Illas Columbretes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Illas Columbretes.
Mapa do arquipélago.

As illas Columbretes son un conxunto de catro grupos de illas volcánicas que sumadas posúen 0,19 km², situadas a 30 millas (48,2 km) ao leste do Cabo de Oropesa, integradas no termo municipal de Castelló de la Plana, na provincia de Castelló (España).

Os grupos de illas son: a Illa Grossa (en castelán: Columbrete Grande), La Ferrera, La Foradada (La Horadada) e El Carallot (El Bergantín). Ademais, existen no arquipélago numerosos escollos e baixos.

Historia[editar | editar a fonte]

O nome das illas vén dos primeiros navegantes gregos e romanos que as incluíron nas súas cartas de navegación. Inicialmente déuselles o nome de Ophiusa ou Colubraria, debido ás moitas serpes que alí se atopaban. Durante séculos, foron morada e refuxio de piratas e contrabandistas.

No século XIX incendiouse a illa Columbrete Grande para acabar coas serpes, e instalouse un faro que mantivo unha poboación de fareiros ata 1975, ano no que o faro se automatizou. Desde entón, as illas están habitadas tan só por persoal pertencente aos servizos de vixilancia establecidos pola Generalitat Valenciana en 1987.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Están asentadas sobre fondos de 80 metros de profundidade e alcanzan unha cobertura de tres millas mariñas, representando un dos pequenos arquipélagos con maior interese ecolóxico do mar Mediterráneo.

A illa de maior tamaño, coñecida como a "Columbrete Grande" ou "L'illa Grossa", ten un perfil en forma de arco aberto, característico dunha gran actividade volcánica submarina. O Carallot, cos seus 32 metros de altura, representa os restos da cheminea central dun volcán.

Ata que foron protexidas, constituían un campo de tiro da aviación e da mariña, feito que produciu a deterioración de moitos dos escollos que as forman. A isto uníronse as visitas incontroladas e a pesca furtiva.

Ao mesmo tempo as Illas Columbretes constitúen un destino de primeira orde para os afeccionados ao submarinismo de todo o mundo, debido á transparencia das súas augas, á beleza dos seus fondos e á gran variedade e cantidade de especies animais e vexetais que albergan.

Reserva natural[editar | editar a fonte]

Na actualidade o arquipélago é parte dun parque natural que acolle algunhas especies en perigo de extinción, como o falcón de Eleonor e a gaivota de Audouin (ou gaivota corsa) e os seus fondos son unha Reserva de Pesca de gran importancia que contribúe á rexeneración de numerosas especies pesqueiras da zona, como a lagosta.

O parque natural das Illas Columbretes ten unha extensión emerxida de 19 ha e mergullada de 4.000 ha. A situación xeográfica é 39º55'N,0º40'E.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]