Imperio serbio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Srpsko Carstvo
Српско Царство

Imperio serbio

Imperio medieval

Flag of Serbia 1281.svg
Flag of PalaeologusEmperor.svg
[[1346 - 1371]] Bandeira
Ottoman flag.svg
Balsic small COA.jpg
Bandeira Escudo
Bandeira Escudo
Situación de {{{nome_común}}}
Capital Skopje
Goberno Monarquía Absoluta
Tsar
 • 1346-1355 Estevo Uroš IV Dušan
 • 1355-1371 Estevo Uroš V
Moeda Perper serbio
Xentilicio: serbio/a

O Imperio serbio (en serbio latino Srpsko Carstvo, serbio cirílico Српско Царство) foi un efémero Imperio medieval nos Balcáns que xurdiu do Reino de Serbia.

Estevo Uroš IV Dušan (O Poderoso) foi coroado como Emperador dos serbios e dos gregos o 16 de abril de 1346, título que significaba unha sucesión ao Imperio romano de Oriente (Imperio bizantino). Estevo Uroš IV Dušan expandiu significativamente o Estado, estendéndose sobre a metade da península dos Balcáns, e promoveu a Igrexa ortodoxa serbia a un Patriarcado.

O Imperio derrubouse durante o mandato de Estevo Uroš V (O Débil), en 1371, aínda que substitiu nominalmente nominalmente até 1402.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Antedentes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Zeta, Dukjla e Reino de Serbia (medieval).

Durante os séculos X e XI, aínda baixo a soberanía bizantina, Serbia seguía sen formar unha unidade política coherente. Pero a mediados do século XI constituíuse, a partir das tribos de Zeta, o principado de Dukjla, auténtico núcleo do estado medieval serbio, pronto estendeu o seu poder a Herzegovina, Rascia e o leste de Bosnia. Adoptando unha actitude de equilibrio entre Bulgaria e Bizancio, iniciouse unha nova etapa de expansión serbia durante os mandatos dos župans Estevo Vojslav (1040-1052) e Miguel Vojslav (1051-1081). Este último rebelouse contra Bizancio e logrou reunir os territorios herdados do seu pai, a Rascia (Serbia) e a Zeta (Montenegro), obtendo do papa Gregorio VII o título de Rei dos eslavos. Á morte do seu fillo Constantino Bodin (1081-1101), as dúas rexións independizáronse de novo.

Santo Estevo Nemanja, ou San Simeón (Estevo Nemanja)
Pintura mural no Mosteiro de Studenica, (1313-1314).[2]

Contra 1167 Estevo Nemanja, gran župan de Rascia, iniciou a loita para independizar ao seu pobo da soberanía bizantina. Para lograr este propósito recabou a axuda do Imperio búlgaro, e en 1196 abdicou no seu segundo fillo Estevo II Nemanjić, casado cunha filla do emperador.

Logrou anexionar Montenegro, Dalmacia, Herzegovina e a Serbia danubiana, polo que se considera como o fundador do reino de Serbia.

O reinado de Estevo Nemaja (1171-1196) marcou o inicio do período máis esplendoroso da historia serbia.

Os seus sucesores aproveitaron a decadencia do Imperio bizantino e a debilidade dos restantes estados da península para facérense cun extenso imperio que, no seu apoxeo con Estevo Dušan (1331-1355), incluía os actuais territorios de Serbia, Herzegovina, o sur de Dalmacia, Montenegro, Albania, Macedonia e a Grecia do norte (Tesalia e Epiro). O sucesor de Estevo Nemanja, Estevo II Nemanjić, coa axuda do seu irmán menor San Sava, que controlaba a Igrexa serbia, adoptou o título de rei, que foi confirmado por Honorio III, co que Serbia se converteu no estado máis forte dos Balcáns.

A Esteban II sucedéronlle no trono os seus tres fillos: Estevo Radoslav (1227-1234), Ladislao (1234-1243) e Estevo Uroš I (1243-1276).

Este último tivo que loitar contra os húngaros; finalmente retirouse á vida monacal e cedeu o trono ao seu fillo Estevo Dragutin (1276-1282) o cal, á súa vez, abdicou no seu irmán Milutin, que tomou o nome de Estevo Uroš II Milutin (1282-1321).

Con este rei, Serbia entrou de cheo na esfera internacional, e as súas conquistas puxeron a base territorial do futuro esplendor serbio. A maior parte destas conquistas foron a costa de territorios bizantinos, logrando derrotar o emperador Andrónico II.

Finalmente, en 1299, os dous monarcas chegaron a un acordo polo cal o rei de Serbia casaba cunha filla do emperador e esta achegaba como dote os territorios xa conquistados ao imperio por Serbia.

En 1322, despois duns momentos de confusión, foi coroado novo rei Estevo Uroš III Dečanski (1321-1331), o cal participara nunha rebelión e fora condenado á perda da vista. Foi destronado polo seu fillo Estevo Uroš IV Dušan (1331-1355), co cal Serbia alcanzou a súa máxima independencia na Idade Media e grandes dominios territoriais.

Estevo Uroš IV Dušan[editar | editar a fonte]

Antes de chegar ao trono como Tsar de Serbia, Estevo Dušan mostrárase como un gran líder con moito talento no campo de batalla, como demostrou na guerra contra Bulgaria, onde Serbia logrou unha gran vitoria sobre o Segundo Imperio búlgaro.

Estevo Uroš IV Dušan Nemanjić, primeiro emperador de Serbia.

Como o seu pai, Estevo VIII Uroš III, que era o lexítimo rei de Serbia, estaba cego e, segundo parece, non tiña grandes ambicións de poder, Dušan, coa axuda da nobreza serbia, desposeeuno do trono.

Mediante unha audaz política exterior, aproveitando as discordias existentes no Imperio Bizantino, conquistou Macedonia, Albania, Epiro, Etolia e Tesalia, duplicando o tamaño do antigo reino, anexionando territorios ao sur, sueste e leste, a expensas de Bizancio. Estas conquistas permitíronlle atribuirse o título de Tsar dos serbios e dos gregos,[3]que se autoatribuiu en 1345 en Serres, sendo solemnemente coroado en Skopje o 16 de abril de 1346 polo recén creado Patriarca serbio Joanikie II, coa axuda do Patriarca búlgaro Simeón e o arcebispo de Ohrid, Nicolás (porque aproveitara tamén o seu poder para crear un patriarcado independente para a Igrexa serbia ese mesmo ano de 1346).

En 1349 fixo promulgar o Dušanov Zakonik, ou "Código de Dušan", código lexislativo baseado no dereito bizantino, logro xurídico único entre os estados occidentais europeos da época

O emperador Dušan tamén abriu novas rotas comerciais e fortaleceu a economía do estado.

O Imperio serbio floreceu tamén como un dos países de cultura máis evolucionada de Europa.[4] Algunhas das obras de arte máis importantes da Serbia medieval creáronse durante este período, como o Nomocanon de San Sava.

Pero o ideal de Dušan, de ser emperador de serbios, gregos, búlgaros e albaneses, non o sobreviviu, aínda que permaneceu no recordo do seu pobo e renacería no século XIX.

Co seu fillo Estevo X Uroš V e os sucesores deste, o imperio que creara Estevo Dušan entrou nunha etapa de desintegración progresiva.

Estevo Uroš V[editar | editar a fonte]

Estevo Uroš V de Serbia, sucesor de Uroš IV Dušan.

A Dušan sucedeuno o seu fillo Estevo Uroš V, chamado O Débil, un termo que podería tamén aplicarse á situación do Imperio, xa que pouco a puoco caeu na anarquía feudal. A combinación de conquistas súbitas, o caos da administración, e a falta de consolidación levou á fragmentación do Imperio.

Foi un período marcado polo xurdimento dunha nova ameaza: o Sultanato otomán, que pouco a pouco foise estendendo desde Asia (Anatolia) a Europa, coa conquista de Bizancio primeiro, e despois dos demais estados dos Balcáns.[4]

Demasiado incompetente para soster o gran Imperio creado polo seu pai, Uroš non soubo repeler os ataques de inimigos estranxeiros, nin combater a independencia da súa nobreza. Así, o imperio serbio de Estavo Uroš fragmentouse nunha serie de pequenos principados feudais, perpetuamente enfrontados, algúns dos cales nin sequera recoñeceron nominalmente o seu goberno.

Estevo Uroš V morreu sen fillos en decembro de 1371, despois de que gran parte da nobreza serbia fora destruída polos turcos na batalla de Maritza a principios do ano.

Os pequenos estados feudais foron incapaces de conter a invasión dos turcos otománs. Finalmente, na batalla de Kosovo Polje, o 15 de xuño de 1389, os otománs de Murad I venceron ás tropas serbias e búlgaras mandadas por Lázaro Hrebeljanović e Esteban de Bosnia, terminando así a independencia de Serbia, que pasou a formar parte do Imperio Otomán até finais do século XVIII.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. La Prensa de San Diego. Doblan Las Campanas. Nota: Trátase dun panfleto (iso si, escrito por un catedrático de universidade) pro nacionalismo serbio. Cítase só para referenciar as datas.
  2. O seu nome secular foi, en eslavo eclesiástico, Стѣфань Неманя (Stefan Nemanja), que foi canonizado como San Simeón. Foi arcebispo dos serbios, e pai de San Sava, fundador da Igrexa Ortodoxa Serbia independente.
  3. Embaixada de Serbia en España. Historia de Serbia.
  4. 4,0 4,1 Globusz Publishing. The Rise and Fall of the Serbian Empire and the Extinction of Serbian Independence.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Fine, John V. A. (1991). The early Medieval Balkans: A Critical Survey from the 6th to the Late 12th Century. The University of Michigan Press. ISBN 0-472-08149-7
  • Fine, John V. A. (1994): The Late Medieval Balkans: A Critical Survey from the Late Twelfth Century to the Ottoman Conquest. The University of Michigan Press. ISBN 0-472-08260-4
  • Heath, Ian & McBride, Angus (1995): Byzantine Armies 1118-1461 AD. Osprey Publishing.
  • Soulis, George C. (1995): The Serbs and Byzantium during the reign of Emperor Stephen Dusan (1331–1355) and his successors. Athens. ISBN 0-88402-137-8

Outros artigos[editar | editar a fonte]