Josef Mengele

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Josef Mengele.

Josef Mengele, nado en Günzburg (Bavaria) o 16 de marzo de 1911 e finado en Bertioga (Brasil) o 7 de febreiro de 1979 foi un médico nazi que realizou experimentos nos prisioneiros do campo de concentración de Auschwitz. É considerado un asasino sádico e participante na selección de persoas para ser enviadas as cámaras de gas. Coñecíano como "Beppo" e como o "Anxo da morte".

[editar] Traxectoria

Mengele era o maior dos tres fillos de Karl Mengele (1881-1959) e a súa esposa Walburga (falecida en 1946), uns ricos industriais da cidade de Günzburg (Baviera). Os seus irmáns pequenos eran Karl Mengele (19121949) e Alois Mengele (19141974). Estudou medicina e antropoloxía nas universidades de Múnic, Viena e Bonn. En Múnic doutorouse en antropoloxía en 1935 cunha tese doutoral acerca das diferenzas raciais na estrutura da mandíbula inferior, baixo a supervisión do profesor Theodor Mollison. A continuación viaxou a Frankfurt, onde traballou como axudante de Otmar von Verschuer no Instituto de Bioloxía Hereditaria e Hixiene Racial da Universidade de Frankfurt. En 1938 doutorouse en medicina cunha tese doutoral titulada Estudos da fisura labial-mandibular-palatina en certas tribos.

En 1932, a idade de 21 anos, Mengele afiliouse ó Casco de Aceiro, Liga dos soldados da vangarda (Stahlhelm, Bund der Frontsoldaten), asociación nazi que se incorporou a Sturmabteilung (SA) en 1933 e que Mengele abandonou pouco despois alegando problemas de saúde. Afiliouse ó partido nazi en 1937 e no ano 1938 entrou na SS. Entre 1938 e 1939 serviu durante seis meses nun rexemento de infantería lixeira de tropas da montaña. En 1940 foi destinado á reserva do corpo de médicos, comezando un período de tres anos no que serviría nunha unidade SS. En 1942 resultou ferido na fronte rusa e foi declarado non apto para o combate. Grazas ao seu comportamento brillante fronte ó inimigo na fronte oriental ascendeu ó rango de capitán. O seu seguinte destino foi o campo de concentración de Auschwitz en substitución doutro doutor que caera enfermo. O 24 de maio de 1943 converteuse no oficial médico do chamado campo xitano, unha parte de Auschwitz-Birkenau. En agosto de 1944 este campo foi pechado e todos os seus prisioneiros gaseados. Consecuentemente, Mengele converteuse no oficial médico en xefe do principal campo de enfermería de Birkenau. Aínda así, non foi o oficial médico en xefe de Auschwitz; por encima na xerarquía encontrábase o médico da fortificación Eduard Wirths.

Foi durante a súa estancia de 21 meses en Auschwitz cando o doutor Mengele logrou a súa infamia, gañando o alcume de "anxo da morte". Cando os vagóns de tren repletos de prisioneiros chegaban a Auschwitz II (Birkenau), a maior parte das veces Mengele esperaba na plataforma xunto a outros médicos para seleccionar ós mais aptos para o traballo e a experimentación, así como quen serían enviados inmediatamente ás cámaras de gas.

Os xemelgos resultaban particularmente interesantes para Mengele. A partir de 1943, os xemelgos eran seleccionados e situados en barracóns especiais. Practicamente todos os experimentos de Mengele foron dun valor científico dubidoso, pero financiados con miles de millóns de marcos, deixando fóra a súa falta absoluta de ética, incluíndo intentos de cambiar a cor dos ollos mediante a inxección de substancias químicas nos ollos dos nenos, amputacións diversas e outras cirurxías brutais, e polo menos nunha ocasión, un intento de crear siameses artificialmente mediante a unión das veas duns irmáns xemelgos (a operación foi un fracaso e o único resultado foi que as mans dos nenos se infectaron gravemente). As persoas obxecto dos experimentos de Mengele, no caso de sobreviviren ó experimento, foron case sempre asasinados para a súa posterior disección.

Josef Mengele abandonou Auschwitz e foi ó campo de concentración de Gross-Rosen.

En abril de 1945 fuxiu ata o oeste camuflado como un membro da infantería regular alemá. Resultou capturado como prisioneiro de guerra e retido cerca de Nuremberg. Foi liberado polos aliados, que descoñecían a súa identidade. Tras agocharse como granxeiro na Alta Baviera, Mengele partiu a Arxentina en 1949 onde moitos outros oficiais nazis fuxidos tamén atoparon refuxio. Mengele divorciouse da súa esposa Irene e no ano 1958 casou coa muller do seu irmán Karl, Martha. Ela e o seu fillo mudáronse a Arxentina para reunirse con Mengele, aínda que os dous voltaron a Europa anos despois.

A súa familia en Alemaña axudábao economicamente e prosperou nos 50, primeiro montando unha tenda de xoguetes e despois como socio dunha empresa farmacéutica. Aínda así, a partir de entón Mengele viviu de maneira modesta. En 1959 viaxou a Paraguai e desde 1960 viviu en Brasil ata a súa morte en 1979, cando se golpeou mentres nadaba e afogou.

A pesar dos esforzos internacionais para seguirlle o rastro, xamais foi detido e viviu durante 35 anos baixo diversas identidades falsas. A captura de Adolf Eichmann, xulgado por Israel, alimentou os medos de Mengele e os seus continuos movementos. O Mossad perseguiuno durante algún tempo, pero os esforzos de Israel dirixíronse á normalización das relacións con Paraguai e a loita contra inimigos máis próximos. Os perseguidores dos nazis non o atoparon ata 1985 cando se descubriu e identificou o seu corpo nun labor conxunto das autoridades estadounidenses, alemás e de algúns países suramericanos. En 1992, as análises de ADN confirmaron a súa identidade.

Mengele foi tamén un personaxe literario e cinematográfico, aparecendo en novelas, posteriormente levadas ó cine, como Os nenos do Brasil e Marathon Man. Foi tamén obxecto da canción "Angel of death" (‘anxo da morte’) do grupo Slayer no seu álbum Reign in blood (1986).

Ferramentas persoais
Espazos de nomes

Variantes
Accións
Navegación
Imprimir/exportar
Caixa de ferramentas
Outras linguas