Illa de Gran Blasket

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Illa de Gran Blasket
Vista da illa
Great blasket island from sibyl head.png
Datos
País Irlanda Irlanda
Localización Océano Atlántico
Arquipélago Illas Blasket
Poboación 0 hab.
Superficie preto de 6 km²
Densidade 0 hab/km²
Coordenadas 52°5.37′N 10°32.16′W / 52.08950°N 10.53600°W / 52.08950; -10.53600
Maior Altura 292 msnm. (An Cró Mór)
Localización
Blasket Islands.png

Illa de Gran Blasket (An Blascaod Mór en lingua irlandesa) é unha das illas que forman o arquipélago irlandés das Illas Blasket no condado de Kerry.

Xeografía[editar | editar a fonte]

A illa atópase a uns 2 km de Irlanda e esténdese ó longo duns 6 quilómetros cara o suroeste. O punto máis alto é An Cró Mór, que se atopa a 292 msnm. A cidade máis próxima no continente é Dún Chaoin, que está conectada coa illa mediante un ferry que opera nun peirao durante os meses de verán.

Historia[editar | editar a fonte]

A illa estivo habitada até 1953, ano no que o goberno irlandés decidiu que non podía garantir máis a seguridade da poboación restante. A práctica totalidade da poboación tiña o irlandés como lingua materna. Os habitantes foron evacuados á illa de Irlanda o 17 de novembro de 1953[1]. Algúns emigraron ós Estados Unidos e aínda hoxe se poden atopar os seus descendentes en Springfield, Massachusetts, mentres que outros ficaron na veciña Península de Dingle, dende a cal poden ver o seu antigo fogar.

Debido á súa localización remota e o seu difícil acceso, os insulares foron obxecto de diversos estudos antropolóxicos e lingüísticos en torno á fin do século XIX e comezos do século XX, particularmente por parte de escritores e lingüistas como Robin Flower, George Derwent Thomson e Kenneth H. Jackson.

Tamén foi o fogar de tres notábeis escritores irlandeses: Tomás Ó Criomhthain, Peig Sayers e Muiris Ó Súilleabháin. As súas obras foron todas escritas en irlandés e posteriormente traducidas ó inglés e outros idiomas. As casas de Tomás Ó Criomhthain e Muiris Ó Súilleabháin atópanse en ruínas, pero a de Peig Sayers foi restaurada para formar parte da pousada que funcionaba anteriormente na illa.

Ata a evacuación, os habitantes da illa formaban o asentamento máis occidental de toda a Irlanda e a súa forma de vida estaba baseada na pesca. Porén, a comunidade nunca foi moi numerosa (mesmo no seu auxe, a poboación era de pouco máis de 150 persoas).

Literatura[editar | editar a fonte]

Considerando o reducido da poboación, é destacábel que a illa fose o fogar dun número notábel de escritores de talento. Destacan por manter viva a tradición cultural da súa terra, xa que algúns dos seus libros tratan sobre as tradicións e forma de vida dos antigos poboadores das illa. Entre eles destacan as obras An tOileánach de Tomás Ó Criomhthain, Peig de Peig Sayers e Fiche Blian ag Fás de Muiris Ó Súilleabháin.

Propiedade e status da illa[editar | editar a fonte]

A pousada e a cafetaría que antes operaban na illa foron pechadas por mor dunha disputa entre o Estado irlandés e un individuo que afirma posuír a meirande parte da illa.

Estas diferenzas foron resoltas por un acordo feito en agosto de 2007, no que se pretende que máis do 95% da superficie da illa sexa mercada polo Estado para crear un parque nacional.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Stagles, Joan and Ray, The Blasket Islands: Next Parish America. Dublin: O'Brien Press, 1980 (new edn. 1998).