Illa de Deva

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A illa da Deva vista desde o cabo Vidrias

Nas proximidades da praia de Bayas en dirección nordés atópase a Illa da Deva. Cos seus 90 m de altitude e 500 m de longo por 300 de ancho constitúe a maior illa do litoral asturiano. Este illote cuarcítico é usado por multitude de aves mariñas como lugar de aniñamento, principalmente gaivotas e corvos mariños; especialmente importante son as pequenas poboacións censadas de especies protexidas como son o corvo mariño moñudo e o falcón peregrino.

O nome de Deva é común en moitas localidades asturianas e crese provén dunha divindade prerromana asociada co culto á auga.

Na actualidade existe unha senda costeira de case 10 km de lonxitude, que comezando na praia de Arnao vai ata o extremo Leste do areal de Bayas. Trátase dunha senda peonil que percorre varias praias do concello de Castrillón.

Outra posible ruta, esta vez en coche, consiste en dirixirse ao Aeroporto de Asturias, e tras pasar o cruzamento coa estrada nacional, a uns 2 km antes de chegar ao aeroporto, tomar o desvío cara á praia de Santa María do Mar. Ao atravesar o pobo de Naveces tómase un desvío á esquerda debidamente sinalizado. Pásase o final da pista do aeroporto e finalmente, 1 km despois aproximadamente, tómase un desvío á esquerda por un camiño de cemento entre unhas casas próximas ao mar. Tras baixar unha pendente atópase un amplo aparcadoiro, sen asfaltar, adxacente á zona central da praia.