Jenaro Pérez Villaamil

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Jenaro Pérez Villaamil
Nome Jenaro Pérez Villaamil
Nacemento 1807
Lugar de nacemento Ferrol
Morte 1854
Lugar de morte Madrid

Jenaro Pérez Villaamil Duguet (as veces aparece como Genaro Pérez de Villa-Amil),[1] nado en Ferrol en febreiro de 1807 e finado en Madrid o 5 de xuño de 1854, foi un pintor romántico galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Formación[editar | editar a fonte]

Pérez Villaamil foi un neno prodixio e cando tiña soamente oito anos xa desempeñaba o cargo de axudante de profesor de debuxo no Colexio Militar de Santiago ás ordes do seu propio pai, que era mestre de fortificacións, topografía e debuxo. A súa vida foi unha auténtica aventura xa que, despois de vivir en Madrid coa familia, tiña só dezaseis anos cando se incorporou ao movemento liberal e alistouse no Exército para repeler a invasión conservadora dos Cen Mil Fillos de San Luís en 1823. En Sanlúcar la Mayor (Sevilla) resulta ferido e préndeno como prisioneiro de guerra. Levado a Cádiz, a súa catividade non lle impediu realizar estudos de pintura na academia desa cidade baixo a dirección do profesor José García e cando quedou libre en 1830 trasladouse a Porto Rico para realizar as decoracións do teito do Teatro Tapia, o gran teatro de San Xoán.

A etapa prerromántica[editar | editar a fonte]

Igrexa de San Juan de los Reyes de Toledo, 1839.

Pérez Villaamil pasou por dúas etapas plásticas nas que se dividiu a súa curta vida. A primeira foi a prerromántica e a segunda, que ocupou os derradeiros anos da súa vida, xa plenamente romántica.

Retornado a España en 1833, percorre Andalucía e faise amigo do pintor e debuxante inglés David Roberts, co que mellora a súa técnica, e pouco máis tarde marcha a Madrid, onde coñece a raíña Isabel II, e pide o ingreso na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, que consegue en 1835. Meses máis tarde intervén na fundación do Ateneo de Madrid e na creación do Liceo Artístico y Literario Español, que foi o epicentro do romanticismo en Madrid. Tamén por aquel tempo coñece a Ramón de Mesonero Romanos e comeza a ilustrar as costumistas obras deste escritor español.

Etapa romántica[editar | editar a fonte]

En 1837 vende cadros ao rei Luís Filipe I de Francia e tamén á raíña Isabel de España, e é recoñecido como un dos mellores paisaxistas do momento. E nesa época comeza a mudar de amizades: do costumismo de Mesonero Romanos pasa a frecuentar a mozos do seu tempo que están a triunfar nas letras, como a José Zorrilla, que lle dedica o poema La noche de invierno. E en 1840, logo dunhas viaxes por Castela, trasládase a París, onde inicia unha viaxe por Europa (Francia, Bélxica, Países Baixos que se prolonga durante catro anos. A escusa da viaxe é a publicación de España artística y monumental, un álbum de litografías que na actualidade está extraviado e do que só se conservan algunhas reproducións soltas.

A temática deste pintor foi sempre a paisaxe, ás veces con vistas urbanas e tamén con exteriores arquitectónicos monumentais e achegando figuras populares que representan a personaxes da época o que lles dá aos seus cadros un toque humano e costumista. Nesas viaxes europeas toma contacto coa crítica internacional (Charles Baudelaire falou da súa obra no Salón de París de 1845, por exemplo), aprende de mestres do romanticismo europeo, e aproveita para venderlle cadros a distintas casas reais. Por iso entre as súas influencias principais están David Roberts, pero tamén as dos británicos Joseph William Turner e John Martin.

Noméano tenente director da Real Academia de San Fernando en febreiro de 1845, e ademais catedrático de paisaxe. E cando se crea a Escola Preparatoria para as carreiras de |enxeñeiros civís e arquitectos, Villaamil é nomeado profesor de paisaxe. Regresa a Galiza en 1849 e percorre as provincias da Coruña e Pontevedra. Segue viaxando por España ata 1852, cando empeza a sufrir problemas de fígado. Dous anos máis tarde morre en Madrid con só 47 anos.

Ordes e condecoracións[editar | editar a fonte]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Interior dunha igrexa na Pinacoteca Francisco Fernández del Riego de Vigo.  
Paisaxe con río, castelo e escena de pescadores, no Museo de Pontevedra  

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Jenaro Pérez Villaamil Modificar a ligazón no Wikidata

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]