Jaime de Marichalar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Jaime de Marichalar
Duque consorte de Lugo
(18 de marzo de 1995 - 21 de xaneiro de 2010)
Nome completo Jaime Rafael Ramos María de Marichalar y Sáenz de Tejada
Outros títulos
  • Cabaleiro da Real Maestranza de Caballería de Sevilla
  • Cabaleiro Divisero Hijodalgo do Ilustre Solar de Tejada
Nacemento 7 de abril de 1963
Pamplona, España España
Cónxuxe/s Elena de Borbón e Grecia
(1995-2010)
Descendencia
Dinastía Casa de Marichalar
Pai Amalio de Marichalar y Bruguera
Nai María de la Concepción Sáenz de Tejada y Fernández de Bobadilla

Jaime Rafael Ramos María de Marichalar y Sáenz de Tejada, nado en Pamplona o 7 de abril de 1963, é o ex-esposo da Infanta Elena de Borbón, con quen contraeu matrimonio o 18 de marzo de 1995. A parella obtivo o seu divorcio no mes de decembro de 2009. Desde que este produciuse, Jaime de Marichalar deixou de ostentar o título de duque consorte de Lugo, o tratamento de "Excelencia", a condición de membro da Familia Real e a dignidade de Grande de España que posuía desde que contraeu matrimonio.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Jaime pertence a unha familia aristocrática vasca-castelá, vinculada desde antigo á monarquía española. É o cuarto dos seis fillos do VIII conde de Ripalda, Amalio de Marichalar y Bruguera, comandante de artillería, que faleceu en 1979, e de María de la Concepción Sáenz de Tejada y Fernández de Bobadilla, que faleceu en 2014.[1] De aquí a súa pertenza ao Ilustre Solar de Tejada, situado na Sierra de Cameros, A Rioxa, corporación nobiliaria máis antiga do Reino de España, do que todos os seus irmáns, a súa nai e o seu fillo Froilán son Cabaleiros Diviseros Hijosdalgo. Pola súa banda, pertence á rama isabelina da Casa de Marichalar. O seu avó, Luis de Marichalar y Monreal, vizconde de Eza, foi ministro do Exército e Mariña durante o reinado de Afonso XIII e o desastre de Annual, senador vitalicio e alcalde de Madrid. A familia de Jaime de Marichalar é propietaria da Casa dos San Clemente, un palacio do século XVI e a leira 'Garrejo', na localidade de Garray, onde se descubriron as ruínas de Numancia, que o seu avó Luis de Marichalar y Monreal doou a Patrimonio Nacional. A súa nai, a actual condesa viúva de Ripalda, é irmá do tenente xeral José Sáenz de Tejada, xefe do Estado Maior do Exército de Terra nos anos 80 e cuñada do tenente coronel Prieto, xefe da Policía Foral de Navarra, asasinado por ETA.

Jaime realizou os seus estudos nos colexios dos Xesuítas de Burgos, San Estanislao de Kostka de Madrid e na Yago School de Dublín, Irlanda. A súa formación académica orientouse cara ao campo da Economía, na especialidade de Xestión de Empresa e Mercadotecnia na Escola Superior de Estudos de Mercadotecnia de Madrid (ESEM). En 1986 ampliou a súa formación realizando períodos de prácticas en diversas entidades financeiras de París, onde residiu de solteiro ata os primeiros anos do seu matrimonio. Aínda que hai que remarcar que non é licenciado en Economía nin en ningunha outra carreira relacionada con esta disciplina.[2]

O 18 de marzo de 1995 celebrouse o seu enlace matrimonial coa Infanta Elena de Borbón na catedral de Sevilla, tras o cal Jaime recibiu o tratamento de "A súa Excelencia".

Tras uns anos de traballo no sector dos mercados financeiros de ámbito internacional, foi nomeado en xaneiro de 1998 "Managing Director Senior Advisor" (Asesor do Director de Operacións) da Crédit Suisse First Boston, en Madrid. Presidiu a Fundación Winterthur, a cal impulsa numerosas actividades culturais. O 21 de novembro de 2008 foi cesado da presidencia da Fundación AXA, antiga Fundación Winterthur.[3] En 1995, con motivo da súa voda, foi nomeado da Real Maestranza de Caballería de Sevilla, unha corporación nobiliaria creada en 1670.

Don Jaime e a infanta Elena tiveron dous fillos, Felipe Juan, que naceu o 17 de xullo de 1998, e Victoria Federica, nacida o 9 de setembro de 2000, ambos os dous en Madrid. Os seus fillos levan tamén o tratamento de "A súa Excelencia" segundo o Real Decreto 1368 (6 de novembro de 1987) e son considerados Grandes de España.

O 22 de decembro de 2001, sufriu unha isquemia cerebral[4] mentres practicaba deporte cunha bicicleta estática que lle deixou paralizada a parte esquerda do seu corpo. Algúns medios de comunicación especularon sobre as causas deste incidente, aínda que sempre rexeitaron dar datos concretos.

Divorcio[editar | editar a fonte]

O martes 13 de novembro de 2007, a Casa Real anunciou o "cese temporal da súa convivencia matrimonial" dos duques de Lugo, afirmando que iso non significaba a separación definitiva.[5] O venres 26 de setembro de 2008, a revista «Época» espertou unha gran polémica en torno ao divorcio da Infanta Elena e Jaime de Marichalar. No mes de novembro de 2009, diversos medios de comunicación españois afirmaron que o anuncio do divorcio da Infanta e Jaime de Marichalar era inminente, noticia coa que se viña especulando dende o ano anterior. O 25 de novembro de 2009 os avogados de ambas as dúas partes confirmaron nunha nota de prensa que os duques de Lugo iniciaran os trámites de "mutuo e común acordo" coa firma dun convenio regulador. Aínda que neste comunicado non se fai mención a unha solicitude da nulidade eclesiástica do matrimonio, na prensa apareceu publicado que se podían ter iniciado os primeiros pasos para obtela.[6]

O 15 de decembro de 2009 Jaime de Marichalar e a Infanta asinaron a ratificación do convenio do seu divorcio ante un xuíz no Xulgado de Familia número 22 de Madrid. Aos duques de Lugo concedéuselles o privilexio de acceder á sede xudicial por unhas dependencias non abertas ao público para evitar ser vistos. Poucos días despois, coa firma da sentenza por parte do xuíz, produciuse o divorcio. O expediente do divorcio dos duques de Lugo foi depositado nunha caixa forte 'de grao de seguridade IV' pertencente ao xulgado no que se tramitou o procedemento. Esta medida, pouco habitual, adoptouse para evitar que o expediente puidese ser subtraído.[7]

O día 21 de xaneiro de 2010, tras ser inscrito no Rexistro Civil da Familia Real o acordo de divorcio coa Infanta Elena, quedou divorciado legalmente dende ese día, aínda que non foi dado a coñecer pola Casa Real ata o día 9 de febreiro de 2010.[8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Vanitatis
  2. Jaime cumpre 48 anos
  3. ADN.es Divorcio de Dona Elena e Jaime de Marichalar., ADN (2009-11-28) (accesible o 28 de novembro de 2009)
  4. Ingresan a Jaime de Marichalar tras sufrir unha isquemia cerebral, El Mundo
  5. A Infanta Elena sepárase, El País, 13 de novembro de 2007
  6. A infanta Elena firma o divorcio, El País, 26 de novembro de 2009
  7. Villar, Cote. Guardián de acero para el divorcio real. La otra crónica, nº 55 (2010-02-06). El Mundo
  8. A Infanta Elena xa está divorciada de Marichalar El Mundo, 9 de febreiro de 2010.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Jaime de Marichalar