación de Greenberg asenta en parte nas súas contribucións á lingüística sincrónica e a súa busca para identificar universais lingüísticos. A fins da década de 1950, Greenberg comezou a examinar o corpus de linguas que cubrían unha vasta dispersión xeográfica e xenética. Localizou numerosos universais potencialmente interesantes, así como fortes tendencias de entrecruzamento lingüístico.

En particular, Greenberg ideou a noción de "universal implicatorio", que toma a forma: "se unha lingua posúe a estrutura X, entón debe tamén ter a estrutura Y". Por exemplo, X pode ser "vogais semianteriores redondas" e Y "vogais anteriores redondas". Este tipo de investigación foi continuada por moitos investigadores que seguiron o exemplo de Greenberg e constitúe aínda un importante fito na lingüística sincrónica.

Como Noam Chomsky, Greenberg buscou descubrir as estruturas universais subxacentes na lingua humana. Diferentemente a Chomsky, a aproximación de Greenberg foi máis be empírica que lóxico-dedutiva. O achegamento de Greenberg, con frecuencia caracterizado como "funcionalista", é correntemente contraposto á aproximación racionalista de Chomsky. Un chamamento para reconciliar as posturas de Greenberg e Chomsky pode verse en Linguistic Universals, editado por Ricardo Mairal e Juana Gil (2006).

Moitos dos que se opoñen con forza aos métodos clasificatorios de linguas (ver abaixo), porén recoñecen a importancia da súa obra tipolóxica, en particular do seu tremendamente influente artigo de 1963, "Some universals of grammar with particular reference to the order of meaningful elements."

Comparación masiva[editar | editar a fonte]

Greenberg propuño un polémico método para buscar relacións históricas cando se compara demasiadas linguas como para que poida ser práctico o método tradicional de establecer relacións regulares entre sons; unha situación que aflora en particular cando se tenta estabelecer familias lingüísticas de longo alcance histórico en rexións do mundo onde só foron reconstruídas poucas familias lingüísticas ou mesmo ningunha, ou ben onde a diferenciación lingüística é especialmente grande. Este método foi acollido entusiasticamente por moi poucos especialistas de lingüística histórica (e por moitos xenetistas), mais foi rexeitado como "pseudociencia" pola maioría dos especialistas de lingüística histórica. Véxase comparación masiva léxica para discusións máis minuciosas.

Con o uso do método de comparación masiva, Greenberg chegou a efectuar numerosas clasificacións novas de linguas. Todas estas clasificacións foron rexeitadas cando apareceron por vez primeira, como incorrectas factualmente e insólitas metodoloxicamente. Desde entón, algunhas teñen sido aceptadas integramente; outras están xa rexeitadas e o estado doutras está pendente. Pódense ver adiante.

Clasificación xenética[editar | editar a fonte]

Linguas africanas[editar | editar a fonte]

artigo principal: Linguas de África

Greenberg é amplamente coñecido polo se desenrolo dun novo sistema clasificatorio das linguas de África, que foi publicado en 1963. Tal clasificación foi por un tempo considerada moi ousada e especulativa, especialmente pola súa proposta da familia de linguas Nilo-saharianas, pero é hoxe aceptada en xeral, excepto entre especialistas de lingüística histórica. Neste traballo, Greenberg cuñou o termo afroasiático en substitución do anterior "camito-semítico".

A clasificación de Greenberg baseouse amplamente en traballos clasificatorios anteriores; realizou agrupacións de novas macrofamilias axuntando familias xa estabelecidas, para o que utilizou o seu método de comparación masiva. A clasificación foi usada en traballos posteriores e algúns especialistas en lingüística histórica propuxeron agrupamentos de familias lingüísticas aínda máis extensos. Harold C. Fleming introduciu a familia omótica e Gregersen propuxo reunir a as familias Níxer-Congo e a Nilo-saharianas nun grupo maior que denominou familia Congo-sahariana, que foron á súa vez aceptadas por Greenberg, aínda que no caso da familia Congo-sahariana só implicitamente.

O traballo de Greenberg sobre as linguas africanas foi criticado polos especialistas en lingüística histórica Lyle Campbell e Donald Ridge, que coidaron que a súa clasificación non se axustaba aos datos e solicitaron un reexame dos seus macrophyla cun "método fiábel" (Ringe 1993:104). Fleming e Bender, que simpatizaban con a clasificación de Greenberg, recoñeceron que polo menos algunhas das macrofamilias (en particular a Nilo-sahariana e a khoisánida non eran enteiramente aceptadas pola comunidade lingüística (Campbell 1997).

Linguas Indo-Pacificas[editar | editar a fonte]

En 1971 Greenberg propuxo a superfamilia Indo-Pacifica, que agrupa conxuntamente as linguas papúas (varias familias lingüísticas faladas en Papúa-Nova Guinea e rexións próximas que non usan linguas austronésicas), e as linguas nativas de Tasmania e máis as illas Andamán, mais excluíu as linguas australianas aborixes. Este agrupamento está considerado pola maioría dos lingüistas como moi especulativo e non é aceptado por ninguén que traballe con as linguas de Papúa ou de Tasmania.

As linguas das Américas[editar | editar a fonte]

As linguas aborixes do continente americano están habitualmente clasificadas en numerosas familias independentes entre 600 e 2.000 (Diamond 1997:368), ben que nalgúns casos haxa familias que agrupen territorios bastante extensos, como a esquimo-aleutiana, a na-dené, a alquina, a uto-azteca, a chibcha, a andino-ecuatorial e outras.

Xa en 1957, Greenberg estaba convencido de que moitas das linguas americanas, illadas ou sen relacionar, podían seren clasificadas dentro de agrupacións maiores. En 1987 no seu libro Language in the Americas, mantivo as familias esquimo-aleutiana e na-dené , mais propuxo reunir todas as demais linguas nunha única familia que denominou amerindia.

Esta nova clasificación, que simplificaba extraordinariamente o mapa lingüístico indio, foi recibido con ruidosas críticas por parte de especialistas en lingüística, na que segundo a súa opinión, abundaban os erros de todo tipo. Estes eran mínimos para os defensores de Greenberg e non afectaban ao conxunto da obra.

Linguas eurasiáticas[editar | editar a fonte]

Nos seus últimos anos, propuxo unir varias familias de linguas de Europa e Asia nun amplo grupo, ou superfamilia, que denominou Euroasiático, parecido ao que propuxera Vladislav Illich-Svitych co nome de Nostrático. Esta proposto foi ben acollida polos nostratistas. Greenberg incluíu no Euroasiático as seguintes familias: indoeuropeo, urálico, altaico, coreano e xaponés (inclusos no altaico por outros filólogos), o chukche-kamchatkano e máis o esquimo-aleutiano. En suma toda Europa, boa parte de Asia e máis o Ártico americano. O Nostrático acolle o indoeuropeo, urálico e altaico, máis as linguas dravidianas da India, a familia afroasiática (é dicir a antiga camito-semítica) e parte das linguas caucásicas.

Selección de obras de Greenberg[editar | editar a fonte]

  • 1957. Essays in Linguistics. Chicago: University of Chicago Press.
  • 1963 (ed.). Universals of Language. Cambridge: MIT Press.
  • 1963. "Some universals of grammar with particular reference to the order of meaningful elements," in Universals of Language, pp. 73–113. Cambridge: MIT Press.
  • 1963. The Languages of Africa. Bloomington: Indiana University Press. (Polo mesmo editor: segunda edición revisada, 1966; terceira edición, 1970. As tres edicións foron simultaneamente publicadas en A Haia por Mouton &. Co.)
  • 1970. "Some generalizations concerning glottalic consonants, especially implosives." International Journal of American Linguistics 36, 123-145.
  • 1971. "The Indo-Pacific hypothesis." In Thomas A. Sebeok et al. (editors), Current Trends in Linguistics, Volume 8: Linguistics in Oceania, 807-871. The Hague: Mouton de Gruyter.
  • 1978 (ed.). Universals of Human Language, Volume 1: Method and Theory. Stanford: Stanford University Press.
  • 1978 (ed.). Universals of Human Language, Volume 2: Phonology. Stanford: Stanford University Press.
  • 1978 (ed.). Universals of Human Language, Volume 3: Word Structure. Stanford: Stanford University Press.
  • 1978 (ed.). Universals of Human Language, Volume 4: Syntax. Stanford: Stanford University Press.
  • 1987. Language in the Americas. Stanford: Stanford University Press.
  • 2000. Indo-European and Its Closest Relatives: The Eurasiatic Language Family, Volume 1: Grammar. Stanford: Stanford University Press.
  • 2002. Indo-European and Its Closest Relatives: The Eurasiatic Language Family, Volume 2: Lexicon. Stanford: Stanford University Press.
  • 2005. Genetic Linguistics: Essays on Theory and Method, edited by William Croft. Oxford: Oxford University Press.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]