Izquierda Mirandesa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Izquierda Mirandesa
Tipopartido político
Ideoloxíaesquerda abertzale
Data de fundación1983
SedeMiranda de Ebro
PaísEspaña
Na rede
Facebook: izquierda.mirandesa Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Izquierda Mirandesa (IM) (Mirandako Ezkerra en vasco ou Esquerda Mirandesa en galego) é un partido político que opera na cidade burgalesa de Miranda de Ebro, de ideoloxía nacionalista vasca e socialista englobado dentro da chamada esquerda abertzale. Foi creado en 1983. A súa actual voceira é Conchi Salazar. Outro do seus militantes históricos é Antonio Salazar Chomón.

Ideoloxía[editar | editar a fonte]

Identificada con posicións esquerdistas, a súa posición política máis significativa é a reivindicación da integración de Miranda de Ebro e a súa bisbarra en Áraba e, polo tanto, no País Vasco, un dos territorios definidos polos independentistas vascos como Euskal Herria. Tamén defende unha integración semellante do Condado de Treviño.

Historia[editar | editar a fonte]

A actividade do partido produciuse na década de 1980. Algúns dos seus fundadores tiñan militado na sección local da Organización Revolucionaria de Traballadores. Aínda que se presentaron en numerosas ocasión ás eleccións municipais, nunca obtiveron representación no consistorio mirandés. A finais da década de 1990 invitaron a un mitin á daquela legalizada Herri Batasuna.

O slogan utilizado naquela época por IM foi "Miranda Araba Da" ("Miranda é Áraba") en forma de pintadas e adhesivos, xunto con outros lemas coma "Miranda non é Burgos". Xa nas eleccións municipais de 2003 non presentou candidatura, segundo as súas reclamacións públicas, para non dividir os votos dos partidos de esquerda, alén de criticar a ilegalización das candidaturas da esquerda abertzale. Tamén pediron o voto, nas eleccións municipais do 2007, para Acción Nacionalista Vasca, solicitando o voto dos mirandeses residentes nas localidades con lista de devandita formación. Nas pasadas eleccións autonómicas vascas, fixeron idéntico chamamento para o Partido Comunista de las Tierras Vascas mediante un comunicado no xornal Gara.

Izquierda Mirandesa forma parte de asociacións e colectivos cidadáns coma a plataforma Térmicas Non (oposta á instalación das centrais térmicas de ciclo combinado de Montefibre, en Miranda de Ebro, e Lantarón, en Áraba). participou tamén en actos relacionados co peche da central nuclear Santa María de Garoña, a conservación do río Ebro ao seu paso por Miranda (todos os anos, a finais de agosto, diferentes partidos e colectivos de Miranda de Ebro arranxan a Baixada do Ebro en defensa do río) ou a supresión da peaxe da A-1. Tamén se reclama herdeira da tradición obreira e republicana mirandesa e loitou activamente pola recuperación da memoria histórica, organizando anualmente unha homenaxe á República e pondo un monólito no antigo Campo de Concentración de Miranda.

Tamén varios dos seus integrantes e simpatizantes forman un grupo carroceiro, presentándose en varias ocasións dende a súa formación ao concurso de carrozas de papel típicas de Miranda de Ebro nas festas patronais da cidade. O grupo chámase Lagun Artean ("Entre Amigos"). Amais o partido posúe unha Herriko taberna na zona antiga da cidade.

O partido non presentou candidaturas ni participou nas eleccións europeas de 2009 (aínda que pediu o voto para Iniciativa Internacionalista), nin tampouco participou nas municipais de 2011.

Izquierda Mirandesa mantivo contacto estreito coa esquerda abertzale vasca. En xuño de 2013, Izquierda Mirandesa convidou Sabino Cuadra, deputado abertzale no Congreso dos Deputados polo partido político independentistas vasco Amaiur, para que presentase un libro en Mirada de Ebro[1]. Nese mesmo mes, representantes de Izquierda Mirandesa, convidaron representantes da formación abertzale Sortu para presentar o seu proxecto político e dirixentes de ambas as dúas formacións políticas reuníronse para deseñar unha estratexia política común para toda Euskal Herria (recórdese que Izquierda Mirandesa considera Miranda de Ebro parte de Euskal Herria)[2].

Nas eleccións europeas de 2014, pediron o voto para a coalición independentista Os Pobos Deciden, liderada por Bildu e BNG[3]. Izquierda Mirandesa uniuse á coalición Ganemos Miranda xunto con Esquerda Unida, Equo e varias agrupacións de independentes locais de Miranda de Ebro para participar nas eleccións municipais de maio de 2015[4] cuxos resultados foron a obtención dun concelleiro no consistorio cun 6,16% dos votos[5].

Resultados electorais[editar | editar a fonte]

Eleccións e data
Votos
%
Concelleiros
Municipais, xuño de 1987 669 3,73% -
Municipais, maio de 1991 426 2,54% -
Municipais, maio de 1995 384 1,99% -
Municipais, xuño de 1999 260 1,46% -

Eleccións municipais de 2007[editar | editar a fonte]

Aínda que en 2007, ao igual ca en 2003, Izquierda Mirandesa non presentou lista para as eleccións ao concello mirandés, a súa voceira, Conchi Salazar, apoiada por outros membros do partido, fixo un comunicado, no cal afirmaba non pedir o voto para ningún partido, pero situándose ao carón daqueles que avoguen polo peche da central nuclear de Garoña, a supresión da peaxe da Autoestrada do Norte AP-1 e dos opositores ás centrais térmicas de ciclo combinado. Non obstante pediu o voto para Acción Nacionalista Vasca alí onde se presentaran, sendo salientable o caso do Condado de Treviño, afirmando que o voto para ANV era un Si para o proceso de paz entre o goberno español e ETA.

Consideraron tamén as eleccións como carentes de base democrática, pois as derradeiras resolucións impedirán que «algúns se presenten, e que outros teñan opción de voto». Neste senso afirmaron que iso pasoulle ao representante de Izquierda Mirandesa «nas vilas do noso contorno». Tamén criticaban no seu texto a Lei de Partidos e afirmaban que se cumprira ilegalizar a algún partido debería ser ao Partido Popular, «por defender a violencia da guerra de Iraq e non condenar o franquismo».

Argumentacións históricas[editar | editar a fonte]

Algunha das razóns históricas amosadas por Izquierda Mirandesa para integrar Miranda de Ebro no País Vasco están relacionadas coa súa pertenza, durante algúns períodos da Idade Media, ao Reino de Navarra.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]