Imelda Marcos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Imelda Marcos

Imelda Romuáldez Marcos, nada o 2 de xullo de 1929 en Manila, foi unha importante política de Filipinas e muller do ditador Ferdinand Marcos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Mocidade[editar | editar a fonte]

Imelda Romuáldez naceu no hospital San Juan de Dios da capital filipina. Os seus pais chamábanse Vicente Orestes Romualdez e Remedios Trinidad e pertencían a unha familia das clases altas que xa fundara a cidade de Tolosa, na provincia de Leyte. Porén, na familia non se lles deu pola política. O pai era home estudado máis preocupado pola música e pola cultura ca pola vida pública. Vivían preto do Palacio de Malacañang, sede do goberno filipino, onde Imelda Marcos pasou a súa infancia. Ao morrerlle a nai, a familia marchou para a provincia de Leyte, mentres que ela quedou en Manila estudando o bacharelato e para mestra.

Tamén foi neste tempo cando comezou a súa vida pública. Primeiro foi coroada como Rosa de Tacloban, despois como Miss Leyte e despois como Musa de Manila (1950), un galardón secundario creado a pé feito para ela polo alcalde de Manila, Arsenio Lacson, logo de que Imelda perdese o concurso de Miss Manila. Grazas a esta carreira polo mundo da beleza, en 1954 coñece ao deputado Ferdinand Marcos e logo dun brevísimo noivado de só 11 días casan na Procatedral de Manila co presidente Ramon Magsaysay como principal convidado. Co tempo tiveron tres fillos: María Imelda Marcos; Ferdinand Marcos II, e Irene Marcos, aos que hai que engadirlle unha filla adoptada, Aimée.

Carreira política[editar | editar a fonte]

En 1965, Ferdinand Marcos convértese no décimo presidente de Filipinas e ela, conseguintemente, pasa a ser a primeira dama. En 1969, é reelixido e tres anos máis tarde, en setembro de 1972, declarou a lei marcial e prohibiu a oposición política. Foi neste período ditatorial cando Imelda Marcos asumiu un papel relevante na primeira liña política do seu país. Foi gobernadora da Metrópole de Manila, Ministra de Asentamentos Humanos, deputada no Parlamento de Filipinas e embaixadora plenipotenciaria e extraordinaria. Como enviada especial, resultou decisiva no achegamento de Filipinas ao bloque comunista co que non tiña relacións diplomáticas, e conseguiu abrir embaixadas en China, na URSS, en Romanía, Hungría, Checoslovaquia, Alemaña Oriental, Libia ou Cuba, entre outros.

Tamén foi decisivo o seu labor ao conseguir que o certame de Miss Universo se celebrase en Manila, en 1974, na primeira ocasión en que se celebraba nun país do Terceiro Mundo. Tamén se contan entre os seus éxitos a organización de festivais multitudinarios, da Revolución Verde, un plan do goberno filipino para que todos os cidadáns plantases froitas e verduras nos seus xardíns, ou dunha grande iniciativa de control de natalidade malia a oposición da Igrexa Católica, moi poderosa no seu país. Baixo a súa tutela tamén se construíron diversos centros culturais, pazos de exhibicións, centros empresariais e complexos médicos. Tamén era a encargada de xestionar a axuda institucional en casos de catástrofes naturais, o que sucedía con certa frecuencia por mor de tifóns, volcáns, tremores de terra e asolagamentos, o que lle valei o título de Nai da Nación. Mantiña centos de entrevistas nunha mesma semana e dispoña dun grande equipo de secretarias que contestaba unhas 2500 cartas diarias.

Ao mesmo tempo, levou a cabo unha gran campaña de enriquecemento persoal, malia a pobreza na que se sumía parte do seu país. Díxose dela que posuía unha colección de milleiros de pares de zapatos nun enorme armario e grandes cantidades de xoias e alfaias. En 1980 realizou unha visita oficial a Nova York para mercar propiedades. Logo de rexeitar o Empire State Building por "demasiado ostentoso", Imelda Marcos mercou o Crown Building por 51 millóns de dólares, o Herald Center por 60 e dous pisos máis, que tempo máis tarde vendeu para recoller o beneficio. Tamén posuía unha importante colección de arte, con obras de Miguel Anxo, Botticelli, Picasso, Gauguin ou Canaletto. De feito, estivo na lista das dez mulleres máis ricas do planeta.

Ademais, evadiu capitais filipinos a contas en paraísos fiscais por todos os mares do mundo, incluída Suíza, empregando o pseudónimo de Jane Ryan, e utilizando tamén un amplo repertorio de empresas falsas. Esta cantidade de diñeiro podería acadar os 10.000 millóns de dólares. Por parte do diñeiro que puido desviar das arcas públicas, valeuse de información privilexiada para mercar e vender produtos, terras e empresas, anticipándose ás flutuacións dos prezos nos mercados.

A destitución[editar | editar a fonte]

En 1986, o réxime de Marcos foi derrocado pola Revolución da EDSA e a parella exiliouse en Hawaii. Ferdinand Marcos morreu en 1989 e, tres anos máis tarde, Imelda regresou ás Filipinas e contendeu pola presidencia. Foi amplamente derrotada, pero en 1995 gañou un asento no congreso filipino pola súa provincia de Leyte.

En 1998 contendeu nuevamente para a presidencia, obtendo o mesmo resultado. Imelda Marcos terminou en novena posición dun total de 11 candidatos para o posto.

En 2001, logo de terminar o seu período como lexisladora, Imelda foi arrestada baixo cargos de corrupción e extorsión cometidos durante o mandato do seu esposo. O preito centrouse nuns 684 millóns de dólares que desapareceron misteriosamente do Tesouro Filipino durante a presidencia de Marcos. En 2003, o diñeiro foille regresado ao goberno das Illas.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]