Jeune Europe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Jeune Europe
Tipoorganización
editar datos en Wikidata ]

Jeune Europe (en galego: Europa Nova) foi unha organización política europeísta de extrema dereita fundada en 1962 por Jean-François Thiriart en Bélxica, precursora do nacionalismo revolucionario contemporáneo europeo, que xurdiu do Movemento de Acción Cívica, tamén fundado por Thiriart e oposto á descolonización do Congo Belga. Adoptou un discurso innovador respecto a outras organizacións neonazis e neofascistas. Os puntos básicos da organización eran a unificación de Europa, de Brest a Bucarest, nun só país que se convertese nunha nova potencia mundial que actuase como terceiro bloque entre os Estados Unidos e a Unión Soviética, e foi un dos primeiros partidos en considerar o feito nacional a escala continental opoñéndose á nación-patria dos outros movementos da extrema dereita. Adoptou a cruz celta como símbolo e consideraba ao nazismo obsoleto, relegando os seus postulados racistas a un segundo plano, inda que sempre mantivo lazos con dirixentes neonazis. Tiña seccións en 11 estados, Francia, Italia e España entre eles, e apoiou a movementos de liberación nacional (OLP, Panteras Negras, Vietcong) a pesar de tamén apoiar á OAS.

En 1962 participou na Conferencia de Venezia, onde concordou en participar na creación do Partido Nacional de Europa xunto con Oswald Mosley, Otto Strasser e outros dirixentes neonazis.

Progresivamente JE comezou unha viraxe ideolóxica buscando puntos comúns co comunismo, na procura de incluír á Unión Soviética nunha Europa unida. En 1964 JE participou nas eleccións municipais en Bruxelas. Disolveuse en 1969 e foi substituído polo Partido Comunitario Europeo, partido nacional bolxevique, aínda que algúns membros pasaron a organizacións de extrema esquerda, como no caso de Italia coa incorporación de varios dos seus militantes ás Brigadas Vermellas.

Os seus órganos de expresión foron Jeune Europe e La Nation Européene.