Iztaccíhuatl

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 19°10′45″N 98°38′36″O / 19.179166666667, -98.643333333333

Iztaccíhuatl

Volcán Iztaccíhuatl
Altitude: 5286 m (17.342 pés)
Localización: Estado de México-Estado de Puebla, México
Tipo: Múltiples volcáns extintos
Primeiro ascenso: Época remota anterior aos Aztecas
Ruta de ascenso máis sinxela: Ruta dos pés

Iztaccíhuatl (do nahuatl "Iztac", branco/a e "cíhuatl", muller) é unha montaña e unha princesa mitolóxica azteca que se converteu en deusa. Este artigo trata das dúas.

Iztaccíhuatl é a terceira montaña máis alta de México, despois do Pico de Orizaba (5.610 m) e o Popocatépetl (5.452 m).

Esta montaña ten varios picos, o máis alto a 5.286 m é o denominado "Pecho". Sobresaen tamén a cabeza e os pés. A silueta da montaña, que case sempre está cuberta de neve, ten forma dunha muller deitada co cabelo estendido para o lado oposto do seu corpo. Por esta razón tamén se coñece a montaña como muller durmida. A montaña Iztaccíhuatl encóntrase a uns 70 km ao sueste da Cidade de México e algunhas veces pode verse desde esta. Anteriormente, cando non existía contaminación na Cidade de México, a montaña Iztaccíhuatl e o seu compañeiro Popocatépetl sempre eran visíbeis, dominando parte de horizonte. Do feito anterior e de que a Cidade de México foi o centro cultural, político e económico, primeiro do Imperio Azteca e agora do país México, xeráronse múltiples expresións artísticas e literarias sobre estas montañas.

O primeiro rexistro de ascenso desta montaña data de 1889, mais a evidencia arqueolóxica indica que os Aztecas e incluso culturas anteriores ascenderon esta montaña.

Lenda do Popocatépetl e Iztaccíhuatl[editar | editar a fonte]

Na mitoloxía Azteca, Iztaccíhuatl foi unha princesa que se namorou dun dos guerreiros do seu pai. O seu pai enviou o namorado a unha batalla ao Estado de Oaxaca, prometéndolle que lle entregaría a súa filla se regresaba vitorioso, o que o seu pai daba por imposíbel. Un pretendente de Iztaccíhuatl díxolle a esta que o seu guerreiro amado morrera na batalla e logrou convencela de casar con el. Cando despois dalgún tempo, o guerreiro regresou vitorioso, Iztaccíhuatl, que xa se entregara ao rufián, e ante a imposibilidade de darlle a súa pureza ao seu amor, matouse, co consecuente suicidio do seu amor. Polo grande amor entre eles os deuses convertéronos en inmensas montañas ao redor do Val de México, Iztaccíhuatl e Popocatépetl, para que eternamente estiveran xuntos recordándolles a todos o seu grande amor.