Janis Joplin
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Janis Joplin foi unha cantante norteamericana nada en 1943 en Port Arthur, Texas, onde realizou os seus primeiros estudos. Cantante de coro dende nena, comezou a súa carreira musical na Universidade de Texas, onde colaborou cunha banda chamada 'Waller Creek Boys', na que se misturaba o blues co rock. A súas influencias polo blues viñeron da man de Leadbelly e Bessie Smith, as cales transmitiu ó seu propio rock, xunto coa influencia de Otis Redding.
En 1963 marchou a San Francisco, onde cantaba en locais nocturnos. Alí aficionouse ás anfetaminas e os seus amigos devolverona á súa casa dous anos máis tarde. En 1966 regresou a San Francisco e uniuse á banda 'Big Brother And The Holding Company'. Fixéronse moi coñecidos na cidade. O prestixio de Janis Joplin creceu, e chegaron a tocar no 'Monterrey Pop Festival', o que lles valeu que unha importante discográfica se fixara neles e lles propuxera publicar un disco. Pronto sacaron á luz o segudo traballo da banda, que se converteu nun grande éxito: 'Cheap Thrills'.
En 1968 Janis abandonou o grupo por discrepancias co resto dos membros. O éxito non lles sentou demasiado ben. En 1969, a cantante deu un paso adiante creando un grupo chamado 'Janis and the Joplianaires', xunto ao 'Big Brother' Sam Andrew e outros músicos. Posteriormente cambiarían o nome da banda polo de 'Kozmic Blues Band'.
Coa 'Kozmic Blues Band' gravou un novo álbum: 'I Got Dem Ol'Kozmic Blues Again, Mama!', o cal foi recibido con frialdade polo público. Ademais, os concertos en directo eran un desastre. A pesar de que no disco se notaba o mal estado de Janis, vítima do seu consumo desmedido de alcohol, o disco tiña algunha boa interpretación da vocalista.
A súa fama foise deteriorando pouco a pouco, mentres que a súa adición á heroína aumentaba. Morreu o 4 de outubro de 1970 nos Ánxeles a causa dunha sobredose de dita droga. A título póstumo publicouse o último disco no que traballaba, 'Pearl', que contaba con colaboracións de Kris Kristofferson e de Bobby McGee, ademais dunha renovada 'Kozmic Blues Band'.

