Illas do Vento

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
mapa das Illas do Vento

As illas do Vento (en francés Îles-du-Vent; en tahitiano te fenua Ni’a Mata’i mā) son o grupo oriental das illas da Sociedade, na Polinesia Francesa. Comprende as illas de Tahití, Moorea, Maiao, Mehetia e Tetiaroa. Todas son illas altas de orixe volcánica, excepto Tetiaroa que é un atol.

Administrativamente o grupo forma unha subdivisión administrativa da Polinesia Francesa. Cunha poboación de 162.686 habitantes (censo de 1996), concentra o 74% do total do país, a maioría en Tahití. O aeroporto internacional de Tahití-Faa'a e o porto de Papeete son as principais fontes de comunicacións.

A expresión "do vento", ou "de barlovento", é unha expresión mariñeira que indica o lado de onde vén o vento, especialmente respecto dunha embarcación. Xeograficamente utilizouse para indicar as costas ou as illas orientais situadas a barlovento dos ventos alisios. Tradicionalmente coñécese como illas de Sotavento ás illas orientais das Antillas, e como illas do Vento ás illas orientais do arquipélago da Sociedade, aínda que tamén se pode aplicar a outros arquipélagos.

Inicialmente o nome de illas da Sociedade utilizouno James Cook polo grupo de illas de Sotavento. Os misioneiros británicos en Tahití chamaron ás illas do Vento como illas Xeorxianas, a partir do nome que deu Samuel Wallis a Tahití: King George III. A principios do século XIX estendeuse o nome de Sociedade para todo o arquipélago, diferenciando os dous grupos como Windward (do Vento) e Leeward (Sotavento).