Jeane Kirkpatrick

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Foto oficial de Jeane Kirkpatrick.

Jeane Jordan Kirkpatrick, nada en Duncan (Oklahoma) o 19 de novembro de 1926 e falecida en Washington, DC o 7 de decembro de 2006, foi embaixadora dos Estados Unidos ante a ONU e unha ardente anticomunista. Foi coñecida sobre todo pola doutrina Kirkpatrick, que propuña loitar contra o comunismo mesmo a través de ditaduras violentas e conservadoras. Comezou a súa carreira política como demócrata pero foi Ronald Reagan quen a nomeou embaixadora.

Vida[editar | editar a fonte]

Jeane Duane Jordan naceu nas chairas de Oklahoma. O seu pai era un poceiro que realizaba prospeccións á procura de petróleo. Rematou o bacharelato en Mt. Vernon, Illinois e logo doutorouse en política pola Universidade de Columbia, en Missouri.

En 1967, integrouse na Universidade de Georgetown, onde chegou a ser profesora titular de Política en 1973. Fixo a súa tese sobre o peronismo arxentino, e falaba castelán de forma fluída.

Casou con Evron Maurice Kirkpatrick o 20 de febreiro de 1955, un antigo membro da O.S.S. (a predecesora da CIA antes da Segunda Guerra Mundial). Tiveron tres fillos: Douglas Jordan, John Evron e Stuart Alan.

Faleceu como consecuencia dun fallo cardíaco, logo de que se lle diagnosticara un mal funcionamento cardiolóxico uns anos antes.

Carreira política[editar | editar a fonte]

Malia que foi coñecida polo seu forte conservadorismo e o seu anticomunismo, cando aínda non tiña vinte anos entrou na Liga Socialista da Mocidade do Partido Socialista Americano, grazas a seu avó, que fora fundador deste partido en Oklahoma. Naquel momento Kirpatrick tiña unha militancia antifranquista e coincidía cos postulados do minoritario e perseguido socialismo estadounidense.

Porén, axiña foi moderando as súas posicións grazas aos consellos do seu profesor Franz Neumann, un marxista revisionista, que cría que non era necesario facer a revolución para chegar ao socialismo. Deste xeito, nos anos setenta comeza a militar no Partido Demócrata, participando activamente na campaña do vicepresidente e candidato ás presidenciais de 1968, Hubert Humphrey. En 1976 apoiou o candidato máis centrista, Henry Jackson na candidatura demócrata, que foi derrotado por Jimmy Carter. Ao mesmo tempo, Kirpatrick comezaba a publicar artigos nos xornais moi críticos co seu propio partido e en especial coa política exterior de quen finalmente se alzou coa presidencia, Jimmy Carter.

En 1980 deu un paso máis no seu avance cara ao conservadorismo logo de ser nomeada polo candidato republicano Ronald Reagan como conselleira en política exterior da súa carreira á presidencia, precisamente contra Jimmy Carter. Logo de vencer Reagan nomeouna embaixadora dos Estados Unidos na ONU, posto no que se mantivo durante catro anos.

Nese tempo foi unha das maiores partidarias da ditadura militar arxentina do xeneral Leopoldo Galtieri, que reprimiu violentamente a oposición esquerdista. Esta axuda ao réxime de Galtieri foi máis tímida e calada logo de que os militares arxentinos iniciasen a Guerra das Falklands contra o Reino Unido, principal aliado dos Estados Unidos. Con todo, avogou pola neutralidade estadounidense neste conflito. O seu impulso anticomunista levouna a provocar diversos problemas diplomáticos, como cando acusou a Costa Rica, a democracia máis estable de toda Latinoamérica de "rebelde comunista", e que indignou o seu presidente Rodrigo Carazo Odio. Tamén foi unha declarada partidaria da Contra nicaraguana.

En 1984, durante a convención nacional dos republicanos, Kirkpatrick pronunciou un famoso discurso titulado Culpade a América primeiro, no que louvaba a política exterior de Reagan e criticaba a dos "demócratas de San Francisco", en referencia á á máis esquerdista e universitaria dos opositores, e en especial as políticas de Harry S. Truman e John F. Kennedy en relación coa Unión Soviética, que tanto ela como Reagan denominaban o imperio do mal.

Pero non foi ata 1985 que Kirpatrick ingresou no Partido Republicano, xusto cando deixou o posto de embaixadora e regresou a ensinar á Universidade de Georgetown. Daquela entrou no American Enterprise Institute, un think tank conservador de Washington D.C. e colaborou co American Freedom Journal. En 1993 cofundou Empower America, unha organización de observatorio das políticas públicas. Ademais, entrou no comité executivo da National Association of Scholars, un think tank que traballa contra o liberalismo nas universidades estadounidenses, e en particular contra as políticas de multiculturalismo ediscriminación positiva. En política exterior nos últimos anos moveuse cara a unha perspectiva neoisolacionista, é dicir, partidaria de que Estados Unidos non se implique nos conflitos do planeta. En política anterior apoiou brevemente a Ross Perot, o millonario independente, e seguidamente ao seu adversario Robert Dole.

Obras[editar | editar a fonte]

  • The Withering Away of the Totalitarian State -- And Other Surprises, 1992
  • Legitimacy and Force: National and International Dimensions, 1988
  • International Regulation: New Rules in a Changing World Order, 1988
  • Legitimacy and Force: Political and Moral Dimensions, 1988
  • Legitimacy and Force: State Papers and Current Perspectives 1981-1985, 1987
  • The United States and the World: Setting Limits, 1986
  • The Reagan Doctrine and U.S. Foreign Policy, 1985
  • Reagan Phenomenon and Other Speeches on Foreign Policy, 1983
  • U.N. Under Scrutiny, 1982
  • Dictatorships and Double Standards: Rationalism and Reason in Politics, 1982
  • Presidential Nominating Process: Can It Be Improved, 1980
  • Dismantling the Parties: Reflections on Party Reform and Party Decomposition, 1978
  • The New Presidential Elite: Men and Women in National Politics, 1976
  • Political Woman, 1974