Jazz de vangarda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O jazz de vangarda (tamén coñecido pola súa denominación en inglés avant-garde jazz ou avant-jazz) é un estilo de música e improvisación que combina a música culta de vangarda e a composición co jazz. O jazz de vangarda soa semellante ao free jazz, pero difire en que, malia renegar tamén da harmonía tradicional, ten unha estrutura predeterminada sobre a que a improvisación pode ter lugar. Esta estrutura pode estar previamente composta parcial ou incluso completamente.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Anos 50[editar | editar a fonte]

As orixes do jazz de vangarda están nas innovacións dos discípulos de Charlie Parker. Con base en Nova York, músicos non canónicos como Charles Mingus, Miles Davis e John Coltrane introduciron a improvisación modal e experimentaron coa atonalidade e a disonancia. Sun Ra, Cecil Taylor e Ornette Coleman convertéronse nunha nova vangarda de controvertidos innovadores do jazz, fóra do rango do que moitos oíntes consideraban escoitable.

Anos 60[editar | editar a fonte]

O traballo cada vez máis experimental de John Coltrane e a discográfica Impulse! convertéronse nos abandeirados da escena do jazz de vangarda. Os músicos asociados con esta variedade de alto volume do jazz de vangarda (chamado ás veces fire music) incluían a Archie Shepp, Albert Ayler, McCoy Tyner, Don Cherry, Pharaoh Sanders e a muller de John Coltrane, Alice Coltrane. Algúns destes músicos tamén comezaron a opoñerse á industria musical, preferindo publicar as súas gravacións en discográficas independentes como ESP-Disk. Esta ala do jazz de vangarda tomouse como emblema do movemento Black Power e tamén, ás veces, tiña certa intención mística.

Os músicos que incorporaron as innovacións do free jazz e o jazz de vangarda, pero manténdose nun marco máis convencional, gravaron para Blue Note Records. O segundo quinteto de Miles Davis (Wayne Shorter, Herbie Hancock, Ron Carter e Tony Williams), así como outros tales como Eric Dolphy e Andrew Hill, son os representantes máis recordados deste estilo.

Mentres, en Chicago, a Association for the Advancement of Creative Musicians comezaba a ir trala súa propia variedade de jazz de vangarda, ás veces descrita como jazz "postmoderno". Os músicos da AACM (Muhal Richard Abrams, Anthony Braxton, Roscoe Mitchell e o Art Ensemble of Chicago) tendían cara ao eclecticismo,[1] e incorporaron desenvolvementos da música clásica do século XX (particularmente Karlheinz Stockhausen e John Cage) así como o funk e o ska, ademais do Dixieland e outros elementos da historia do jazz. Rahsaan Roland Kirk tamén fixo uso do pastiche.

Anos 70[editar | editar a fonte]

Os 70 viron o desenvolvemento do jazz fusion. É cuestionable se este se pode considerar unha forma de jazz de vangarda, aínda que as gravacións de Miles Davis deste período, en particular, son moi innovadoras e se inspiran no serialismo e a música aleatoria, tal e como fixera a AACM. En calquera caso, os fans máis integristas do jazz consideran o primeiro jazz fusion como un movemento comercial. Porén, entre principios e mediados dos 70, moitas das iconas do free jazz, como Albert Ayler, Archie Shepp e Ornette Coleman andaban a experimentar co rock e o funk. Coleman acabaría por desenvolver o free funk, que sería logo explorado polos músicos do M-Base nos 80.

O jazz tamén se internacionalizou considerablemente nos 70, con saxofonistas como Gato Barbieri (arxentino), Kaoru Abe (xaponés), Peter Brötzmann (alemán) e pianistas Sergey Kuryokhin (ruso), Egberto Gismonti e Hermeto Pascoal (brasileiros). O free jazz europeo, en particular, comezou a se desenvolver. Evan Parker e Derek Bailey foron pioneiros do novo estilo non-idiomático. Algúns veteranos do jazz de vangarda (Charlie Haden) e moitos dos máis novos, incluíndo moitos dos que tocaran con Miles Davis nos 70 (Dave Holland, Keith Jarrett, Chick Corea) e varios europeos (Jan Garbarek, entre eles), comezaron a gravar para a discográfica ECM. O son ECM, invariablemente gravado por Manfred Eicher, tendía cara a un estilo elegante, refinado e pulido que tiña unha gran débeda coa música clásica. ECM tamén publicou gravacións de música minimalista e medieval e traballos do Art Ensemble of Chicago (que era moito máis caótico có estereotipo do ECM). Moitos dos músicos da AACM e de ECM colaborarían entre eles, por exemplo no grupo Circle.

Moitos dos músicos da AACM mudáronse a Nova York, onde alimentaron a cerna da escena do loft jazz. O World Saxophone Quartet tamén emerxeu desta contorna.

Anos 80[editar | editar a fonte]

Os 80 viron o predominio de Wynton Marsalis e o seu enfoque clasicista e a conseguinte diminución da visibilidade da vangarda. Non obstante, xa que o jazz de vangarda foi unha influencia principal da no wave, Nova York converteuse no centro dunha nova colleita de agresivos improvisadores: John Zorn, Borbetomagus, os Lounge Lizards, James Chance, James Blood Ulmer, Sonny Sharrock, Diamanda Galás, Bill Laswell (que tamén traballou nas gravacións funk e elctro de Herbie Hancock) e Bill Frisell (que tamén gravou cos músicos de ECM) entre eles. Este movemento coñécese como punk jazz.

John Zorn, en particular, converteuse nunha figura icónica da escena da cidade, interpretando free jazz, improvisación libre e diversos estilos de rock e música extrema. Moitos destes músicos actualmente residen en Brooklyn; Tim Berne é un notable representante.

Anos 90[editar | editar a fonte]

Os 90 viron un retorno á visibilidade da escena jazz de Chicago, incluíndo intérpretes ligados á AACM. Os máis notables son David Boykin, Aaron Getsug, Nicole Mitchell, Ken Vandermark e Rob Mazurek - todos os cales proveñen da Velvet Lounge de Fred Anderson. Outros intérpretes inclúen ther Jeff Parker e Kevin Drumm; estes músicos teñen contactos coas escenas do post-rock ou o noise rock.

Do mesmo xeito, houbo un incremento da vitalidade no remanente da escena do loft jazz en Nova York, centrada arredor de David S. Ware. Matthew Shipp, Susie Ibarra e William Parker practicaron unha variedade máis tradicional de jazz de vangarda cós músicos influenciados polo punk jazz do centro de Nova York, aínda que se deron algunhas colaboracións entre os dous campos. Matthew Shipp acabou por colaborar con músicos de illbient e hip hop alternativo (DJ Spooky, Anti-Pop Consortium, El-P) e mudou cara a un estilo distintivo de nu jazz comparable ao de Craig Taborn.

Músicos notables de jazz de vangarda[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Amiri Baraka, "Where's the Music Going and Why?", The Music: Reflections on Jazz and Blues. New York: William Morrow, 1987. p. 177-180.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Berendt, Joachim E. (1992). The Jazz Book: From Ragtime to Fusion and Beyond. Revisado por Günther Huesmann, traducido por H. e B. Bredigkeit con Dan Morgenstern. Brooklyn: Lawrence Hill Books. ISBN 1-556652-098-0