Joan Oliver

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Joan Oliver Sallarès, nado en Sabadell en 1899 e finado en Barcelona en 1986, foi un escritor e xornalista catalán. Cultivou a poesía (baixo o pseudónimo de Pere Quart), teatro, narración e tradución.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Considerado un dos cinco poetas cataláns máis importantes do século XX, a súa poesía foi valorada como a máis orixinal de todas. O seu primeiro libro de poemas, Les decapitacions (1934), xa adianta como será despois a súa poesía: áxil, anecdótica e atraída polo realismo, reflexo da traumática experiencia da Guerra Civil Española e o exilio, cunha desolada e escéptica visión do mundo. Procedente dunha familia da burguesía industrial, cofundador do Grup de Sabadell con Francesc Trabal e Armand Obiols, mantén como escritor un estilo marcado pola ironía contra as convencións. Como tradutor recibe na década dos cincuenta o Premio do Presidente da República Francesa pola versión del misantrop de Molière. En 1970 é distinguido co Premio de Honra das Letras Catalás. Nos anos oitenta recibe os premios Ciutat de Barcelona, Josep Maria de Sagarra de tradución e o da Generalitat de Catalunya de poesía. Non obstante, fiel ao seu inconformismo e á súa actitude crítica, rexeita a Creu de Sant Jordi da Generalitat.

Foi membro e Socio de Honra da Associació d'Escriptors en Llengua Catalana.