Joan Pujol García

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Joan Pujol cando traballaba para o MI5.

Joan Pujol García, nado en Barcelona o 14 de febreiro de 1912 e finado en Choroní (Venezuela) o 10 de outubro de 1988, foi un axente duplo catalán, coñecido polo seu nome en clave británico Garbo e alemán Arabel.

Axente do Reich[editar | editar a fonte]

Pujol tivo unha profunda aversión cara á Alemaña Nazi e a Unión Soviética logo das súas vivencias do fascismo e do comunismo en España trala guerra civil. Cara a 1940 decidiu contribuír á fin da Segunda Guerra Mundial axudando a Gran Bretaña, único adversario de Alemaña naquel momento.

A súa muller, a luguesa Araceli González Carballo, dirixiuse á embaixada británica en Madrid ofrecendo os servizos do seu marido coma espía. Tras ser rexeitado, ofreceu os seus servizos ao III Reich coa intención de servir coma espía duplo aos aliados. Unha vez aceptado polos alemáns, estableceu unha falsa rede de espías e fixo pequenos traballos para eles, coma a retrasmisión de códigos por radio, e volveu ofrecer os seus servizos ao MI5. Nesta ocasión o servizo de intelixencia británico aceptouno, pois xa controlara os seus pasos e coñecía a súa situación (aínda que el nunca o chegou a saber).

Se ben nun principio operaba desde Lisboa, finxía aos alemáns estar en Gran Bretaña. Inventaba informes ficticios sobre movementos de barcos mercantes, convencéndoos con éxito de que eran datos verdadeiramente valiosos, mercede a información obtida na biblioteca da capital portuguesa e a noticieiros do cine. Finxía viaxar por toda Gran Bretaña e enviaba os seus partes de gastos segundo os prezos obtidos nunha guía de ferrocarriles británica. Ao pprincipio tivo certos apuros ao non entender correctamente o sistema británico de moeda pre-decimal (libras, chelíns e peniques), pero solventou o problema enviando os partes gasto por gasto, arguíndo que xa enviaría o total máis tarde.

Axente duplo[editar | editar a fonte]

Chegou a Inglaterra na primavera de 1942 e operou coma axente duplo baixo auspicio do Comité XX (Sistema da Dupla Cruz), unha iniciativa da Intelixencia Británica baseada na captura de axentes alemáns e a súa posterior conversión en axentes duplos para labores de contraespionaxe ou para manobras de desinformación do inimigo. o seu traballo principal era convencer aos alemáns que conseguira recrutar un gran número de axentes en Gran Bretaña, algúns deles persoas de moita influencia e con información valiosa. A dificultade do seu traballo radicaba en que debía fabricar en todo momento informes coherentes de todos os axentes que ía inventando e que non se contradixesen entre si, sen perder credibilidade.

Ás veces debía inventar razóns para explicar ao Abwehr por que un dos seus axentes fora incapaz de informar sobre algunha operación que tarde ou cedo chegaría a oídos alemáns e para non descubrir que todo era unha farsa. Nunha ocasión informou que un dos seus axentes de Liverpool caera enfermo xusto antes dun gran movemento de flota desde ese porto á costa oeste de Inglaterra. Ao caer supostamente enfermo, foille imposible a ese espía transmitir a información. Para dar énfase á historia inventada, mesmo tivo que finxir a morte dese axente e incluso unha esquela falsa foi publicada nun diario local. Dese xeito, os alemáns creron a súa historia e mesmo pagaron unha pensión á viúva do axente morto.

A información que Pujol enviaba aos alemáns era inventada polos seus superiores Británicos e incluía unha gran parte de sucesos verdadeiros para que os informes fosen máis convincentes. Ás veces lográbase o efecto desexado mandando información xenuína pero retrasando a súa chegada para que o dano fose mínimo. Para iso, en ocasións mataselábanse cartas con data anterior, pero non se enviaban até a víspera do movemento de tropas en cuestión para que ao chegaren parecese un retraso do servizo de correos. Os alemáns pagaban a Garbo grandes cantidades de diñeiro para manter a súa rede de axentes, que nun momento dado chegou a contar con 27 personaxes ficticios. Garbo gozou de bastante credibilidade entre os seus superiores (tanto dun bando coma do outro) o que o levou a adquirir o status de "A1 Agent".

Operación Fortitude[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Operación Fortitude.

O traballo de desinformación de Garbo era parte da Operación Fortitude, que convenceu a Adolf Hitler e a moitos dos seus colaboradores de que a invasión aliada tería lugar no Paso de Calais, a 249 km de Normandía, e que o desembarco de Normandía era só unha manobra para atraer as tropas alemás lonxe de Calais. De feito, foi tal a credibilidade da que gozou por parte de Hitler, que incluso unha vez comezado o desembarco, seguiu pensando que esa non era a verdadeira invasión, senón unha mera distracción para o verdadeiro ataque. Para cando Hitler se decatou do engano, a Operación Overlord xa fora un éxito e as tropas aliadas xa se adentraran demasiado, polo que a mobilización das divisións acoirazadas non terían o mesmo significado. Existe información sobre este espía no London Imperial War Museum, que inclúe material altamente sensible desclasificado.

Condecoracións[editar | editar a fonte]

Garbo foi a primeira e unha das poucas persoas condecoradas con medallas de ambos os dous bandos: a Cruz de Ferro alemá e a Orde do Imperio Británico.

Fin da guerra[editar | editar a fonte]

Tralo remate da guerra Pujol sentiu medo ante posibles represarias políticas, e mudouse a Venezuela, onde viviu no anonimato. Morreu preto de Caracas en 1988.

Cinematografía[editar | editar a fonte]

En 2009 estrenouse o documentario Garbo, el hombre que salvó al mundo, dirixido por Edmon Roch, premiado co Giraldillo de Ouro ao mellor documentario na sexta edición do Sevilla Festival de Cine Europeo.

No 2010 estrenouse o documentario Hitler, Garbo... y Araceli, centrándose no papel da muller de Garbo.

Notas[editar | editar a fonte]

  • Harris, Tomás (2000). Garbo The Spy Who Saved D-Day. The National Archives. ISBN 1-903365-58-9
  • Holt, Thaddeus, The Deceivers: Allied Military Deception in the Second World War (New York, Scribners, 2004)
  • Pujol, Juan, with Nigel West [Rupert Allason], Operation Garbo (Random House, New York, 1985)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]