Joan Salvat-Papasseit

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estatua no Moll de la Fusta, onde traballou de vixilante nocturno. A escultura, de Robert Krier, inclúe unha placa co seu poema "Nocturn per a acordió".

Joan Salvat-Papasseit, nado en Barcelona o 16 de maio de 1894 e finado na mesma vila o 7 de agosto de 1924, foi un poeta catalán, máximo representante do futurismo na literatura catalá.

Coñecido como poeta de vangarda, desenvolveu tamén unha grande actividade como redactor de artigos de crítica social en castelán e catalán, en simpatía coas correntes anarquistas e socialistas da época. O seu estilo enérxico e impulsivo contrasta coa súa vida rutinaria e de repouso por mor da súa precaria saúde, de feito morreu de tuberculose con 30 anos.

A súa vida mantívose esquecida durante anos, popularizándose a partir da década de 1960 grazas sobre todo aos artistas da Nova Cançó.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Mocidade[editar | editar a fonte]

Era fillo dun mariñeiro del Pla de Santa María, Joan Salvat Solanas, e de Elvira Papasseit Orovitx, natural de Miravet. Quedou orfo de pai con sete anos, tras un accidente en 1901 no barco Montevideo, que facía o traxecto Barcelona - Cádiz para a Compañía Trasatlántica Española, onde o pai traballaba de fogoneiro. Joan foi levado pola nai ao asilo naval canda ao seu irmán pequeno, Miquel. Por este motivo, Joan apenas foi á escola primaria, agás unha breve tempada cos salesianos. Tivo que traballar desde novo, comezando en 1906 como aprendiz nunha droguería, e facendo tamén tallas relixiosas. Tras isto, matriculouse na Escola LLotja de artes e oficios, abandonándoa pouco despois:

A súa vocación de tallista desvaneceuse como por ensalmo. Entón, de modo instintivo, colleu os papeis que levaba sempre no peto para debuxar e púxose a escribir cousas incoherentes, inconexas, cun estilo seco, de mala forxa e áspero que sería sempre a tónica característica da súa prosa.
Emilio Eroles, Memòries d’un llibre vell (1971).

Joan volcouse en actividades de motivación política a partir da Semana Tráxica de 1909.

En 1911 coñeceu ao libreiro e simpatizante anarquista Emilio Eroles[1]. Emilio tiña un posto de libros usados no Mercado de Santa Madrona, activo até a década de 1960. Alí, Joan Salvat e Emilio tiñan tertulia con Joan Alavedra i Segurañas (1896 - 1981), Antonio Palau i Dulcet e outros afeccionados á literatura e á política. Nesa época comezou a ler autores que lle serían de grande influencia, como Nietzsche, Henrik Ibsen ou Gorki.

Eroles, Alavedra, Palau e Salvat afiliáronse ao Ateneo Enciclopédico Popular, do que Salvat chegaría a ser secretario xeral, membro da sesión de cultura e bibliotecario. Estar no ateneo permitiulle o acceso a obras de autores como Tolstoi, Zola, Kropotkin, Jaume Brossa, Valentí Almirall, Joaquín Costa, Jacinto Verdaguer, Joan Maragall ou Dídac Ruiz. Amais, alí coñeceu a pensadores, literatos e activistas da época e asistir ás súas intervencións, cn autores como Ortega y Gasset, Salvador Seguí, Francesc Layret, Marcelino Domingo, Gabriel Alomar, Andreu Nin, Lluís Companys, Pompeu Gener i Babot, Eugeni d'Ors, Josep Maria de Sucre i de Grau, Àngel Samblancat ou Joaquín Torres García, este último quen o iniciou nos movementos de vangarda.

Os mesmos catro amigos, Eroles, Alavedra, Palau e Salvat, formaron en 1911 o Grup Antiflamenquista Pro-Cultura, dedicado a repartir panfletos, por exemplo en protesta polas touradas. En 1913 coñeceu a Daniel Cardona, que o introduciu nos ambientes nacionalistas radicais. A partir de 1914 introduciuse nos círculos independentistas máis radicais. En 1923 Joan Salvat prologou un libro de Cardona, La batalla, no que expresa claramente a súa simpatía pola tendencia separatista.

En 1912 Salvat comezou a saír con Carme Eleuterio i Ferrer (1894-1967), unha moza do seu barrio, coa que casou en 1918 e tivo dúas fillas: Salomé (nada en 1919) e Núria (1922 - 1924).

Redactor e editor de revistas[editar | editar a fonte]

En 1914 entrou xunto a Eroles na redacción da revista libertaria Los Miserables, subtitulada «Eco de los que sufren hambre y sed de justicia». A revista estaba impulsada por Fernando Pintado, Àngel Samblancat e Lluís Capdevila i Vilallonga, e nela traballou até 1916 baixo o seudónimo de Gorkiano. Nese mesmo ano comezou como bibliotecario no Ateneo Enciclopédico Popular, dando inicio á serie de artigos que máis tarde escolmaría en Humo de fábrica.

Como esas colaboracións eran non remuneradas, comezou a traballar no peirao como vixilante nocturno, no Moll de la Fusta (Peirao da madeira), se ben xa nesa época estaba débil de saúde.

Afiliouse á Juventud Socialista Barcelonesa, e comezou a colaborar nas revistas de Justicia Social, organización de Reus. Na revista Sabadell Federal publicou por entregas en 1916 as Glosas de un socialista.

Ese mesmo ano foi condenado a dous meses e un día de prisión por mor dun artigo publicado en Los Miserables, titulado «Un pueblo: Portugal». Tras saír de prisión comezou a traballar como encargado da sección de librería nas Galerías Layetanas. Alí comezou a relacionarse con poetas como Josep Vicenç Foix, Josep Maria Junoy ou Joaquim Folguera. O lugar, coñecido máis tarde co nome de Llibreria Nacional Catalana, foi convertido por Joan e o seu irmán Miquel nun dos lugares importantes da vangarda literaria.

Daquela recibiu a influencia do artista uruguaio Rafael Barradas, promotor do vibracionismo, e comezou a interesarse pola literatura de vangarda.

Portada do primeiro número da publicación Un enemic del poble (marzo de 1917).

En 1917 comezou a publicar os seus aforismos na revista Un enemic del Poble [2], subtitulada Fulla de subversió espiritual. Salvat-Papasseit era redactor xefe da revista e autor de diversos artigos, escritos xa en catalán. A revista contaba cun equipo de colaboradores bastante regular. A súa temática principal era de carácter político, sobre todo encol do anarquismo e o pacifismo, pero co tempo foi dedicando máis atención aos asuntos culturais e á creación literaria. Tamén en 1917 debutou como crítico de arte na revista Vell i Nou.

Poesía[editar | editar a fonte]

«Caligrama 2», do libro El poema de la rosa als llavis (1923).

O seu primeiro poema, "Columna vertebral: Sageta de foc", foi publicado a finais de 1917. Nel aparece claramente definida a súa concepción da poesía de vangarda como instrumento para atacar as convencións burguesas.

En 1918 publicou unha recompilación de artigos políticos en castelán: Humo de fábrica. Contaba con prólogo de Samblancat, e foi posible mercede á axuda das Galerías Laietanas. No epílogo Salvat insinúa o paso da crítica política á creación poética. En febreiro dese mesmo ano editou o único número da revista Arc-Voltaic, con evidentes influencias do futurismo.

Nese mesmo ano comezou a enfermar de tuberculose, o que implicou longas estancias en sanatorios até a súa morte.

Versión manuscrita do poema «Omega», do libro póstumo Óssa Menor.

En 1919, ano en que comezou a publicar só en catalán, publicou o seu primeiro libro de poesía, Poemes en ondes hertzianes, con poemas escritos desde 1917. Tamén nese ano escribiu o poema "Missenyora la Mort", publicado no número 5 da revista La Columna de Foc. Esta é a única obra na que trata de modo directo o tema da morte.

En 1920 comezou a súa carreira como editor coa Llibreria Nacional Catalana, logo dunha breve viaxe a París. Colaborou en varias publicacións con artigos catalanistas. En xullo dese ano redactou e publicou o manifesto Contra els poetes amb minúscula. Primer manifest futurista català. Desde entón, o seu ideario funde catalanismo e vangardismo, autodefiníndose como «poetavanguardistacatalà».

En 1921 iniciou unha nova revista, Proa, da que apareceron dous números. En abril dese ano publicouse o seu segundo libro de poemas, L’irradiador del port i les gavines, con textos escritos entre 1919 e 1921. En inverno foi internado no sanatorio de La Fuenfría, en Cercedilla (Madrid); nesa época escribiu os poemas que formarían o seu terceiro libro, Les conspiracions, aparecido en 1922. Neles desenvolve as súas ideas independentistas máis radicais, propoñendo para Cataluña unha solución semellante á de Irlanda, independente desde ese mesmo ano.

De carácter optimista até o final, Salvat apenas trataba nos seus poemas o seu delicado estado de saúde. Con todo, no poema "Tot l'enyor de demà" (de L'irradiador del Port i les gavines, deixa entrever a súa convalecencia que trata o tema do enfermo que ten ganas de erguerse.

A finais de 1922 publicou a súa cuarta obra poética: La gesta dels estels. En 1923 publicou El poema de la rosa als llavis.

Trala súa morte, deixou baixo a almofada uns poemas, ordenados por Agustí Esclasans i Folch e publicados por Joan Merli i Pahissa co título de Óssa Menor en 1925.

Obra[editar | editar a fonte]

Vangarda e academicismo[editar | editar a fonte]

Recibiu influencia dos caligramas de Apollinaire e do futurismo de Marinetti, especialmente nas súas primeiras obras, que son mostra da atracción dos futuristas por inventos coma o telégrafo, a radio ou o tranvía.

Desenvolveu unha liña lírica aproximada á poesía popular, á canción, e á evolución de parte do movemento catalán novecentista, no que acabou desembocando.

Temática[editar | editar a fonte]

Na súa prosa e en boa parte da súa poesía partía das vivencias cotiás e das novidades que lle chegaban por medio da prensa e a correspondencia. A súa sensibilidade e paixón insistían en detalles e situacións destes elementos cotiáns que convertían un instante nunha vivencia única e especial.

O tratamento do amor e o erotismo é un trazo distintivo da súa poesía, especialmente no poema "La rosa als llavis". O mar, o porto, os mariñeiros, a piratería e o ambiente mariñeiro en xeral ocupan unha liña temática marcada por un espírito nómade e aventureiro. A súa vida, desde a morte do seu pai en alta mar até o seu traballo no peirao, estivo marcada polo mar.

Amosaba grande amor e respecto pola infancia, vendo nela a esperanza dun futuro mellor. Loubaba a nova xeración da pedagoxía, a expansión da escola pública en catalán e os artistas que traballaban para a infancia. A maior parte dos relatos e poemas relacionados co mundo da infancia apareceron publicados en 1921 na revista infantil La Mainada. Tamén se conservaron decenas de postais escritas desde os hospitais ás súas fillas, se ben as Postals a les filles nunca foron publicadas.

Crenzas[editar | editar a fonte]

Joan Salvat era unha persoa de fortes conviccións, se ben estas foron mudando co paso do tempo. Durante un tempo militou no socialismo, pero a súa natureza individualista e o rexeitamento sistemático dos programas políticos levárono a posicións anarquistas. Con todo, nunca tivo nin defendeu unha liña política unívoca, oscilando entre o cristianismo, o socialismo, o anarquismo e o catalanismo separatista.

Un elemento ideolóxico común nas etapas da súa vida foi a defensa da educación e da cultura como instrumentos fundamentais da revolución e da emancipación, xa fose nacional ou de clase. No centro das súas críticas estaban tanto os represores da cultura como quen a ignoraba. Os seus escritos máis viscerais contra España tratan sobre as malas artes da clase gobernante con respecto á cultura: os ataques de que a facían obxecto e a exaltación e promoción que facían dos seus principais inimigos, como a incultura voluntaria e orgullosa, a propia vontade de incultura, o analfabetismo funcional, e a barbarie pretendidamente racial baseada en trazos supostamente nacionais (o que el e os seus compañeiros chamaban «flamenquismo»).

Revistas[editar | editar a fonte]

Epistolarios[editar | editar a fonte]

Artigos en castelán[editar | editar a fonte]

Artigos en catalán[editar | editar a fonte]

  • "La ploma d'Arista (o d'Aristarc)". La Publicidad, 1921. Conxunto de cinco artigos sobre o vangardismo.
  • "Marianetti: 8 ànimes i una bomba, novel•la explosiva". Proa. 1921.
  • "L'home i el llibre. Les vint cançons de Tomàs Garcés". La Publicidad. 1923.

Manifestos[editar | editar a fonte]

Ensaio[editar | editar a fonte]

Narrativa breve[editar | editar a fonte]

  • "Una nit de Nadal". La Publicitat, 24 de decembro de 1929.

Narrativa infantil e xuvenil[editar | editar a fonte]

  • "Els nens de la meva escala" e "Dites d'infant". La Mainada, a partir de 1921.

Poesía[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Iñiguez, Miguel: Enciclopedia histórica del anarquismo español. Fundación Anselmo Lorenzo, 2008.
  2. Un enemic del Poble
  3. Catálogo na hemeroteca Lluis Vives.
  4. Catálogo na hemeroteca Cervantes Virtual.
  5. Arc Voltaic, na hemeroteca Cervantes Virtual.
  6. Catálogo na hemeroteca Lluis Vives.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]