Inundación do mar do Norte de 1953

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Oude-Tonge Goeree-Overflakkee, 1953

A Inundación dos Países Baixos en 1953 (en neerlandés "De Watersnood", A Inundación) tivo lugar na noite do 31 de xaneiro ao 1 de febreiro de 1953. Varios diques nas provincias de Celandia e Holanda Meridional foron incapaces de conter a combinación dunha marea viva e unha severa tormenta do noroeste. Grandes porcións de terra, tanto nas illas costeiras como no continente, resultaron completamente alagadas. Morreron 1835 persoas, así como numerosas cabezas de gando. Aínda hoxe en día moitas persoas lembran ás vítimas da catástrofe cada 1 de febreiro.

Circunstancias climatolóxicas[editar | editar a fonte]

Áreas anegadas

Independentemente do mal estado dos diques na zona do Delta (unha ampla zona que comprende as desembocaduras do Rin, o Mosa e o Escalda), a inundación debeuse principalmente a unha tráxica combinación de diversas circunstancias climatolóxicas adversas.

Unha borrasca formada ao sur de Islandia o 30 de xaneiro desprázase en dirección a Escocia, aumentando en forza até adquirir características de furacán ao día seguinte, 31 de xaneiro. Impulsada por unha fronte tormentoso diríxese sobre o Mar do Norte cara á costa holandesa, nese momento en plena marea alta. A combinación de tormenta tempestuosa coa preamar provoca que nalgúns puntos da costa a auga flúa cara a terra asina por encima dos diques.

Na tarde do 31 de xaneiro a tormenta segue reforzándose, con ventos de forza 11 (na costa holandesa mídense ventos de forza 10). No sudoeste de Holanda mídense ventos sostidos de forza 9 durante 20 horas. A forza da tormenta é tal que impide ao mar retirarse seguindo o seu ciclo normal, polo que non se produce unha verdadeira baixamar.

Pouco despois da media noite prodúcese o maior efecto da tormenta sobre o nivel do mar: 3,10 metros de elevación sobre o nivel normal. Tres horas máis tarde prodúcese unha marea viva, que combinada coa forza do vento, produce o nivel máis alto da auga: 4,55 metros por encima do nivel do mar.

Os diques non están preparados para estas condicións, e cara ás 3 da madrugada prodúcense as primeiras roturas. Os reforzos dos diques, efectuados na parte externa (onde se esperaba que o mar puidese causar maiores danos), non serven: a auga flúe por encima dos diques, socavándoos pola parte interior, ata que a forza do mar rómpeos. 187 quilómetros de diques resultaron danados, e un total de 89 diques resultaron rotos.

A fortuna quixo que os ventos máis potentes soprasen tres horas antes da marea viva, e non ao mesmo tempo, nese caso os danos serían aínda maiores.

A forza destrutora do mar[editar | editar a fonte]

Moitas persoas son espertadas en metade dunha noite de terror pola auga. Encerrados nas súas propias casas, non poden contar con axuda externa. Moitas casas son derrubadas por fórzaa da auga e a poderosa tormenta. As ligazóns telefónicas e por radio son cortadas.

Unha testemuña relata como se esperta ao ouvir un ruído na planta baixa, e ao baixar polas escaleiras, coa lúa chea, ve con horror como a auga alcanza a altura do centro das xanelas. Mentres sobe rapidamente a espertar á súa muller, a auga rompe as xanelas e entra na casa con furia.

A mañá do 1 de febreiro chega por fin a marea baixa, e o nivel da auga baixa moderadamente. Algunhas persoas aproveitan a oportunidade para fuxir a zonas máis elevadas, ou para subirse ao tellado. Desenvólvense algunhas accións de salvamento individuais con botes, levando xente a zonas máis seguras. A catástrofe é aínda descoñecida fóra da zona, debido á destrución dos sistemas de comunicacións.

A situación empeora de novo nas primeiras horas da tarde do 1 de febreiro, coa seguinte preamar. Esta marea é a que se cobrou máis vidas: os diques xa rotos non poden conter a auga, que alcanza unha altura aínda maior. Moitas casas que resistiran o primeiro embate, derrúbanse agora. Persoas e gando son arrastrados pola enorme masa de auga. Testemuñas subidas ao tellado das súas casas narran como algún familiar cae á auga e é arrastrado, sen poder facer nada. Os que sobreviven na auga agárranse a calquera obxecto flotante, coa esperanza de ser rescatados ou alcanzar algunha zona segura. Para moitos a axuda non chegará a tempo, e para outros chega unha noite fría e aterradora.

Accións de salvamento[editar | editar a fonte]

Groenendijk[editar | editar a fonte]

Trala rotura de múltiples diques na zona do delta, a situación tornouse crítica en Holanda Meridional, en torno ao río IJssel. O dique deste río era o único que protexía da furia do mar e a tormenta a máis de tres millóns de habitantes das dúas provincias holandesas.

O dique conseguiu aguantar a maior parte do tempo, aínda que nunha sección coñecida como Groenendijk a situación era crítica, xa que non estaba reforzada con pedra, e ameazaba con romper ante a enorme presión da auga. Cara ás 5:30 da mañá do 1 de febreiro, o dique cedeu.

A auga do mar entraba por milleiros nas extremadamente baixas terras de Holanda Meridional. Nunha última acción desesperada, o alcalde de Nieuwerkerk ordenou ao propietario do barco De Twee Gebroeders que o leva até o buraco no dique. O plan funcionou, e o barco quedou atrapado taponando a rotura do dique.

Asistencia humanitaria[editar | editar a fonte]

O luns 2 de febreiro, usando helicópteros de recoñecemento, faise evidente a gravidade da situación e ponse en marcha a axuda para as zonas afectadas a gran escala. úsanse helicópteros para lanzar artigos de primeira necesidade e sacos de area. Outros países ofrecen axuda: Bélxica, o Reino Unido, os Estados Unidos, Canadá, Dinamarca e Francia envían axuda material e efectivos militares. Comezan as primeiras evacuacións.

O 3 de febreiro hai xa 12 000 homes traballando para paliar os danos, e pola tarde pódese dar o desastre (non así os seus efectos) por finalizado: a tormenta amaina e a conta de vítimas mortais detense. Aínda quedan persoas atrapadas nalgunhas zonas, pero son rescatadas en pouco tempo. En poucos días complétanse as evacuacións das zonas alagadas ou perigosas, e dan comezo os labores de restauración das zonas danadas e dos diques.

Tanto do estranxeiro como desde os propios Países Baixos recíbense cantidades inxentes de bens para axudar ás vítimas; até o punto de que en poucos días os almacéns destinados a eles satúranse. O 4 de febreiro a Cruz Vermella emite un comunicado pedindo á poboación que deixe de enviar roupa e mobles.

Consecuencias[editar | editar a fonte]

As consecuencias da catástrofe foron enormes. 1835 persoas perderon a vida durante a inundación (864 en Celandia, 247 en Brabante do Norte, 677 en Holanda Meridional e 7 en Holanda Setentrional). Outras 40 persoas morreron máis adiante como consecuencia do desastre. 200 000 cabezas de gando bovino, porcino e cabalar (entre outras) perderon a vida, e case 200 000 hectáreas resultaron alagadas.

A consecuencia da auga salgada do mar, as terras cultivables quedaron inutilizadas por longo tempo. 3000 vivendas e 300 granxas foron destruídas, e outras 40 000 casas e 3000 granxas resultaron danadas, a miúdo por restos de madeira flotantes. 72 000 persoas víronse obrigadas a abandonar as súas casas e foron evacuadas a áreas seguras.

Outros países afectados[editar | editar a fonte]

En azul, as zonas alagadas en Gran Bretaña

Reino Unido[editar | editar a fonte]

A tormenta provocou tamén cuantiosos danos na costa oriental de Reino Unido. As defensas costeiras resultaron danadas ou rotas ao longo de 1600 km, e máis de 1000 km² resultaron alagados, polo que foi necesario evacuar a unhas 30 000 persoas. Máis de 24 000 casas resultaron danadas. Estímase que morreron 307 persoas, entre as que se contan as vítimas do naufraxio do transbordador Princess Vitoria, que se afundiu esa noite causando a perda de 133 vidas.

Bélxica[editar | editar a fonte]

En Bélxica rexistráronse menos danos: unhas 4400 hectáreas resultaron alagadas, gran parte no interior, nas proximidades de Antuerpen. 25 persoas perderon a vida no país.

O Plan Delta[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Plan Delta.

Vinte días despois do desastre creouse a Comisión do Delta, coa misión de estudar un plan de infraestruturas para o delta do Rin que garantise a seguridade no futuro. Unha condición do plan é que a abertura ao mar dos portos de Róterdan e Antuerpen debía ser salvagardada.

Os traballos do Delta duraron máis de 40 anos, e consideráronse concluídos en 1997.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Inundación do mar do Norte de 1953