José Luis López Iglesias

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
José Luis López Iglesias
Nacemento23 de novembro de 1930
Lugar de nacementoBetanzos
Falecementomaio de 2017
Lugar de falecementoOurense
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónenxeñeiro e político
editar datos en Wikidata ]

José Luis López Iglesias, nado en Betanzos o 23 de novembro de 1930 e finado en Ourense en maio de 2017, foi un enxeñeiro e político galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo dun xeneral de brigada de Infantaría. Cursou estudos de Enxeñeiro Técnico en Madrid. Enxeñeiro de Obras Públicas, funcionario da Xefatura Provincial de Estradas de Ourense dende 1959. Foi concelleiro en Ourense durante a ditadura franquista en representación do terzo de entidades. Coa transición afiliouse ao PSOE, foi director do Pavillón dos Deportes, o polideportivo local. Posteriormente pasouse á UCD para ser o candidato a alcaldía de Ourense nas primeiras eleccións democráticas. Foi elixido alcalde cos nove votos do seu partido e o apoio dos dous concelleiros independentes.[1]

Posteriormente encabezou Coalición Galega nos comicios de 1983, perdendo a acaldía fronte a AP con tan só 4 concelleiros. Logo pasou ao CDS, en 1986, pero saíuse da formación centrista en 1987 para encabezar a candidatura de Independentes de Galicia nas eleccións de 1987, logrando 3 concelleiros e apoiando na investidura ao socialista Manuel Veiga Pombo. Porén, dado que a suma se quedaba a un concelleiro da maioría absoluta AP mantivo a alcaldía como lista máis votada ata o mes de decembro, cando o alcalde Jorge Bermello presentou a súa dimisión por falta de apoios. Desta forma, socialistas e independentes conseguiron o apoio do edil do CDS Balbino Álvarez, polo que puideron alcanzalo goberno e pasou a selo primeiro tenente de alcalde e concelleiro de urbanismo. En setembro de 1990 o concelleiro electo por IG José Luis Mondelo, que abandonara a disciplina de partido xuño de 1988, encabezou unha moción de censura co apoio de centristas e populares que expulsou os socialistas e independentes do goberno. Posteriormente foi de número 2 na candidatura municipal do PSdeG-PSOE nos comicios locais de 1991, por detrás de Manuel Veiga Pombo, que logrou a vitoria e recuperou a alcaldía, volvendo López Iglesias a ser primeiro tenente de alcalde e concelleiro de urbanismo. Tras diversas discrepancias foi cesado en abril de 1994. En 1995 encabezou a Plataforma de Independientes de España, quedando moi lonxe de conseguir representación con apenas un 1,6% dos votos. López Iglesias encabezou dita candidatura sendo a quinta formación política diferente coa que se presentaba dende 1979. Tralos devanditos comicios, abandonou a vida política. Finou en Ourense en maio de 2017.[2]


Predecesor:
Celso Vázquez-Gulías Álvarez
 
Alcalde de Ourense
 
1979 - 1983
Sucesor:
Antonio Caride-Tabarés

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou con Luisa Martínez Valverde e foi pai de Luisa e Jacobo López Martínez.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "José Luis López, un alcalde de caracter energético pero transigente con las propuestas lógicas". La Voz de Galicia, 21-4-1979, p. 30, 35.
  2. "José Luis López Iglesias, el alcalde que llegó con las urnas", artigo en la Voz de Galicia, 26 de maio de 2017 (en castelán).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]