Jean-Baptiste Franceschi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Jean-Baptiste Franceschi

Jean-Baptiste Franceschi ou Francesqui, dito tamén Franceschi-Delonne, nado o 4 de setembro de 1767 en Lión e finado o 23 de outubro de 1810 en Cartagena (Rexión de Murcia) nun campo de prisioneiros a consecuencia do mal trato sufrido, foi un xeneral do Primeiro Imperio francés. Foi un grande aficionado á arte, e foi galardoado co premio de Roma, o que lle facilitou vivir en réxime de pensión na villa Medici.

Cronoloxía militar[editar | editar a fonte]

Franceschi na Galiza[editar | editar a fonte]

Posto ás ordes do marechal Ney, que xunto a Soult, foran encargados por Napoleón en persoa, de perseguir os exércitos de John Moore e do Marqués de la Romana, que desde Astorga se dirixían para Galicia, Franceschi centrouse sobre este último, que escollera entrar polo Valdeorras. De la Romana deixou unha sección nos arredores da Ponte de Domingo Flórez ao mando do xeneral Gabriel de Mendizábal. Este foi quen de rexeitar alí, a comezos do mes de xaneiro de 1809, o ataque da cabalería de Franceschi, que non tivo outro remedio que regresar sobre os seus pasos e reincorporarse como retagarda ao 6º Corpo de Ney, que ía polo Valcárcel e O Cebreiro. Porén, dada a rapidez da súa cabalería, Franceschi pisáballe os talóns a Moore, de xeito que antes de Betanzos fixo uns 1.400 británicos prisioneiros, ademais doutros pertrechos.

Logo Franceschi tomou parte na batalla de Elviña, o 16 de xaneiro de 1809, aínda que a cabalería non puído manobrar a gusto neses terreos cercados de sebes e valados; así que foi comisionado o xeneral Franceschi por Soult para dirixirse cara Santiago de Compostela, cidade que tomou o 17 de xaneiro. Con base nesa cidade, diversas seccións da división de Franceschi, tomaron as localidades importantes da Maía, e logo a cidade de Pontevedra (o 21 de xaneiro). O mesmo Franceschi se dirixiu máis ao sur, tomando outras seccións Vigo (o 31 de xaneiro) e Tui (o 3 de febreiro). Practicamente o xeneral francés non atopou resistencia armada.

Posto xa ás ordes directas de Soult, Franceschi acompañouno a Portugal. Cando se veu obrigado a retirarse aquel, e logo do fracaso francés para dominar Galiza, Franceschi, no mes de xuño de 1809, efectúa coa súa cabalería as descubertas precisas para asegurar o paso do que queda do exército de Soult a través do Valdeorras e terra do Bolo. Así actúa como vangarda en Viana do Bolo, A Gudiña e Puebla de Sanabria, vías por onde chegarán á Meseta.

Condecoracións[editar | editar a fonte]

  • 1804 : comendador da Lexión de Honor.
  • 1804 : é nomeado Barón do Imperio.
  • 1807 : é nomeado cabaleiro da Orde da Coroa de Ferro.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • López Caneda, Ramón, Valdeorras en la Guerra de la Independencia. O Barco de Valdeorras. Instituto de Estudios Valdeorreses. 1989.
  • Barreiro Fernández, Xosé Ramón, A transición política (1789 – 1833), en A Gran Historia de Galicia, t. XI, vol. 1. A Coruña. Arrecife Edicións Galegas. 2007