Interferón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O interferón é unha proteína producida naturalmente polo sistema inmunitario da maioría dos animais como resposta a axentes externos, tales como virus, ou a células canceríxenas. O interferón pertence á clase das glicoproteínas como as citocinas.

Tipos[editar | editar a fonte]

Nos seres humanos hai tres tipos principais de interferón:

  • O primeiro tipo está composto por 14 diferentes isoformas do interferón alfa, e isoformas individuais beta, omega, epsilon e kappa.
  • O segundo tipo consiste no interferón gamma.
  • Recentemente descubriuse unha terceira clase de inteferon, o lambda, con 3 isoformas diferentes.

Principios[editar | editar a fonte]

Na maioría de casos, a produción de interferón é inducida por outras citocinas, por exemplo, IL-1, IL-2, TNF e CSF, que son sintetizadas en resposta á aparición de virus no corpo. O seu metabolismo e excreción prodúcese principalmente no fígado e riles. Dificilmente atravesan a placenta e a barreira hematoencefálica. O interferón alpha e beta é producido por varios tipos celulares: as células T e as células B, macrófagos, fibroblastos, células endoteliais e osteoblastos entre outras, e son importantes compoñentes da resposta antiviral. Estimulan aos macrófagos e as células NK e son activas contra os tumores.

O interferón gamma participa na regulación das respostas inmune e inflamatoria. Nos humanos, só hai un tipo de interferón gamma. Prodúcese en células T activadas. O interferón gamma ten efectos antivirais e antitumorais, pero xeralmente febles. Con todo, potencia os efectos do interferón alpha e beta. Desafortunadamente, o interferón gamma necesita ser liberado no tumor en doses moi pequenas e non é, actualmente, moi útil no tratamento do cancro.

Este interferón gamma é secretado por linfocitos Th1 e estimula entre outros, a macrófagos, posibilitando a fagocitose. Esta función é importante nas infeccións de bacterias extracelulares. A activación do macrófago é inutil nas infeccións víricas e de escasa importancia nas infeccións bacterianas intracelulares (como a tuberculose)


O interferón alfa ten 2 accións básicas:

  • Impide a replicación viral en células infectadas que aínda non foron destruídas pola acción vírica.
  • Activa linfocitos NK, que eliminan células que non presenten o complexo de histocompatibilidade tipo I (que soen ser células tumorais ou infectadas por virus).

Usos farmacolóxicos[editar | editar a fonte]

A produción de interferón sérvese da tecnoloxía de recombinación de ADN, permitindo o cultivo masivo e purificación das emisións bacterianas.

Actualmente existen varios tipos de interferón que foron aprobados para o seu uso en humanos, e a terapia de interferón é usada, xunto con quimioterapia e radioterapia no tratamento do cancro. A inxección de interferón nos músculos, veas ou baixo a pel é comunmente ben tolerada. Os efectos secundarios máis frecuentes son síntomas catarrais: febre, malestar, cansanzo, dor de cabeza, dor muscular e convulsións. Eritema, dor e dureza no punto da inxección tamén se observan frecuentemente. Raras veces, os pacientes experimentan caída do cabelo, e depresión. Todos os efectos coñecidos son reversibles e desaparecen aos poucos días de abandonar o tratamento.

O interferón alpha foi usado no tratamento da hepatite C e da leucemia mieloide crónica.

O interferón beta é utlizado no tratamento e control da esclerose múltiple. Por un mecanismo aínda descoñecido, inhibe a produción das citocinas de Th1 e a activación de monocitos. Tamén ten un labor importante no shock séptico.