Media (Oriente Medio)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Imperio Medo»)
Modelo:Xeografía políticaMedia

Localización
Editar o valor em Wikidata Mapa
 40°N 50°L / 40, 50Coordenadas: 40°N 50°L / 40, 50
CapitalEcbatana Editar o valor em Wikidata
Poboación
Lingua usadaLíngua meda (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
RelixiónZoroastrismo e Mitraísmo (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Xeografía
Parte de
Datos históricos
Disolución550 a. C. Editar o valor em Wikidata
Sucedido porImperio Aqueménida Editar o valor em Wikidata
Organización política
Forma de gobernomonarquía Editar o valor em Wikidata
• Xefe de estadoCiro II Editar o valor em Wikidata

Media (en persa antigo Mâda, en lingua kurda Mâd) foi un antigo reino tribal no oeste do actual Irán. A súa capital foi Ecbatana.

Media constitúe un problema para os estudosos que tratan de describir este antigo imperio. As probas de que se dispoñen son pouco fidedignas: consisten nalgúns achados arqueolóxicos, algunhas referencias en textos cuneiformes asirios e babilonios, a inscrición persa de Behistún, as obras "Os nove libros de historia" do historiador grego Heródoto de Halicarnaso e "Pérsica" de Ctesias de Cnido, e un par de capítulos na Biblia. O problema é que os achados arqueolóxicos non están claros, que os textos orientais non ofrecen demasiada información, que os autores gregos non son moi fiábeis, e que parece que algúns libros bíblicos estiveron influenciados por Heródoto.

O país[editar | editar a fonte]

A pesar de que as fronteiras de Media nunca estiveron perfectamente fixadas, o territorio é máis ou menos o do noroeste do actual Irán. A súa capital foi Ecbatana, actual Hamadán. A súa parte oeste está dominada polos montes Zagros e bordeaba con Asiria, ao sur con Elam e Persis (Fars), no árido leste con Partia, e ao norte, Media estaba separada do mar Caspio e Armenia polos montes Elburz.

O país estaba, e segue estando, dominado polo camiño leste-oeste que se coñecía na Idade Media como Ruta da Seda. Este camiño conectaba Media con Babilonia, Asiria, Armenia e o mar Mediterráneo no oeste, e con Partia, Aria, Bactriana, Sogdiana e a China no leste. Outro camiño importante unía Ecbatana coas capitais de Persis, Persépole e Pasargada.

Media controlaba o comercio leste-oeste, pero tamén era rica en produtos agrícolas. Os vales e planicies dos Zagros son fértiles, e Media era moi coñecida polas súas plantas leguminosas, ovellas, cabras e polos seus cabalos, chamados neseos. O país podía alimentar a moita poboación e é así como se fundaron moitas novas cidades e pobos (Ecbatana, Rhagae (actual Teherán), Gabae (actual Isfahán)). O autor grego Polibio de Megalópole chama a Media correctamente o máis poderoso de entre os países asiáticos. Media foi recoñecida xeralmente como unha das partes máis importantes dos imperios seléucida e parto.

Historia antiga[editar | editar a fonte]

Arqueoloxicamente falando, Media está pouco comprendida. Os investigadores chamaron a miúdo medos a obxectos polo simple feito de encontralos baixo o estrato que identificaran como aqueménida. Ata o momento, os achados atopados non permiten unha definición clara da cultura meda.

Aínda así, parece razoablemente claro que no primeiro cuarto do I primeiro milenio antes da nosa era, nómades gandeiros que falaban algún tipo de lingua indoirania, se infiltraron nos Zagros, asentándose entre a poboación nativa. Os guerreiros tribais son mencionados por primeira vez polos asirios como inimigos de Shalmaneser III (-858- -824). Os habitantes de Media estaban divididos en varias tribos pequenas, e a pesar de que os reis asirios foron capaces de subxugar a algunhas delas, nunca puideron conquistar Media totalmente.

De feito, é probábel que fosen os asirios os responsábeis da unificación dos tribos medas. Os repetidos ataques asirios forzaron aos habitantes a cooperaren e a desenvolveren un liderado máis efectivo. Os asirios tamén apreciaban algúns produtos do leste, como o lapislázuli de Bactriana, polo que a ruta leste-oeste meda cobrou cada vez maior importancia. O comercio pode explicar o crecemento de Ecbatana (Hâgmatâna) como cidade central de Media e puido ser o detonante final que iniciou o proceso de unificación. Outras cidades que puideron medrar en resposta á demanda do mercado asirio son Hasanly e Ziwiye no noroeste.

Imperio?[editar | editar a fonte]

Imperio Media, 600 A.C.

Se temos que crer a Heródoto, Media foi unificada por un home chamado Deioces, fillo de Fraortes, o primeiro dos catro reis que reinarían un imperio que incluía grandes zonas de Irán e a parte leste de Anatolia. Os seus nomes soan convincentemente medos: un Daiaukku e un Uksatar (Deioces e Ciaxares) son mencionados en textos do século -VIII. Usando o número de anos de reinado relatados por Heródoto e contando para atrás a partir do ano no que, segundo a "Crónica de Nabónido", o último líder medo perdeu o trono, obtense esta lista:

Desafortunadamente, hai varios problemas con esta cronoloxía. En primeiro lugar, Ctesias ofrece unha lista alternativa de reis. En segundo lugar, os Daiaukku e Uksatar mencionados máis arriba viviron sobre o -715, e aínda peor, Daiaukku vivía preto do lago Urmia, non en Ecbatana. Á parte, a historia de Deioces parece sospeitosamente o relato dun mito acerca da orixe da civilización. E finalmente, os anos de reinado segundo Heródoto son igualmente sospeitosos, os 4 reis suman 150 anos de reinado por parellas de 75 anos exactamente. Non hai razón para dubidar da existencia dos dous últimos reis, quen son mencionados en textos babilonios, aínda que debemos preguntarnos que tipo de líderes eran.

Segundo Heródoto, Deioces unificou aos medos e foi o gobernante de varios tribos, as cales lista explicitamente, pero o máis probábel é que non fose o único en facer o mesmo con outras. A lista de tribos descrita parece ser máis ben un intento de crear un pouco de orde dentro da tradición oral acerca dos líderes máis antigos. A súa descrición da historia meda probabelmente proxecta no pasado aspectos da civilización inmediatamente posterior, a aqueménida. Debeu tomar os relatos contados polos seus informadores persas con respecto á historia antiga de Irán demasiado literalmente, aínda que iso non significa que os líderes das federacións tribais non fosen quen de exerceren unha grande influencia política.

A pesar de que un tal Arbaces puido unificar tamén a algunhas tribos, Ciaxares e Astiaxes foron xeralmente recoñecidos como os dous últimos líderes da federación de tribos. Segundo a "Crónica da caída de Nínive", Ciaxares (chamado Umakištar) destruíu o centro relixioso asirio Assur no verán do -614. Dous anos despois, e en alianza co babilonio Nabopolasar, tomou Nínive, a capital asiria, feito que marcou o fin do imperio asirio.

Isto proba que Ciaxares era máis que un mero xefe tribal: era un rei real, capaz de construír un exército que era o suficientemente forte como para tomar unha cidade. Probabelmente persas, armenios, partos e arios, pagaban todos imposto aos medos. Noutras palabras, Ciaxares controlaba unha gran parte da Ruta da Seda e expandiu o seu reino ata Persis e Armenia, as cales parece que sucumbiron despois do -609 pero antes do -605 .

O último feito coñecido de Ciaxares foi unha batalla contra o rei lidio Aliates o 30 de maio do -585. Esta batalla e a toma de Assur no -614 cadran coa cronoloxía de feitos de Heródoto.

Con respecto ao reinado de Astiaxes, Heródoto cóntanos un relato fantástico acerca de como perdeu o trono e o reino. Mais, a pesar de que a historia parece máis atraente que fiábel, o feito que Astiaxes perdeu o reino está confirmado pola "Crónica de Nabónido", onde se explica que o rei persa Ciro II o Grande tomou preso a Astiaxes e saqueou Ecbatana.

É posíbel que o crecemento do imperio persa e o declive de Media tivesen razóns económicas máis profundas. Parece que, a mediados do século -VI, iniciouse a construción de qanats en Persis (canles subterráneos de rega que comunican un acuífero cunha zona árida). Isto deu a esta parte de Irán unha vantaxe competitiva con respecto a Media. Non obstante, datar a antigüidade destas canles non é fácil, e pode ser que fosen desenvolvidos de feito despois da vitoria de Ciro.

Sexa como for, Ciro tomou o pouco organizado imperio medo, incluíndo algúns países suxeitos a el, como Armenia, Capadocia, Partia e quizais Aria. Probabelmente deixounos en mans de reis vasalos, os chamados sátrapas. No -547, Ciro engadiu Lidia aos seus dominios, país que tiña entre os seus vasalos ás cidades gregas e carias no oeste e suroeste da Asia Menor respectivamente.

Oito anos máis tarde capturou Babilonia, e Ciro comprendeu entón que as cidades non só existían para ser saqueadas por nómades (como Ciaxares fixera con Nínive), senón que podían ser integradas no imperio. O rei persa fundou así mesmo unha cidade da súa propiedade, Pasargada, e non é en absoluto esaxerado dicir que a evolución final a partir dunha sociedade tribal para o estado primitivo que se empezara en Media, finalizou en Persis.

Media na inscrición de Behistún[editar | editar a fonte]

Xa que logo, Media pasou a formar parte do imperio aqueménida. Isto debeu crear un forte resentimento entre os medos contra os novos gobernantes, xa que trala morte da sucesor de Ciro, Cambises II, no -522, os medos rebeláronse. Cambises foi sucedido polo seu irmán Bardiya, o Esmerdis das fontes gregas, quen anunciou que as provincias quedaban exentas de pagar imposto durante 3 anos, e escolleu ademais o castelo meda Sikayauvatis como a súa residencia.

Isto causou unha grande indignación entre a elite persa, así que un parente afastado de Esmerdis, Darío I, axudado por outros seis conspiradores, asasinou o rei, converténdose no novo monarca. Esta historia pode lerse na inscrición de Behistún e na obra de Heródoto. Ambas fontes coinciden ao sinalar que en realidade o rei asasinado non era o Esmerdis real, senón un dobre usurpador, o mago Gaumata. Como os magos non eran só un grupo de relixiosos especialistas, senón tamén un tribo meda, e como ademais a política do suposto Gaumata favorecía a Media, é probábel que Darío tivese razón, aínda que non faltan historiadores que sinalan a historia de Gaumata como unha invención do propio Darío como escusa para o seu ascenso ao trono.

Independentemente da identidade real do rei asasinado, a súa morte e o ascenso de Darío desembocaron nunha serie de revoltas en practicamente todas as provincias do imperio. En Babilonia un home chamado Nidintubel proclamouse rei, e cando Darío marchara a Babilonia a se ocupar do asunto, un novo líder rebelde apareceu en Media, Fraortes, quen reivindicaba ser descendente de Ciaxares. Esta rebelión se estendeu a Sagartia, Partia e Hircania. Tiveron lugar igualmente levantamentos en Armenia, Elam e Persis.

Parecía unha revolta considerable, pero Fraortes foi derrotado polo xeral persa Hidarnes o 12 de xaneiro do -521. Non obstante, non foi unha vitoria decisiva, e Fraortes foi capaz de manterse no poder durante o inverno, ata que Darío puido ocuparse del persoalmente. O 8 de maio, derrotou aos medos nun sitio chamado Kunduru. A vitoria persa foi total. Fraortes tratou de fuxir a Rhagae pero foi interceptado e crucificado en Ecbatana.

Posteriormente, un habitante de Sagartia chamado Tritantecmes reivindicou igualmente descender do rei medo Ciaxares, continuando a rebelión, pero foi derrotado polo xeneral de Darío Takmaspada e crucificado en Arbela, actual Arbil. Este feito significou o final da revolta meda. Parece que tras estes acontecementos, os medos aceptaron finalmente o dominio persa.

Media tivo sempre unha posición especial no imperio aqueménida. Ecbatana foi unha das residencias de Darío, e na outra capital, Persépolis, os medos foron sempre representados como iguais aos persas. No libro de Ester da Biblia, aparece a expresión "leis dos medos e persas". Para os gregos, os nomes de ambas nacións usáronse como sinónimos. Valla o exemplo das Guerras Médicas, serie de conflitos que enfrontaron a persas e gregos.

Historia tardía[editar | editar a fonte]

Nos primeiros anos tralo golpe de estado de Darío, Hidarnes foi sátrapa de Media. Despois disto, o país máis ou menos desaparece dos relatos históricos. Os arquivos cuneiformes de Babilonia son menos informativos a partir do -484, non hai arquivos asirios, as taboíñas de Persépolis non pasan máis alá do -493, o relato de Heródoto finaliza o -479, outros autores gregos como Ctesias ou Xenofonte ignoran Media, e finalmente, de todos os reis aqueménidas, só Darío deixou unha inscrición histórica.

A investigación arqueolóxica tampouco é fácil. Sabemos que Ecbatana era unha cidade importante na época persa, pero realizáronse poucas escavacións. Os reis Darío II (-424--404) e Artaxerxes II (404 --358) deixaron inscricións que proban que estaban interesados nesta residencia, pero isto é todo o que sabemos.

Media non aparece de novo na historia ata a guerra entre o macedonio Alexandre Magno e o persa Darío III. Trala derrota deste último na batalla de Gaugamela (-331), Darío tratou de reconstruír o seu exército en Ecbatana, pero na primavera do -330 se viu forzado a fuxir ao leste onde foi asasinado. Alexandre deixou inicialmente o control de Media ao seu xeneral de confianza Parmenión, aínda que posteriormente este foi asasinado.

É coñecido que Parmenión, e posteriormente outros dous macedonios, Sitalces e Cleandro, atacaron os santuarios zoroastrianos locais. No -325, un líder local comercial chamado Bariaxes rebelouse contra os novos gobernantes, pero a súa rebelión foi suprimida polo sátrapa de Media de Alexandre, Atropates. Para restaurar a orde, Atropates tivo que arrestar igualmente aos dous macedonios, quen foron de feito declarados culpábeis por Alexandre e probabelmente executados.

Trala morte do conquistador no -323, Atropates foi substituído da súa satrapía por un home chamado Peithon, aínda que mantivo o control da parte norte de Media, que foi chamada posteriormente Media Atropatena (mesmo hoxe en día, o seu nome perdura no nome Âzarbayjân, dúas provincias ao norte de Irán, Acerbaixán Oriental e Acerbaixán Occidental (non confundir co país do mesmo nome Acerbaixán)). Media Atropatena converteuse nun dos centros principais do zoroastrismo.

Tras as guerras dos Diádocos, Media pasou a formar parte do imperio de Seleuco I Nicátor, o cal incluía partes de Anatolia e Siria, toda Mesopotamia e parte de Irán. Isto significou que Media continuou tendo unha alta importancia, xa que era xusto o corazón do Imperio Seléucida, así como o fora do imperio aqueménida. Consérvanse monumentos deste período ao longo da Ruta da Seda e outros lugares.

Durante a segunda metade do século -III , nómades parnos empezaron a infiltrarse en Partia, ao leste de Media, e comportáronse paulatinamente de forma máis independente, chamándose a si mesmos finalmente como a rexión que acababan de conquistar, partos. O rei parto Mitrídates I o Grande (-171--138) foi capaz de conquistar Media e, tendo tomado esta importante e estratéxica satrapía, cruzou os Zagros e procedeu a conquistar toda Mesopotamia.

Durante séculos, Media foi o centro do imperio parto. A pesar de que as súas capitais foron Hecatompilos en Partia e Ctesifonte en Mesopotamia, os reis partos sempre tiñan que pasar por Media, e sabemos de construcións partas en Ecbatana, así como en Kangavar e en Behistún.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]