Jean Genet
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Jean Genet foi un poeta, novelista e dramaturgo nado o 19 de decembro de 1910 en París, cidade na que morreu setenta e seis anos despois, o 15 de abril de 1986.
Índice |
[editar] Biografía
Genet, fillo ilexítimo dunha prostituta, Camille Gabrielle Genet, que o abandonou cun ano de idade á Asistencia Pública (unha organización que supervisa o coidado dos fillos non desexados), e dun obreiro, François Genet, viviu dende os oito anos cun carpinteiro de Morvan e coa súa familia, os cales foron vítimas dos seus primeiros roubos. A infancia do escritor estivo marcada por numerosos roubos e intentos de fuga, chegando a ser acusado de furto con dez anos de idade. A súa adolescencia non foi menos escabrosa, marcada por numerosas estancias en varias prisións xuvenís, como a de Mettray, Fresnes ou Santé, chegando incluso a prostituírse. Aos dezanove anos uniuse á Lexión Estranxeira Francesa, pero pronto a abandona (xa que foi declarado culpable de realizar actos impúdicos cun compañeiro) para dedicarse a deambular por diversos lugares de Europa. Nesta etapa da súa vida foi acusado de homosexualidade, contrabando e roubo. A partir de 1930 a súa vida oscilará entre cárcere e cárcere; nove anos despois Jean Genet comeza a escribir.
En 1937 regresa a París, onde tamén pasará longas temporadas no cárcere, acusado novamente de roubo, mendicidade, condutas obscenas e falsificación de documentos. Tras dez condenas consecutivas, o escritor foi condenado a cadea perpetua; porén, mercé a figuras da vida artística e intelectual francesa, coma Jean-Paul Sartre, André Guide ou Jean Couteau (os cales quedaran marabillados pola obra de Genet), o escritor francés consegue o indulto; a partir de entón Genet non volveu ser encarcerado.
No 1949, Genet xa ten publicados cinco novelas, tres obras teatrais e varios poemas, obras que foron censuradas debido aos seus temas escandalosos para a época, tales como a homosexualidade ou o crime, pois estes eran retratados dunha maneira explícita e provocadora. Por causa da gran depresión que lle casou a Genet a lectura do ensaio de Sartre, Saint Genet comédien et martyr, no que facía unha análise da súa propia figura, o escritor francés deixou de escribir durante anos. En 1964 fixo un intento de suicidio despois de que a persoa coa que estaba mantendo unha relación por aquel entón se quitara a vida.
A finais dos anos 60 aumentou a súa causa política, chegando a participar en manifestacións nas que protestaba polas duras condicións de vida dos inmigrantes en Francia. Durante este período, o escritor dedicouse á docencia, deixando un pouco de lado a escrita. Uns cantos anos despois, en 1986, Jean Genet, diagnosticado dun cancro de garganta, foi atopado morto, unha morte cuxa causa probablemente fose un traumatismo cranial provocado por unha caída accidental.
[editar] Traxectoria artística
A obra de Genet, quen cultivou a prosa, a poesía e o teatro, evoca unha una profunda rebelión contra a sociedade e as súas convencións. A súa prosa caracterízase por unha gran cantidade de imaxes e polo emprego da linguaxe propia das capas máis desfavorecidas da sociedade. A súa primeira novela, Notre-Dame des Fleurs (1944), constitúe un traballo autobiográfico sobre a homosexualidade e a vida dos baixos fondos.
En 1947 Genet escribiu teatro, un xénero no que constrúe as súas obras máis sorprendentes. Coa obra Les Bonnes (1947), que gozou dun gran éxito, marcou a súa entrada no movemento denominado como teatro do absurdo. Na obra, as criadas vanse trocando para interpretar o papel sa súa dona, procurando as súas identidades nun contexto que flutúa entre a realidade e a fantasía. Noutras das súas obras, como Haute surveillance (1949), Le Balcon (1957), Les Nègres (1959) e Les Paravents (1961), Genet utilizou frecuentemente o cambio de papeis e a inversión entre o ben e o mal como técnicas para subliñar a falsidade entre os valores sociais e políticos.
En definitiva, a obra de Jean Genet expresa unha profunda simpatía cara aos desherdados e os marxinados sociais, expostos sempre aos perigos que a vida na rúa trae consigo, tales como os delitos ou a morte. Aínda que os seus escritos foron considerados pornográficos, Genet foi pronto definido como un existencialista preocupado polos problemas da identidade e da alienación, chegando a ser recoñecido como un dos escritores máis importantes do século XX.
[editar] Obra
[editar] Autobiografía
- Journal du voleur (1949). O manuscrito desta obra foi vendido en marzo de 1999 por 259.000 euros.
[editar] Poesía
[editar] Novela
- Notre-Dame-des-Fleurs (1944)
- Miracle de la rose (1946)
- Pompes funèbres (1947)
- Querelle de Brest (1947)
[editar] Teatro
- Les Bonnes (1947)
- Haute surveillance (1949)
- Le Balcon (1956)
- Les Nègres (1959)
- Les Paravents (1961)
- « Elle » (1989, edición póstuma)
- Splendid's (1993, edición póstuma)
- Le Bagne (1994, edición póstuma)
- Les Paravents (1961)