Illas Canarias

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Islas Canarias»)
Modelo:Xeografía políticaIllas Canarias
Las Islas Canarias (es) Editar o valor em Wikidata
Imaxe

HimnoHimno de Canarias (28 de abril de 2003) Editar o valor em Wikidata

Localización
lang=gl Editar o valor em Wikidata Mapa
 28°32′10″N 15°44′56″O / 28.536, -15.749Coordenadas: 28°32′10″N 15°44′56″O / 28.536, -15.749
EstadoEspaña Editar o valor em Wikidata
CapitalSanta Cruz de Tenerife
As Palmas de Gran Canaria Editar o valor em Wikidata
Contén a división administrativa
Poboación
Poboación2.172.944 (2021) Editar o valor em Wikidata (291,79 hab./km²)
Lingua oficiallingua castelá Editar o valor em Wikidata
Xeografía
Parte de
Superficie7.447 km² Editar o valor em Wikidata
Bañado porOcéano Atlántico Editar o valor em Wikidata
Punto máis altoTeide (3.715 m) Editar o valor em Wikidata
Datos históricos
Precedido por
Creación10 de agosto de 1982 Editar o valor em Wikidata
Organización política
• Xefe do gobernoAngel Victor Torres Perez Editar o valor em Wikidata
Órgano lexislativoParlamento das Canarias , (Escano: 60) Editar o valor em Wikidata
Identificador descritivo
Código postalCN Editar o valor em Wikidata
Fuso horario
Dominio de primeiro nivel.ic Editar o valor em Wikidata
Código de paíssen valor e IC Editar o valor em Wikidata
ISO 3166-2ES-CN Editar o valor em Wikidata
Código NUTSES7 Editar o valor em Wikidata

Páxina webgobcan.es Editar o valor em Wikidata

As Canarias[1] son un arquipélago do Atlántico, unha das dezasete comunidades autónomas de España e unha das rexións ultraperiféricas da Unión Europea.[2] Está formada por oito illas: El Hierro, La Gomera, La Palma e Tenerife, que forman a provincia de Santa Cruz de Tenerife; e Fuerteventura, Gran Canaria, Lanzarote e La Graciosa, que forman a provincia das Palmas. Tamén fan parte das Canarias os illotes deshabitados de Alegranza, Montaña Clara, Roque del Este e Roque del Oeste, que forman xunto coa illa de La Graciosa o Arquipélago Chinijo, e a Illa de Lobos, todos eles pertencentes á provincia das Palmas.

O arquipélago está situado fronte á costa noroeste de África, entre as coordenadas 27º 37' e 29º 25' de latitude norte e 13º 20' e 18º 10' de lonxitude oeste, situación que implica unha diferenza dunha hora entre as Canarias e o resto de España. A illa de Fuerteventura dista uns 95 km da costa africana. Con todo, son aproximadamente 1 400 km[3] os que separan a Canarias do continente europeo. A pesar disto, a cultura das illas é occidental, a medio camiño entre Europa e Latinoamérica.

As illas, de orixe volcánica, son parte da rexión natural da Macaronesia xunto cos arquipélagos de Cabo Verde, Os Azores, Madeira e Salvaxes. O seu clima é subtropical, aínda que modificado pola altura e a vertente norte ou sur. Esta variabilidade climática xera unha gran diversidade biolóxica que, xunto á riqueza paisaxística e xeolóxica, xustifica a existencia nas Canarias de catro parques nacionais[4] e que varias illas sexan reservas da biosfera da UNESCO.[5] Estes atractivos naturais, o bo clima e as praias fan das illas un importante destino turístico, sendo visitadas cada ano por preto de 12 millóns de persoas (11 986 059 en 2007, destacando un 29% de británicos, 22% españois peninsulares e un 21% alemáns).[6]

A capitalidade da comunidade é compartida entre as súas dúas principais cidades: Santa Cruz de Tenerife e As Palmas de Gran Canaria[7]; a sede do Presidente do Goberno autonómico alterna entre ambas por períodos lexislativos, sendo a sede do Vicepresidente distinta á do Presidente. O Parlamento das Canarias está en Santa Cruz de Tenerife, mentres que a sede da Delegación do Goberno se sitúa nas Palmas de Gran Canaria, existindo ademais unha Subdelegación do Goberno en cada unha das dúas cidades. Así mesmo, hai un equilibrio entre as dúas capitais en canto a consellerías e institucións públicas. Non existen deputacións provinciais como no resto de España, sendo cada illa gobernada polo seu respectivo Cabido, excepto as illas e illotes do Arquipélago Chinijo, os cales son gobernados polo Cabido de Lanzarote, e a Illa de Lobos, gobernada polo Cabido de Fuerteventura.

Historia[editar | editar a fonte]

As illas Canarias eran habitadas desde antes da conquista europea polos guanches. O termo guanche era o xentilicio dos habitantes da illa de Tenerife, pero máis tarde foi empregado para referirse a todos os habitantes orixinais do arquipélago. Eran un pobo antigo, relacionado cos bérberes do norte de África. Non se coñecen os detalles precisos da colonización das illas, pero as teorías máis aceptadas suxiren que estas poboacións foron traídas polos fenicios e romanos. As principais actividades económicas destas persoas eran de pasto, cultivo, colleita de froitas e de peixes ao longo da costa.

No século XIV, as illas foron descubertas por monarquías e estados feudais en Europa. Foron varias as visitas de mallorquinos, portugueses e xenoveses. O navegante xenovés Lanceloto Malocello estableceuse na illa de Lanzarote en 1312. Os mallorquinos estableceron unha misión nas illas (logo do viaxe de Francesc Desvaler), cun bispo, que permaneceu de 1350 ata 1400 e do que proceden algunhas imaxes de virxes que eran adoradas polos guanches. Durante os seguintes cincuenta anos, co permiso papal e o apoio da coroa castelá, varias expedicións foron organizadas para os escravos, peles, e colorantes.

1402 é considerado o ano do inicio da conquista das illas coa expedición a Lanzarote dos normandos Jean de Bethencourt e Gadifer de la Salle, sen intervención directa da Coroa de Castela mais si indirecta por medio de pactos de vasalaxe. Dada a difícil orografía, a falta de interese comercial e a resistencia dos nativos, a conquista non foi rematada ata 1496, cando se renderon os últimos nativos de Tenerife, e as illas foron incorporadas á coroa. A conquista das Canarias, que durou case 100 anos, foi o precedente da conquista do Novo Mundo.

Cando se completou a conquista das illas, impúxose un novo modelo económico baseado no monocultivo, a cana de azucre en primeiro lugar. Nesta época creáronse as primeiras institucións e órganos gobernamentais. Co descubrimento de América e a posterior conquista, as illas convertéronse nun punto de parada para rutas de comercio con América, África e a India, o porto de Santa Cruz de la Palma chegou a ser un dos portos máis importantes do Imperio Español, e isto foi acompañado dunha gran prosperidade de determinados sectores da sociedade nas Illas. A crise do monocultivo do século XVIII e a independencia das colonias americanas durante o século XIX produciron graves crises económicas. Tras a crise económica sufrida polo arquipélago, houbo grandes ondas de emigración para as Américas.

A principios do século XX introduciuse o monocultivo da banana nas Canarias, e grandes empresas como Fyffes controlaron a súa exportación. A rivalidade entre as elites das cidades de Santa Cruz de Tenerife e As Palmas de Gran Canaria pola capitalidade das illas levou á división da provincia das Canarias en dúas provincias en 1927.

Tras a morte de Francisco Franco e do establecemento dun sistema democrático de monarquía constitucional realizouse un Estatuto de Autonomía, aprobado en 1982. Canarias é actualmente regulada pola Coalición Canaria, pero é unha minoría no Parlamento.

Illas[editar | editar a fonte]

Mapa das Illas Canarias

Xeografía[editar | editar a fonte]

O Teide en Tenerife, é con 3.718 metros sobre o nivel do mar, o punto máis alto de España.
Montañas de maior altitude en cada unha das illas
Pico Altitude Illa
Teide 3.718 metros Tenerife
Roque de los Muchachos 2.426 metros La Palma
Pico de las Nieves 1.949 metros Gran Canaria
Pico de Malpaso 1.500 metros El Hierro
Garajonay 1.487 metros La Gomera
Pico de la Zarza 812 metros Fuerteventura
Peñas del Chache 670 metros Lanzarote
Caldera de Alegranza 289 m Alegranza
Las Agujas 266 m La Graciosa
La Mariana 256 m Montaña Clara

Canarias é un arquipélago volcánico moi recente xeoloxicamente, cuns 30 millóns de anos de antigüidade. Os seus grandes edificios volcánicos apóianse sobre grandes bloques da codia oceánica, e na zona de contacto coa codia continental africana. A disposición das illas reflicte a rede de fallas presentes na codia oceánica.

A historia xeolóxica das illas é moi complexa. Atópanse varias fases de coadas de lavas que dan un típico relevo volcánico. Durante as grandes glaciacións, as Canarias tiveron un clima máis árido que favoreceu a erosión e a aparición de derrubas nas ladeiras e os barrancos.

As costas son as máis expostas ao ímpeto da erosión, debido á actividade mariña. Hai moi poucas zonas de acumulación, o que supón a existencia de moi poucas praias naturais. Predominan os grandes cantís. É destacable que Canarias é a rexión española con maior lonxitude de costas: 1.583 km.

Os barrancos son moi característicos das Illas Canarias: trátase da canle esporádica por onde se dirixen as augas correntes das illas. O seu percorrido é curto, e xeralmente teñen un perfil rectilíneo moi marcado. A súa canle está tapizada de derrubas arrastradas polas augas.

Clima[editar | editar a fonte]

Canarias afectada polo po en suspensión procedente do deserto do Sáhara, fenómeno coñecido como calixe ou po en suspensión.

O clima é subtropical oceánico, con temperaturas mitigadas todo o ano polo mar e no verán polos ventos alisios. Danse variacións moi importantes en canto ao réxime de precipitacións. Nalgunhas zonas da illa de La Palma, por exemplo, as precipitacións anuais chegan a superar os 1.200 litros. Nas illas orientais as precipitacións son máis escasas que nas occidentais; así Fuerteventura e Lanzarote caracterízanse por un clima árido semidesértico. A escaseza de choiva levou á instalación de desalgadoras para abastecer zonas urbanas, como nas Palmas de Gran Canaria ou Santa Cruz de Tenerife. De feito, a primeira planta desalgadora de España instalouse na illa de Lanzarote en 1964, e na actualidade esta illa e Fuerteventura abastécense totalmente de auga do mar desalgada.[8]

A porosidade do terreo, dada a súa natureza volcánica, dificulta o aproveitamento da auga da choiva en presas e encoros, aínda que estas teñan certa importancia en Gran Canaria e La Gomera. Nas illas occidentais lévase a cabo un aproveitamento dos acuíferos subterráneos a través das galerías, fóra da illa de El Hierro, onde son máis importantes os pozos e alxibes. Unha característica dalgúns lugares das illas é a presenza de montañas preto da costa que provocan que as masas de aire se condensen, dando lugar ao fenómeno coñecido como mar de nubes, e xa que logo, o beneficio da vexetación da zona debido á humidade. Con todo, debido aos microclimas existentes nunha mesma illa, pódense atopar zonas onde aparecen bosques húmidos e outras zonas onde a aridez é a característica principal.

Os ventos adoitan soprar con maior frecuencia do nordés, e aínda que non adoitan deixar precipitacións, reportan humidade ás zonas orientadas cara a alí, formándose o devandito mar de nubes nas zonas medias e altas. Os ventos do levante, siroco, adoitan ir acompañados de calixe, po en suspensión procedente do deserto do Sáhara que alcanza ás veces unha gran densidade.

As Illas carecen de ríos aínda que os barrancos son numerosos e as augas discorren rapidamente desde as zonas altas ata as costas. A pesar diso existen algunhas correntes continuas de auga en La Palma, La Gomera, Tenerife e Gran Canaria.

Demografía[editar | editar a fonte]

Puerto del Rosario, capital de Fuerteventura.

A densidade de poboación nas illas é de 284,48 hab/km², cifra máis de tres veces superior á media española. Tenerife e Gran Canaria albergan máis do 80% da poboación total do arquipélago. Houbo historicamente unha forte migración interior desde as illas menos poboadas ás da capital, así como outra exterior en dirección a América (sobre todo, a Cuba, Porto Rico e Venezuela). A poboación é na súa práctica totalidade de raza branca ou caucásica.

A pesar do forte crecemento da natalidade rexistrado na década de 1960, que debuxou unha pirámide da poboación moi nova nos anos 80 (a poboación menor de 30 anos achegábase entón á metade da poboación total), as menores taxas de fecundidade nos últimos anos sinalan un proceso de envellecemento. Este fenómeno está sendo parcialmente compensado polo auxe da inmigración, que fixo das Canarias destino de moitos traballadores de servizos e da construción procedentes doutras comunidades autónomas de España, así como de escandinavos xubilados (establecidos todo o ano ou só no período invernal), latinoamericanos (provenientes na súa maioría de Colombia, Cuba, Venezuela e a Arxentina), marroquís e persoas da África subsahariana.[9]

San Sebastián de la Gomera, capital de La Gomera.

Segundo o censo de 2009, a poboación das Canarias ascende a 2 118 519 habitantes. Na provincia das Palmas hai 1 090 605 persoas; na de Santa Cruz de Tenerife, 1 027 914 habitantes. A densidade da poboación en ambas as provincias é de 304,03 en Santa Cruz de Tenerife e 268,23 nas Palmas. O municipio con maior número de habitantes é As Palmas de Gran Canaria (383.308 habitantes), seguido de Santa Cruz de Tenerife (222.643 habitantes), San Cristóbal de la Laguna (152.222), Telde (100.900), Arona (79.377) e Santa Lucía de Tirajana (64.845).

Poboación por illas[editar | editar a fonte]

Segundo datos do INE a data de xaneiro de 2008

Cidades das Illas Canarias[editar | editar a fonte]

Listaxe Cidade Illa Pob. Listaxe Cidade Illa Pob.

As Palmas de Gran Canaria

Santa Cruz de Tenerife

San Cristóbal de la Laguna
1 As Palmas de Gran Canaria Gran Canaria 379.925 11 La Orotava Tenerife 42.029
2 Santa Cruz de Tenerife Tenerife 207.312 12 Puerto del Rosario Fuerteventura 40.753
3 San Cristóbal de la Laguna Tenerife 157.503 13 Arucas Gran Canaria 38.138
4 Telde Gran Canaria 102.647 14 Los Realejos Tenerife 36.402
5 Arona Tenerife 81.216 15 Agüimes Gran Canaria 31.619
6 Santa Lucía de Tirajana Gran Canaria 73.328 16 Ingenio Gran Canaria 31.321
7 Arrecife Lanzarote 62.988 17 Puerto de la Cruz Tenerife 30.468
8 San Bartolomé de Tirajana Gran Canaria 53.443 18 Candelaria Tenerife 27.985
9 Granadilla de Abona Tenerife 50.146 19 La Oliva Fuerteventura 26.580
10 Adeje Tenerife 47.869 20 Gáldar Gran Canaria 24.242
Censo 2019[10]

Organización territorial[editar | editar a fonte]

Canarias está formada por dúas provincias, a provincia das Palmas e a provincia de Santa Cruz de Tenerife, creadas en 1927 ao dividirse a Provincia das Canarias, que desde 1833 incluía todo o arquipélago, con capital na cidade de Santa Cruz de Tenerife.

Pola súa parte, cada provincia está formada por illas que funcionan como entidades políticas con administración propia e gobernadas cada unha delas por un goberno local chamado cabido insular. A única illa habitada que non ten administración propia é La Graciosa, que está agregada administrativamente ao municipio de Teguise da illa de Lanzarote e está gobernada polo cabido desta illa. Os membros políticos dos distintos municipios, dos cabidos e do Goberno das Canarias son elixidos por sufraxio universal directo dos cidadáns de cada unha das oito illas.

Á súa vez, cada illa está dividida en municipios. No total, Canarias ten 88 municipios.

Mapa municipal das Canarias.
Illa Bandeira Escudo Capital Área (Km²) Poboación (2010)
El Hierro Valverde 268,71 10.960
Fuerteventura Puerto del Rosario 1.659,74 103.492
Gran Canaria As Palmas de Gran Canaria 1.560,10 845.676
La Gomera San Sebastián de la Gomera 369,76 22.776
Lanzarote Arrecife 845,94 141.437
La Palma Santa Cruz de la Palma 708,32 87.324
Tenerife Santa Cruz de Tenerife 2.034,38 906.854

Economía[editar | editar a fonte]

Cultivos en La Geria, Lanzarote.

A economía está baseada no sector terciario (74%), principalmente turismo, o que propiciou o desenvolvemento da construción. O turismo comezou nos anos 60 cos escandinavos, despois chegaron os alemáns e os ingleses, que forman a maioría do turismo, cuxa tempada forte é a invernal.

A industria é escasa, basicamente agroalimentaria, tabaqueira e de refinamento de petróleo (a refinaría de Santa Cruz de Tenerife é a maior de España). Tras a ocupación do Sáhara Occidental por parte de Marrocos, as industrias de conservas e salgadura de peixe desapareceron.

Só está cultivado o 10% da superficie, sendo de secaño a maioría (cebada, trigo, vide e pataca), e de regadío unha minoría (plátanos e tomates), orientados ao comercio co resto de España e coa Unión Europea. Aínda que nun primeiro momento Canarias quedou fóra da Unión Aduaneira da Comunidade Económica Europea, este réxime de liberdade comercial imposibilitou a subvención da produción agrícola de tomates e plátanos porque non lle era aplicable a PAC (Política Agraria Común), por iso pediuse e obtivo o cambio a un modelo de integración plena, co establecemento dun arbitrio á importación de mercancía e un IVE diminuído, o IGIC.

Entre as especificidades fiscais das Canarias está a Reserva para Investimentos nas Canarias (RIC), que diminúe da base impoñible do Imposto de Sociedades (IS) ata o 90% do beneficio non distribuído (80% no caso de profesionais que deben tributar polo Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) polo importe da dotación á reserva, que debe investirse no prazo de tres anos desde a dotación. Así mesmo, existe unha Zona Franca, denominada Zona Especial Canaria (ZEC), onde as empresas implantadas tributan ao 4% do IS.

Iniciouse tamén a exportación de froitas tropicais (piñas, mangas e outros cultivos de invernadoiro) e flores. A gandería, principalmente caprina e bovina, é escasa, tras sufrir un importante retroceso nas últimas décadas. Era a segunda rexión pesqueira de España pero o sector pesqueiro foi a pique logo da ocupación do Sáhara por Marrocos e das duras condicións para faenar nas augas saharauís.

O sector da construción é o que maior crecemento achegou no último decenio, pero afronta actualmente un ciclo recesivo.

Turismo[editar | editar a fonte]

O Parque Nacional do Teide, en Tenerife, é o segundo máis visitado do mundo.

Canarias constitúe a terceira rexión española que maior número de turistas estranxeiros recibe, por detrás de Cataluña e Baleares. Canarias recibe máis de 9,6 millóns de turistas estranxeiros anualmente. Neste aspecto Tenerife, segundo os datos achegados por AENA é o principal destino turístico nas illas, co 37% do total, séguelle Gran Canaria cun 31% e logo Lanzarote e Fuerteventura cun 16,28% e un 13,30% respectivamente. La Palma mantense na proporción superando o 1,3%. Os principais turistas que visitan as illas proveñen do norte de Europa, principalmente do Reino Unido e Alemaña.[11][12][13]

As localidades da costa son as que máis turistas reciben, destacan Puerto de la Cruz e Los Cristianos en Tenerife, Maspalomas e Playa del Inglés en Gran Canaria, así como as principais cidades e o Parque Nacional do Teide. Tenerife, Gran Canaria, Lanzarote e Fuerteventura reciben entre dous e cinco millóns de visitantes cada ano, mentres que La Palma, La Gomera e El Hierro son as illas menos visitadas, con pouco máis de 300.000 cada ano.

Relixión[editar | editar a fonte]

Basílica da Nosa Señora da Candelaria, patroa das Canarias, en Tenerife.

Do mesmo xeito que ocorre no resto de España, a sociedade canaria é maioritariamente cristiá, principalmente católica, aínda que o nivel de práctica relixiosa é dos máis baixos de España. No entanto, as crecentes correntes migratorias (turismo, inmigración etc.) están incrementando o número de fieis doutras relixións que se encontran nas illas, como: musulmáns, hindús etc.

Canarias está dividida en dúas dioceses católicas, cada unha gobernada por un bispo:

Transportes[editar | editar a fonte]

Transporte terrestre[editar | editar a fonte]

Fachada do aeroporto de Gran Canaria (Gando).

As comunicacións interiores son por estrada. Gran Canaria e Tenerife dispoñen dun sistema de autovías e autoestradas, hai dous tramos en Lanzarote e está en construción unha autovía en Fuerteventura.

Non existen vías de tren, excepto o Tranvía de Tenerife, cuxa liña 1, que une Santa Cruz de Tenerife con San Cristóbal de la Laguna, entrou en servizo o 2 de xuño de 2007. Actualmente xa conta con dúas liñas.[14] Ademais están en proxecto tres traxectos que se estima que a partir de 2016 unirían, por unha banda en Gran Canaria, As Palmas con Maspalomas[15] e doutra banda en Tenerife, Santa Cruz con Los Cristianos[16] a través do Tren do Sur e con Los Realejos grazas ao Tren do Norte.

Transporte aéreo[editar | editar a fonte]

Entre as illas pódese viaxar en avión, con liñas regulares operadas polas compañías Binter Canarias e Islas Airways.

Desde a Península Ibérica e o resto de Europa utilízase maioritariamente o avión regular e chárter. Hai tamén unha liña marítima de frecuencia semanal con Cádiz e outra con Funchal, Madeira, ademais dunha próxima con Huelva.[17] Canarias é a comunidade autónoma con máis aeroportos abertos ao tráfico comercial civil (oito), por orde de importancia:

No total, as Canarias rexistran un movemento de 16 874 532 pasaxeiros de entrada a través dos seus oito aeroportos. As dúas illas da capital (Tenerife e Gran Canaria) son as que rexistran maior afluencia de pasaxeiros; Tenerife con 6 204 499 pasaxeiros e Gran Canaria con 5 011 176 pasaxeiros.[18]

Transporte marítimo[editar | editar a fonte]

Entre as illas hai varias liñas marítimas de transbordador e mais transbordador rápido ou catamarán, das compañías Fred Olsen e Naviera Armas. As importacións e exportacións realízanse tamén principalmente por vía marítima. As illas contan cun réxime especial fiscal dentro da Unión Europea (rexións ultraperiféricas).

Goberno e política[editar | editar a fonte]

Parlamento das Canarias, en Santa Cruz de Tenerife.
Goberno das Canarias, sede das Palmas de Gran Canaria.

Canarias constituíuse en 1982 en Comunidade Autónoma de España mediante a Lei Orgánica 10/1982, de 10 de agosto, de Estatuto de Autonomía das Canarias. O Estatuto estabelece que os poderes da Comunidade se exercen a través do Parlamento (unicameral, exerce o poder lexislativo), o Goberno (que exerce o poder executivo) e o seu presidente. Ademais, cada illa maior ten a súa propia administración en forma de Cabidos insulares.

O Parlamento das Canarias, con sede en Santa Cruz de Tenerife, está formado por 60 deputados autonómicos elixidos por sufraxio universal. Tenerife e Gran Canaria elixen 15 deputados cada unha; La Palma e Lanzarote, 8 cada unha; Fuerteventura elixe 7 deputados, e La Gomera e El Hierro, 4 e 3 deputados respectivamente. As súas funcións son a elaboración de leis que afecten á Comunidade, a aprobación dos orzamentos autonómicos, o control do goberno rexional, o nomeamento dos senadores que corresponden a Canarias (que se unen aos elixidos directamente polos cidadáns en cada circunscrición insular) etc.

A IX Lexislatura do Parlamento das Canarias comezou o 23 de xuño de 2015 coa celebración da sesión constitutiva da cámara, onde tomaron posesión os 60 parlamentarios electos nas eleccións do 24 de maio do mesmo ano.

Grupos parlamentarios e agrupacións no Parlamento das Canarias
Nome Partido(s) Logotipo Voceiro Líder autonómico Escanos
G.P. Nacionalista Canario CC-PNC José Miguel Ruano León Fernando Clavijo Battle 16
G.P. Socialista Canario PSOE-PSC Iñaki Álvaro Lavandera José Miguel Pérez 15
G.P. Popular Partido Popular María Australia Navarro de Paz Asier Antona Gómez 12
G.P. Podemos Podemos Noemí Santana Perera Meri Pita Cárdenes 7
G.P. Nueva Canarias Nueva Canarias Román Rodríguez Rodríguez Román Rodríguez Rodríguez 5
Grupo Mixto ASG Casimiro Curbelo Curbelo Casimiro Curbelo Curbelo 3
Agrupación Herreña Independiente* AHI José Miguel Ruano León Tomás Padrón Hernández 2
  • Os deputados da Agrupación Herreña Independiente están integrados no G.P. Nacionalista Canario.

O Goberno das Canarias, con sede en Tenerife e Gran Canaria, exerce o poder executivo e está integrado polo presidente (máxima autoridade política da comunidade) e os conselleiros que se achan á fronte das distintas consellerías. Desde 2007, o presidente do goberno canario é Fernando Clavijo, de Coalición Canaria, grazas a un acordo co PSOE.

Outras institucións

O Deputado do Común do Parlamento das Canarias, radicado en Santa Cruz de la Palma, é o Defensor do Pobo canario. Trátase dun alto comisionado designado polo Parlamento das Canarias, cuxo fin é defender os dereitos e liberdades constitucionais dos cidadáns canarios. O Consello Económico e Social das Canarias, con sede nas Palmas de Gran Canaria, é o órgano consultivo do Parlamento e do Goberno das Canarias en materia socioeconómica e laboral. A Audiencia de Contas das Canarias, situada en Santa Cruz de Tenerife, é o órgano fiscalizador das contas e da xestión económica do sector público canario. O Tribunal Superior de Xustiza das Canarias é o máximo órgano xurisdicional das Canarias, sen prexuízo do Tribunal Supremo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para canario.
  2. Article 6 of Council Directive 2006/112/EC of 28 November 2006 (as amended) on the common system of value added tax (OJ L 347, 11.12.2006, p. 1) [1]
  3. "(PDF) LAS ISLAS CANARIAS ¿UNA REGIÓN AISLADA? - AGE – Asociación de ...age.ieg.csic.es/boletin/32/3208.pdf · «áreas de dimensiones variables, delimitadas convencionalmente gracias". pdfslide.net (en castelán). Consultado o 2022-12-09. 
  4. Nuestros parques nacionais de España na web do Ministerio de Medio Ambiente.
  5. [2] Lista de Reservas da Biosfera en Europa e Norteamérica na páxina web da UNESCO. En inglés.
  6. Páxina web Arquivado 29 de agosto de 2010 en Wayback Machine. do ISTAC sobre entrada de turistas en Canarias.
  7. "Estatuto de Autonomía de Canarias na páxina web do Goberno de Canarias". Arquivado dende o orixinal o 20 de xaneiro de 2011. Consultado o 14 de xuño de 2010. 
  8. "Nas illas de Lanzarote e Fuerteventura a desalgamento de auga de mar permite o abastecemento do 100% da poboación residente e turística" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 17 de maio de 2011. Consultado o 29 de xaneiro de 2012. 
  9. [http://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=2049896 Caracterización da poboación canaria a comezos do século XXI. Unha perspectiva da sociedade insular desde a demografía.
  10. INE 2019.
  11. "Coyuntura Turística de Canarias no sitio web oficial do Goberno das Canarias" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 13 de abril de 2012. Consultado o 16 de xaneiro de 2011. 
  12. "Entrada xeral de pasaxeiros aos aeroportos canarios en 2009". Arquivado dende o orixinal o 13 de novembro de 2010. Consultado o 16 de xaneiro de 2011. 
  13. "Instituto Nacional de Estadística de España". Arquivado dende o orixinal o 02 de outubro de 2010. Consultado o 16 de xaneiro de 2011. 
  14. Tranvía de Tenerife
  15. "O tren de Gran Canaria irá baixo terra pola capital". Arquivado dende o orixinal o 16 de xullo de 2011. Consultado o 16 de xaneiro de 2011. 
  16. "O Tren do Sur de Tenerife estará operativo en oito anos e xerará máis de mil empregos". Arquivado dende o orixinal o 21 de maio de 2013. Consultado o 16 de xaneiro de 2011. 
  17. "Primeira liña regular Huelva-Canarias estará operativa en marzo". Arquivado dende o orixinal o 17 de maio de 2011. Consultado o 16 de xaneiro de 2011. 
  18. "Entrada nos aeroportos canarios segundo illas". Arquivado dende o orixinal o 13 de novembro de 2010. Consultado o 16 de xaneiro de 2011. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]