Jacob van Ruisdael

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O muíño de Wijk bij Duurstede (1670). Óleo sobre lenzo, 83 x 101 cm. Rijksmuseum, Ámsterdan.

Jacob Isaacszoon van Ruisdael, nado en Haarlem en 1628 ou 1629 e finado en Ámsterdan en marzo de 1682 foi un pintor paisaxista neerlandés.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Non se sabe a súa data de nacemento, se ben nun documento legal do 9 de xuño de 1661 declara ter trintadous anos. Ruisdael proviña dunha familia de artistas e artesáns. O avó era un ebanista de sona, Jacob de Goyer, que vivía no castelo de Ruisdael e tivo catro fillos, dos que tres mudaron o nome en Van Ruisdael ou Ruysdael (era práctica abondo corrente na época). Dous fillos de Jacob, Isaak (1599-1677) e Salomon (1600- ca. 1670 circa), foron tamén pintores, estabelecidos en Haarlem.

Un documento conservado nos arquivos municipais de Haarlem testemuña que Isaak, viuvo, uníuse en novo matrimonio con Mayken Cornelisdochter o 12 de novembro de 1628. Jacob naceu probabelmente desta unión (da primeira dona non se coñece nen o nome). Mayken faleceu cando Jacob era aínda un rapaz. Isaak casou una terceira vez o 9 de marzo de 1642. Outros documentos relativos ao pai do noso pintor mostran as súas constantes dificultades económicas, porén Jacob contribuiu ao seu mantemento na súa ancianidade.

Deféndese que Jacob foi iniciado na pintura polo seu tío Salomon, artista destacado na época, que asinaba "Ruysdael" mentres o sobriño como "Ruisdael". Cara a 1648 Jacob entrou a formar parte da confraría de pintores de Haarlem, mais ha dúbidas sobre a data precisa. Parece que nos inicios da súa carreira Ruisdael viaxou frecuentemente á busca de temas para as súa pinturas, mais sen se afastar en demasía da súa cidade. articularmente importante foi a viaxe que fixo en 1650 pouco máis aló dos confíns con Alemaña. Da experiencia, case con certeza en compañía doutro pintor mozo, Nicolaes Berchem (1620-1683), son testemuña os numerosos cadros que teñen por asunto o castelo de Bentheim en Westfalia.

Cara 1655 Jacob deixou Haarlem para mudarse a Ámsterdan, onde transcorreu o resto da súa vida. ous anos despois fíxose bautizar na Igrexa Reformada holandesa. En 1659 aveciñouse en Ámsterdan. En 1667 contraeu unha grave doenza, o que o levou a facer testamento no mesmo ano, no que se mostraba xeneroso con a súa media irmá. En todo caso, a enfermidade non condicionou a súa actividade, pois non se rexistran baixas tanto na cantidade e calidade das súa produción.

Arredor de 1670 pasa a residir nunha prestixiosa morada na praza principal de Amsterdam, a praza Dam. Morreu en marzo de 1682 en Amsterdam, mais foi sepultado na súa nativa Haarlem, onde repousan na imponente igrexa gótica de San Bavón, tantas veces representada nas súas pinturas.

Temas e estilo[editar | editar a fonte]

O asunto favorito de boa parte da súa obra foron escenas boscosas, semellantes as de Allart van Everdingen e Hobbema. Unhas 140 obras están dedicadas a este tipo de temas. Destacou como pintor de árbores, e a súa resolución da follaxe, en especial a de carballos, caracteriza a seu gusto pola precisión. Son salientes as súas vistas de cidades na lonxanía, como Haarlen ou Katwijk, que indican influencia de Rembrandt.

Só nos últimos anos da súa vida prestou atención Ruisdael a plasmación de vistas con cidadáns. Representou varias veces o Dam, a praza principal de Amsterdam, na que vivira nese tramo da súa vida.

Durante un breve período (1646-1655) dedicouse ao gravado, do que apenas nos chegaron exemplares.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Jacob van Ruisdael