Leonardo Lemos Montanet

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «José Leonardo Lemos Montanet»)
José Leonardo Lemos Montanet
Bispo da Igrexa católica latina
Biografía
Nacemento31 de maio de 1953 en Barallobre (Fene)
Alma máterUniversidade Pontificia de Salamanca
Universidade Pontificia Gregoriana
Universidade Pontificia San Tomé de Aquino
Ordes
Ordenación sacerdotal19 de maio de 1979, por Ángel Suquía
Consagración episcopal11 de febreiro de 2012, por Julián Barrio
Bispo de Ourense
2011 - actualidade
PredecesorLuís Quinteiro Fiúza
Outros

Escudo de José Leonardo Lemos Montanet
Omnia in Caritate[1]
Ficha en catholic-hierarchy.org

José Leonardo Lemos Montanet, nado en Barallobre (Fene), o 31 de maio de 1953, é un crego católico galego, bispo de Ourense dende 2011.

Mocidade[editar | editar a fonte]

Leonardo Lemos naceu na parroquia de Santiago de Barallobre, no concello de Fene. Aos nove anos a súa familia trasladouse a vivir a Ferrol por razóns laborais.

A súa era unha familia de militaresː seu pai, dous de seus tíos e mais o seu curmán estudaron na Escola Naval Militar de Marín[2]. Porén marchou a estudar o COU no Instituto Xelmírez de Santiago de Compostela, onde entrou no seminario.[3]

Traxectoria eclesiástica[editar | editar a fonte]

Comezos[editar | editar a fonte]

Estudou no seminario maior de Santiago de Compostela e licenciouse en Estudos eclesiásticos pola Universidade Pontificia de Salamanca en 1978, ano no que tamén será ordenado diácono. En setembro deste ano foi nomeado formador do seminario menor da Asunción. É a partir deste momento cando fai parte da Sociedade Sacerdotal da Santa Cruz, asociación de cregos vencellada ao Opus Dei[3][4].

O 19 de maio de 1979 foi ordenado sacerdote da arquidiocese compostelá polo seu arcebispo, Ángel Suquía Goicoechea.[3]

Logo de ser ordenado sacerdote comezou dando clase no seminario menor de Santiago de Compostela e como axudante do crego en Conxo. Posteriormente marchou a Roma a proseguir a súa formación. Dunha banda licenciouse en Filosofía teorética pola Universidade Gregoriana en 1984 e doutra diplomouse en Arqueoloxía polo Instituto Pontificio de Arqueoloxía, e en Arquivística e Biblioteconomía tamén no Vaticano. En 1987 conseguiu doutorarse en Filosofía pola Universidade Pontificia San Tomé de Aquino, tamén na capital italiana.

Ao remate dos seus estudos volveu a Galicia e estableceuse en Santiago de Compostela, onde conseguiu traballo como capelán dunha residencia universitaria relixiosa, e dando clase tamén no seminario maior da cidade. En 1992 recibiu o encargo de ser o director da biblioteca da diocese. En 2001 nomeárono director técnico de estudos do seminario menor, en 2003 ascendeu a cóengo da catedral de Santiago e en 2005 chegou a ser secretario capitular da mesma, mentres que daba misa na parroquia de San Fernando, no centro da cidade de Santiago.

Bispo de Ourense[editar | editar a fonte]

O 16 de decembro de 2011 foi designado bispo de Ourense polo papa Bieito XVI[5], recibindo a consagración episcopal polo arcebispo compostelán Julián Barrio o 11 de febreiro de 2012. Os bispos co-consagrantes foron Renzo Fratini, nuncio para España, os seus predecesores na sé auriense Luís Quinteiro Fiúza, Xosé Diéguez Reboredo e Carlos Osoro, e o bispo de Astorga Camilo Lorenzo Iglesias.

En abril de 2013, con ocasión da "Xornada pola Vida" convocada pola Conferencia Episcopal Española, monseñor Lemos escribiu unha carta na que chamaba á protección da vida humana dende a concepción, lembrando a postura doutrinal da Igrexa católica en canto ao aborto inducido.[6]

Sucesión apostólica[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Sucesión apostólica.


Dignidades da Igrexa católica
Predecesor:
Luís Quinteiro Fiúza
 
Bispo de Ourense
 
2011 -
Sucesor:
no cargo

Notas[editar | editar a fonte]