Jaume Huguet
Jaume Huguet, nado en Valls en 1412 e finado en Barcelona en 1492, foi un pintor gótico catalán.
Índice |
Traxectoria [editar]
Orixinario dunha familia de tecedoress de Valls , á morte do seu pai trasladouse para Tarragona a casa do seu tío Pere Huguet, que era pintor. Cando se trasladan a Barcelona entran en contacto con Bernat Martorell, de xeito que Jaume Huguet coñece as tendencias máis innovadoras da época. Suponse que entre 1440 e 1445 traballou en Zaragoza e, posteriormente, en Tarragona, onde recibiu o influxo do estilo gótico internacional de Lluís Dalmau. Volto a Barcelona casará en 1454 e a partir de entón comeza o período máis importante da súa obra, na que exhibe un dibuxo claro e moi expresivo con fondos dourados e recheos de estuco. Foi presidente do seu gremio entre 1454-1460 e logo entre 1470-1480. Na súa derradeira etapa, as contribucións do seu obradoiro serán superiores aos do mestre, e ademais contará especialmente coa colaboración de diferentes membros da familia Vergós. Logo da súa morte o obradoiro non desapareceu e continuou traballando para acabar os encargos pendentes e aceptando outros novos.
Obra [editar]
- Retablo de Vallmoll (1445-1450). Consérvase a táboa central Virxe co Neno e anxos, que está no Museo Nacional de Arte de Cataluña e a táboa da Anunciación que se garda no Museo Diocesano de Tarragona.
- San Xurxo e a princesa (1459-1460), Museo Nacional de Arte de Cataluña.
- Flaxelación de Xesús (1456-1460), Museo do Louvre, París.
- Retablo de Santo Antonio Abade (1454-1458), para a igrexa de Sant Antoni de Barcelona. Foi destruído en 1909 durante a Semana Tráxica.
- Bancal do altar maior de Santa María de Ripoll (1455). Consérvanse dúas táboas, que están no Museo Episcopal de Vic.
- Retablo de Sant Vicenç de Sarrià (1455-1462), hoxe no Museo Nacional de Arte de Cataluña.
- Retablo dos santos Abdón e Senén (1459-1460), actualmente na igrexa de Sant Pere de Terrassa, para a cal fora concebida inicialmente.
- Retablo do Condestable ou da Epifanía (1464-1465), para a Capela de Santa Ágata do Pazo Real Maior de Barcelona, encargado polo rei Pedro o Condestable.
- Retablo de Sant Agustí dels Blanquers (1465-75), feito por colaboradores do seu obradoiro, pero o contrato estipulaba que Huguet era responsable de pintar as cabezas e as mans [1]. Está hoxe no Museo Nacional de Arte de Cataluña.
- Retablo de San Bernardín e o anxo custodio (1462-1475), feito con colaboradores do seu taller. Hoxe está no Museo da Catedral de Barcelona.
- Retablo de Santa Ana, San Bartolomeu e Santa Magdalena (1465-1470), para a igrexa de Sant Martí de Pertegàs de Sant Celoni; realizado con colaboradores do seu obradoiro. Figura actualmente no Museo Nacional de Arte de Cataluña.
Notas [editar]
- ↑ Anna Sàez e Albert Velasco, Dins el taller de l'artista, Sàpiens, Sàpiens Publicacions, 2007, núm 62, DL B-42425-2002
Véxase tamén [editar]
Bibliografía [editar]
- Sureda, Joan, Un cert Jaume Huget, el capvespre d'un somni, Barcelona, Lunwerg, 1994.
- Diversos autors, Jaume Huget: 500 anys, Barcelona, Generalitat de Catalunya, 1993.
- Gudiol, Josep i Ainaud de Lasarte, Joan, Huget, Barcelona, Institut Amatller d'Art Hispànic, 1948.