Illa dos Faisáns

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A Illa dos Faisáns

A Illa dos Faisáns (en francés: Île des Faisans, Île de l´hôpital ou Île da Conférence; en éuscaro: Faisaien uhartea ou Konpantzia) é un illote fluvial situado preto da desembocadura do río Bidasoa, e cuxa soberanía é compartida amistosamente entre España e Francia, que acordaron encargarse de coidala durante seis meses ao ano cada un.

A illa pertencía antigamente ao termo municipal de Hondarribia (Guipúscoa), pero na actualidade está administrada polo concello de Irun pola parte española e polo Concello de Hendaia pola parte francesa.

A súa superficie actual é de 2.000 e atópase estabilizada grazas aos traballos de protección que levaron a cabo na mesma.

A esta illa atribuíronselle moitos nomes: en francés chámaselle maiormente "île de l´hôpital", en castelán, e, aparentemente, por un erro na tradución dun nome que se lle deu no idioma galo, leva o nome de "Isla de los Faisanes". En éuscaro hai aínda quen lle chama "Konpantzia" sendo a súa orixe, sen dúbida, as conferencias que se realizaron na illa durante o século XVII.

Entre os abundantes sucesos históricos que tiveron lugar nesta illa, o máis importante foi a rúbrica do Tratado de Paz dos Pireneos logo de vinte e catro conferencias levadas a cabo entre Luis de Haro e o Cardeal Mazarino en 1659. O Tratado foi ratificado polo compromiso contraído entre Luís XIV e a Infanta María Teresa de Austria.

No centro da illa érguese un monólito cunha inscrición conmemorativa de devanditos sucesos. Ademais leváronse a cabo intercambios de reféns, entregas de infantas casadeiras, etc.

É o territorio en condominio máis pequeno do mundo.