Ingeborg Bachmann

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ingeborg Bachmann
Ingeborg Bachmann
Busto de Ingeborg Bachmann en Klagenfurt
Nacemento: 25 de xuño de 1926
Klagenfurt Austria Austria
Falecemento: 17 de outubro de 1973
Roma Italia Italia
Nacionalidade: Austríaca Austria
Ocupación: Poeta
Cónxuxe(s): Max Frisch

Ingeborg Bachmann, nada en Klagenfurt o 25 de xuño de 1926 e finada en Roma o 17 de outubro de 1973, foi unha poeta e autora austríaca e unha das máis destacadas escritoras en lingua alemá do século XX.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Filla máis vella dun profesor de educación secundaria, Ingeborg Bachmann pasou a súa infancia e mocidade en Carintia, en Austria. Durante a posguerra, entre 1945 e 1950, e logo de comenzar estudos de dereito, dedicouse á filosofía, a psicoloxía e a literatura alemá, pasando polas universidades de Innsbruck, Graz e por último Viena, onde rematou os seus estudos. Doutorouse en filosofía coa tese Die kritische Aufnahme der Existenzialphilosophie Martin Heideggers (A recepción crítica da filosofía existencial de Martin Heidegger).

Pronto publicou a súa primeira historia curta. A súa carreira literaria beneficiouse do contacto con Hans Weigel, literato e promotor da literatura nova de posguerra, e o prestixioso círculo literario Gruppe 47, entre cuxos membros tamén se contaban Ilse Aichinger, Paul Celan, Heinrich Böll, Marcel Reich-Ranicki e Günter Grass. Deste grupo recibiu en 1953 un premio pola súa primeira colección de poemas Die Gestundete Zeit ("O retardo consentido").

Un emprego na emisora de radio Rot-Weiss-Rot (Vermello-Branco-Vermello, a emisora de radio das forzas de ocupación americanas) facilitou a Bachmann facerse cunha visión ampla da literatura contemporánea, á vez que lle proporcionou un salario decente que lle permitiu un traballo literario serio. Ademais, a súas primeiras obras radiofónicas foron publicadas pola emisora, como Ein Geschäft mit Träumen (1952) ("Un negocio cos soños") ou Die radiofamilie ("A familia da radio"). Os seus poemas e estas obras obtiveron simultaneamente éxito de crítica e de público, o que lle significou un gran éxito no mundo xermanófono. Cos seus poemas buscaba, de acordo co obxectivo do Grupo 47, renovar a lingua: non se constrúe «un mundo novo sen unha linguaxe nova». Outro tema puramente bachmaniano vai aparecendo: o amor e a violencia inherente ás relacións; a incomunicación na parella; o tráxico da existencia feminina.

A sesión do Grupo 47 de 1958, denominada Grossholzleute presenciou a emerxencia dunha facción feminina levada por Bachmann, Ilse Aichinger e outras autoras. O Grupo 47 debía liberar aos homes das palabras manchadas polos nazis e axudarlles a escribir un novo mundo. Tamén debía servir, dicían elas, para limpar a lingua daquelas palabras das que se serven os homes para falar das mulleres no seu nome, usurpando o seu sitio e matando as súas paixóns. Foi o comezo dun intento literario orixinal e revolucionario de escribir o Amor, coa representación del que as mulleres fan coas súas palabras, e non aquelas fabricadas por séculos de autores masculinos. Este cambio de obxectivo "político", de temática literaria, así como o paso da poesía á novela, romperon o vínculo entre Bachmann e o público.

Posteriormente o traballo de Bachmann centrouse principalmente en temas como os límites persoais, o establecemento da verdade e a filosofía da linguaxe, esta última seguindo as ideas de Ludwig Wittgenstein. En 1953 marchou a Roma, onde dedicou a maioría dos anos seguintes a escribir poemas, ensaios, libretos de ópera e historias curtas, que pronto lle significaron fama internacional e numerosos premios. Entre 1958 e 1963 tivo como compañeiro ao escritor suízo Max Frisch, con quen viviu en Roma e Frankfurt. Esta relación levouna a Suíza e ofreceulle o papel do segundo protagonista na obra de Frisch Mein Name sei Gantenbein.

En 1959 inaugurou, como primeira profesora invitada, un posto relacionado coa poesía creado pola universidade de Frankfurt para permitir a un escritor de lingua alemá expoñer alí a súa "arte poética". Das seis conferencias inicialmente previstas desde novembro de 1959 a decembro de 1960, Bachmann só deu cinco, tituladas Problemen zeitgenössischer Lyrik (Cuestións de poesía contemporánea). Malina, primeiro tomo da tetraloxía inacabada Todesarten, foi o seu último traballo publicado en vida, en 1971.

En 1964 recibiu o prestixioso Premio Büchner polos seus poemas, e compuxo para a recepción deste o seu texto Berlín, un lugar de azares. O prestixioso Premio Ingeborg Bachmann, concedido anualmente en Klagenfurt, leva o seu nome.

A súa morte nun hospital de Roma, por un incendio na súa habitación, no ano 1973, deixou a súa obra incompleta. A verdadeira causa da súa morte segue sen dilucidar, aínda que se rumoreou que non foi debido ás queimaduras senón á súa adicción a certos medicamentos que na súa estancia no hospital non continuou.

Obras[editar | editar a fonte]

  • Last Living Words: The Ingeborg Bachmann Reader
  • Letters to Felician (cartas a un corresponsal imaxinario, escrito en 1945, publicado postumamente).
  • Die gestundete Zeit (poesía lírica, 1953)
  • Die Zikaden (obra radiofónica, 1955)
  • Anrufung des Grossen Bären (poesía lírica, 1956)
  • Der gute Gott von Manhattan (obra radiofónica, 1958)
  • Die Wahrheit ist dem Menschen zumutbar (discurso poetolóxico nunha presentación de premios alemá 1959)
  • Frankfurter Vorlesungen (charla sobre os problemas da literatura contemporánea 1959)
  • Das dreißigste Jahr (recompilación de historias, 1961)
  • Malina (novela, 1971)
  • Simultan (recompilación de historias, 1972). Premio Anton Wildgans
  • Todesarten (proxecto de ciclo de novelas, inacabado)