Imprimatur

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Imprimatur ("Que se imprima", en latín) é unha aprobación por parte da xerarquía da Igrexa Católica segundo a cal unha obra literaria ou semellante está libre de erros en materia de doutrina e moral e é polo tanto aceptábel para ser impresa e lida polos católicos.

O imprimatur é de maior importancia nas obras que tratan da teoloxía e doutrina católicas e introduciuse como medida para reducir a exposición, especialmente dos leigos, á herexía. A presenza do imprimatur foi en tempos un asunto da maior preocupación para moitos católicos. Con efecto, nalgúns países oficialmente católicos non se podía publicar nada legalmente sen un imprimatur. Hoxe só preocupa a algúns católicos moi conservadores.

O imprimatur católico pode consistir de até tres selos, seguido cada un deles por unha sinatura (nome e cargo):

  • Imprimi potest ("Pódese imprimir", en latín) -- Se a obra é dunha orde relixiosa, o selo indica que foi examinada e aprobada polo superior relixioso ou cabeza da orde relixiosa (ou representante debidamente nomeado).
  • Nihil obstat ("Nada impide") -- Este selo indica que a obra foi examinada e aprobada polo censor da diocese e que para el non contén erros doutrinais ou morais. Este censor é habitualmente un sacerdote con estudos nomeado polo bispo que informa ao autor dos posíbeis problemas e imprecisións para que os corrixa.
  • Imprimatur ("Que se imprima") -- Por último, este selo indica que a obra foi aprobada para a súa impresión polo bispo da diocese ou por outra autoridade eclesiástica.

Estes "selos" e "sinaturas" non son selos literais e sinaturas manuscritas, senón que se imprimen nunha das primeiras páxinas do libro, xunto coa data e lugar (como nos documentos legais), en tipografía básica.

A continuación, algunhas obras poden incluír unha afirmación como a seguinte:

  • "O Nihil Obstat e o Imprimatur son declaracións oficiais segundo as que un libro ou panfleto está libro de erro doutrinal ou moral. Non se infire que os que concederon o Nihil Obstat e o Imprimatur concorden co contido, opinións ou afirmacións expresadas."

O termo ampliouse para incluír a aprobación "oficial" por autoridades de calquera tipo relacionadas coa área en cuestión. Así, pódese dicir que unha obra de natureza política ten o "imprimatur" dun determinado partido político. Trátase dunha aprobación en sentido simbólico, normalmente.

Outra utilización recente do termo é a que fai o programador John Walker, quen advirte da posibilidade da imposición dun imprimatur dixital por parte das autoridades sobre o que os cidadáns poden ler ou compartir.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]