Inés de Castro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Inés de Castro
Nome completoInés Pires de Castro e Enes Pires de Crasto
Nacemento17 de decembro de 1320, c. 1320 e c. 1325
Lugar de nacementoA Limia
Falecemento7 de xaneiro de 1355
Lugar de falecementoCoímbra
Causadecapitación
SoterradaMosteiro de Alcobaça
NacionalidadeCoroa de Castela e Reino de Portugal
Relixióncatolicismo
Ocupaciónpolítica
PaiPedro Fernández de Castro
NaiAldonza Lourenzo de Valadares
CónxuxePedro I de Portugal
FillosInfante Afonso, João de Portugal, Duque de Valência de Campos, Dinis de Portugal, Senhor de Cifuentes e Beatriz de Portugal, Condessa de Alburquerque
IrmánsAlvar Peres de Castro, Fernando Ruiz de Castro e Xoana de Castro
Na rede
WikiTree: Castro-101 Find a Grave: 7608960 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Inés Pires de Castro, nada no reino de Galiza en 1320 ou 1325 na comarca da Limia e finada o 7 de xaneiro de 1355 na Quinta das Bágoas, en Coímbra,[1] foi unha nobre galega amante e talvez esposa do futuro Pedro I de Portugal, sendo executada ás ordes do pai deste, Afonso IV.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Orixes[editar | editar a fonte]

Inés de Castro era filla ilexítima de Pedro Fernández de Castro e unha dama portuguesa, Aldonça Lourenço de Valadares.[2] O seu pai, neto por vía ilexítima de Sancho IV de Castela era un dos fidalgos máis poderosos de Castela. Inés era polo tanto prima en 4º grao de Pedro (cuxa mai, Beatriz de Castela, era filla de Sancho IV de Castela).

Romance con D. Pedro[editar | editar a fonte]

Sepulcro de Inés de Castro no Mosteiro de Alcobaça, Portugal. Mármore, c. 1358-1367.

Inés de Castro chegou a Portugal en 1340, integrada como aia no séquito de Constanza Manuel, filla de Xoán Manuel de Castela, un poderoso nobre descendente da Casa real castelá, que iría casar co príncipe Pedro, herdeiro do trono portugués.[3] O príncipe apaixoouse por Inés pouco tempo despois, desleixando á muller lexítima, Constanza, e pondo en perigo ás febles relacións con Castela. Tentando separar a Pedro e Inés, Constanza convida a Inés como madriña do seu primeiro fillo varón, o Infante Lois (1343), xa que de acordo cos preceitos da Igrexa Católica daquela, unha relación entre un dos padriños e un dos pais do bautizado era cáseque incestuosa. O cativo non durou un ano, o que fixo aumenta-las desconfianzas en relación con Inés de Castro.

Sendo o romance adúltero vivido ás claras, o rei Afonso IV (que promulgara leis contra este tipo de situacións) manda exiliar a Inés no castelo de Albuquerque, na fronteira española, en 1344. Porén, a distancia non apagou o amor entre os dous apaixonados amantes e, segundo a lenda, continuaban a se corresponder con frecuencia. En outubro do ano seguinte, Constanza morreu ao dar a luz o futuro Fernando I de Portugal, deixando a Pedro viúvo e un home ceibe. Inés volveu do exilio e os dous foron vivir xuntos lonxe da corte, tendo catro fillos: Afonso (morto de neno), Xoán, Dinis e Beatriz.

Afonso IV tentou por diversas veces organizar un terceiro casamento para o seu fillo, cunha princesa de sangue real, mais Pedro rexeitou tomar outra muller que non fose Inés. O vello Rei receaba da influencia da familia de Inés, os poderosos Castro, no seu fillo e herdeiro; alén diso, o único fillo home de Pedro e Constanza Manuel, Fernando, era un rapaz fráxil, e medraba a inseguridade en relación coa súa vida para que un dos saudábeis fillos de Inés de Castro puidese ocupa-lo trono. A nobreza portuguesa tamén comezaba a inquietarse coa crecente influencia castelá sobre o futuro rei.

Asasinato de D.ª Inés[editar | editar a fonte]

O rei Afonso IV decidiu entón que a mellor solución sería eliminar a Inés. Despois dalgúns anos no Norte, Pedro e Inés regresaron a Coímbra e instaláronse no Pazo de Santa Clara.

O 7 de xaneiro de 1355, o rei cede ás presións dos seus conselleiros, e aproveitando a ausencia de Pedro nunha excursión de caza, envía a Pêro Coelho, Álvaro Gonçalves e Diogo Lopes Pacheco para executar a Inés. Os tres dirixíronse ao Mosteiro de Santa Clara en Coímbra, onde Inés se encontraba e degolárona. Tal feito, segundo a lenda, terá orixinado a cor avermellada das augas que corren nese lugar da Quinta das Lágrimas. A morte de Inés fixo que Pedro se revolvese contra Afonso IV, ao que responsabilizou pola morte provocando unha sanguenta guerra civil. A Raíña Beatriz interveu e despois de meses de loita, a paz selouse en agosto de 1355.

Raíña póstuma[editar | editar a fonte]

Coroación póstuma de Inés de Castro, por Pierre-Charles Comte.

Pedro tornouse o oitavo rei de Portugal en 1357. En xuño de 1360 fai a famosa declaración de Cantanhede, lexitimando os fillos ao afirmar que casara secretamente con Inés, en 1354 "...en día que non se lembraba...". A palabra do rei, e do seu capelán foron a única proba deste casamento. Pedro perseguiu os asasinos de Inés, que tiñan fuxido para Castela. Pero Coelho e Álvaro Gonçalves foron capturados e executados (segundo a lenda, o Rei mandou arrancar a un o corazón polo peito e ao outro polas costas, e asistiu á execución mentres se celebraba un banquete). Diogo Lopes Pacheco conseguiu escapar para Francia, e foi máis tarde perdoado polo Rei no seu leito de morte.

Pedro mandou construír dous espléndidos túmulos no mosteiro de Alcobaça, un para si e outro para onde trasladou os restos da súa amada Inés. A cerimonia do beixa man (representada por exemplo no cadro de Pierre-Charles Comte) tan vívida no imaxinario popular, probabelmente foi inserida nas narrativas do final do século XVI, despois de que Camões escriba no seu Canto III a traxedia da Linda Inés. Pedro xuntouse a Inés en 1367, e os restos de ambos xacen xuntos até hoxe, fronte a fronte, para que, segundo a lenda "possam olhar-se nos olhos quando despertarem no dia do juízo final".

Inés de Castro tornouse coñecida ao ser a súa historia lembrada por Camões no Canto III d' Os Lusíadas, onde fai referencia á «...mísera e mesquiña, que despois de ser morta foi raíña...». Foi amante e declarada postumamente esposa lexítima de Pedro I de Portugal. A súa desventurada vida e controvertido casamento aínda fai que historiadores se debrucen sobre o caso, procurando indicios de se houbo ou non un casamento.

Dona Inés na Literatura[editar | editar a fonte]

Os amores de D.ª Inés popularizáronse non só na literatura erudita, entre outros cos árcades Manuel de Figueiredo e Reis Quita, mais tamén entre o pobo, co teatro de cordel e Bocage dedicoulle unha cantata.

A primeira aparición dos amores de D.ª Inés na literatura dáse coas Trovas á Morte de Inés de Castro, de García de Resende, no Cancioneiro Xeral de 1516. Mais é c´Os Lusíadas, de Camões, que se constitúe o máis influente fondo lírico do episodio de Dona Inés de Castro, a «linda Inés», tal como xorde no Canto III.

A traxedia A Castro (1587), a primeira traxedia clásica portuguesa, de António Ferreira, foi escrita con base na súa vida.

Na literatura en lingua castelá está a obra de Luis Vélez de Guevara: Reinar después de morir (c. 1640; publicada en Lisboa, 1652).

Foi co Romanticismo en Portugal que aumentou o interese polos feitos históricos asociados ao episodio. Alexandre Herculano e Oliveira Martins, entre outros, procuraron investigar, con algún rigor, as persoas e feitos históricos.

En 1986, nun tempo máis próximo ao actual, Agustina Bessa-Luís (1922-) publica as Adivinhas de Pedro e Inés.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. López, Víctor (2022-10-14). "Inés de Castro, a galega que reinou despois de morta". GCiencia. Consultado o 2023-06-25. 
  2. Diccionario histórico, genealógico y heráldico de las familias ilustres de la Monarquia Espanola, Ed. Luis Vilar y Pascual, Juan José Vilar Psayla, (Imprenta de D.F. Sanchez A Cargo de Augustin Espinosa, 1859), 253.
  3. Stephens, Henry Morse (1898). Portugal. Nova York: G.P. Putnam's sons. pp. 92–99. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]