Jim Marurai

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Jim Marurai, nado o 9 de xullo de 1947 en Ivirua na illa de Mangaia, é un político das Illas Cook, foi o primeiro ministro desde o 14 de decembro de 2004 ata o 30 de novembro de 2010.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Marurai licenciouse na Universidade de Otango en Dunedin (Nova Zelandia), foi elixido deputado por primeira vez en 1994 polo Partido da Alianza, posteriormente ingresou no Partido Democrático e foi ministro de educación e máis tarde primeiro ministro, pero en 2005 logo de desputas internas deixou o seu partido para formar o Partido Demo Tumu que gobernou en coalición co Partido das Illas Cook ata que se rompeu o acordo de goberno e formou unha nova coalición cos demócratas, volvendo ao seo deste partido antes das eleccións de 2006, permanecendo despois como primeiro ministro sen ter o liderato do partido. O 23 de decembro de 2009, substituíu ao viceprimeiro ministro e líder do PD Terepai Maoate en favor de Robert Wigmore, provocando a dimisión dos ministros demócratas[1][2], e a expulsión de Marurai do partido[3].

En xaneiro de 2010, ante o anuncio dunha moción de censura apoiada por unha maioría dos deputados do Parlamento, Marurai anunciou que non ía convocar o parlamento por algúns meses, xa que non había necesidade da súa xuntanza ata a votación dos orzamentos, prevista para o 1 de xullo, os dous principais partidos, o Demócrata e o das Illas Cook decidiron acudir ao Representante da Raíña para que convocase ao parlamento, o que a constitución non prevee, xa que o Representante só pode actuar co refrendo do primeiro ministro.[4]

O Partido Demócrata readmitiu a Marurai nunha conferencia celebrada en xuño de 2010.[5], non obstante anunciou que non continuaría como primeiro ministro aínda se o seu partido gañase as eleccións de 2010.[6], o que aconteceu revalidando Marurai o seu escano por Ivirua.[7]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]