Ilegales

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ilegales
OrixeAsturias, España
Período1982-actualidade
Xénero(s)Rock and roll
MembrosJorge Martínez
Íñigo Ayestarán
Willy Vijande
Alejandro Blanco
David Alonso
Jaime Belautegui
Rubén Mol
Juan Flores
Antolín De La fuente
Na rede
https://www.ilegalesrock.com/
Musicbrainz: 268ddefc-d0e1-45f3-962b-835365088442 Discogs: 885308 Editar o valor em Wikidata

Ilegales é un grupo asturiano de rock, aínda que con influencias doutros estilos, fundado a finais dos anos 70 e liderado por Jorge Martínez.

Con máis de 15 discos publicados é unha das bandas máis veteranas e influentes do rock español.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Inicios do grupo[editar | editar a fonte]

O comezo do grupo remóntase a finais dos anos 70. En 1977, Jorge Martínez, Juan Carlos Martínez e David Alonso formaron o trío "Madson", que dous anos máis tarde cambiou o seu nome a "Los Metálicos". Juan Carlos Martínez -irmán de Jorge- abandonou posteriormente a banda, sendo substituído por Íñigo Ayestarán no baixo. Nese momento rebautizáronse como "Ilegales". En 1981 gañaron o concurso de rock "Villa de Oviedo", o cal lles deu dereito a participaren na gravación dun disco colectivo, neste caso cos temas "Europa ha muerto", "La fiesta" e "Princesa equivocada".

Poucos meses máis tarde publicaron un sinxelo con "La pasta en la mano" e "Revuelta juvenil en Mongolia". En 1982 o ex-cantautor e produtor Paco Martín conseguiu que gravasen o seu primeiro traballo. Neste disco, titulado Ilegales, xa se poden atopar moitos dos temas favoritos dos seus seguidores, como "¡Heil, Hitler!" ou "Hola mamoncete", entre outros. A imaxe da portada, obra da artista Ouka Leele, converteuse nunha icona do grupo.[2] Tras ter problemas coa discográfica de Paco Martín para publicalo, o cantautor asturiano Víctor Manuel fíxose cos dereitos da gravación para o selo discográfico Sociedad Fonográfica Asturiana (SFA), que o licenciou á multinacional Epic Records, dependente da CBS. Co paso a unha discográfica máis grande lograron unha distribución e promoción de primeira orde.[3]

En 1984 saíu o seu novo álbum, Agotados de esperar el fin, con cambio de baixista, cando Willy Vijande substituíu a Íñigo. Este novo traballo catapultou a banda ao éxito nacional, aínda que non houbo que esperar moito para que saboreasen o éxito internacional, xa que coa saída do novo disco en 1985, realizaron unha xira por Ecuador. A pesar do éxito comercial, Jorge non ficou satisfeito coa produción do seu segundo traballo, e recuperou para o terceiro ao equipo técnico que gravou o álbum de debut, erixíndose el como produtor, para o devandito terceiro LP, Todos están muertos, que aparece nese mesmo 1985 da man de Epic.[3]

Discóbolo Records[editar | editar a fonte]

Sendo xa unha banda de éxito, Ilegales fundou xunto ao seu representante de entón, Manolo Macías, o selo discográfico Discóbolo Records. En 1986 sacaron á luz un dobre CD en directo, que se gravou na discoteca Big Ben de Mollerussa (Lleida), que foi distribuído pola discográfica multinacional EMI. Dous anos máis tarde, en 1988, a formación asinou un contrato con Hispavox, coa que debutaron co seu cuarto disco, Chicos pálidos para la máquina. Para este disco houbo grandes cambios no grupo, coa incorporación de Alfonso Lantero á batería (substituíndo a David Alonso, que tiña problemas coa heroína),[3] a incorporación do saxofonista Juan Flores, cunha destacada participación no tema de grande éxito "Ángel exterminador", e coa chegada tamén de Antolín de la Fuente, que se incorporou aos teclados. O grupo consolidouse tanto nacional como internacionalmente (actuaron nun festival en Berlín) e Willy Vijande abandonou o grupo.

Coas colaboracións de Rafa Kas e Alejandro Felgueroso editaron en 1990 o disco (A la luz o a la sombra) todo está permitido. Willy regresou ao baixo e Jaime Belaustegui sentou á batería para producir en 1992 Regreso al sexo quimicamente puro.

Alejandro Blanco (baixo) entra ao grupo, e tras unha paréntese a banda liderada por Jorge volveu ao mercado con "El corazón es un animal extraño", que se lanzou en 1995, co selo Avispa Records. Anos despois, en 1998, produciron coa mesma discográfica El apóstol de la lujuria, sendo a mesma formación co cambio de Rubén Mol á batería.

20 aniversario[editar | editar a fonte]

Para a conmemoración do 20 aniversario, xuntáronse todos os músicos que pasaron pola banda e nun concerto memorable na praza da Catedral de Oviedo, gravaron un directo que incluía un DVD, chamado El día que cumplimos 20 años. O éxito do disco en directo e a xira inmediata, levaron a que Jorge Martínez decidise fundar a súa propia discográfica, baixo o nome de La Casa del Misterio e en 2003 publica o álbum Si la muerte me mira de frente, me pongo de lao. Esta mesma discográfica reeditou en 2005 o primeiro disco do grupo, Ilegales, nun CD que inclúe 5 temas extra, lanzados orixinalmente como sinxelos: "Revuelta juvenil en Mongolia", "La pasta en la mano", "La fiesta", "Europa ha muerto" e "Princesa equivocada".

En 2007, varios músicos que pasaron por Ilegales (Juan Flores, Rafa Kas e Rubén Mol, ademais do propio Jorge Martínez) gravaron o álbum Zem, un novo experimento de jazz dirixido polo músico Xuan Zem.[4]

En decembro de 2009, La Casa del Misterio chegou a un acordo con todas as antigas discográficas de Ilegales para que a compañía Pop Up Music vendese a antoloxía 126 canciones ilegales, nas que se recompilaron os seus 9 discos en estudo ata esa data, ademais de tomas inéditas de "Stick de hockey", "Ángel exterminador" e "El piloto", gravadas en 1979; os sinxelos "Revuelta juvenil en Mongolia"," La pasta en la mano", "La fiesta", "Europa ha muerto" e "Princesa equivocada"; e 10 cancións inéditas: "Desesperados" (grabada en 1981), "Nabo", "El anticristo", "Western" e "Melmoth" (cancións que quedaron fóra de Todos están muertos en 1985 e para as que Jorge gravou a voz en 2009); e "Te dan todo", "Rey del insomnio", "Busco colores", "Hoy no hay sonrisas" e "Cuántica" (todo gravado no 2009). A posterior reedición da caixa incluíu tamén o directo Ni un minuto de silencio, que foi publicado en 2011 en formatos DVD e dobre vinilo, recollendo o concerto gravado na sala Penélope de Madrid durante a xira de despedida do grupo.

A finais de 2010 apareceu outro produto derivado da antoloxía, titulado 11 canciones ilegales. Comercializouse en formato dixital e vinilo. O disco contén 10 cancións inéditas gravadas para a caixa coa discografía completa do grupo, ademais dunha versión do tema "I should have known better", incluído nun disco homenaxe ao 50 aniversario dos Beatles.[5]

Nova etapa[editar | editar a fonte]

No 2011 decidiron rematar a súa etapa como Ilegales e refundáronse nunha nova banda chamada Jorge Ilegal y los Magníficos, tocando ritmos pouco relacionados co rock and roll, como boleros, guarachas, joropos ou chachachás.[6][7]

En maio de 2013, tivo lugar o concerto "Jorge Ilegal y amigos" no Centro de Arte da Universidade Laboral de Xixón onde fixeron un extenso repaso ao repertorio clásico de Ilegales. Froito deste directo, publicouse o disco Nos vimos en el psiquiátrico, que recompila os mellores momentos do concerto, con colaboracións de Julián Hernández, Johnny Cifuentes (Burning), Sr. Chinarro, Triángulo de Amor Bizarro, Jaime Urrutia, Josele Santiago de Los Enemigos ou Vanexxa, entre outros.

En novembro de 2014, Ilegales anunciaron o seu regreso, que se produciu en marzo de 2015, coa publicación baixo o seu selo propio do álbum La vida es fuego, o primeiro disco de estudio en 12 anos.[8] En marzo de 2016, a piques de comezar a xira do novo disco, o baixista Alejandro Espina, faleceu dun infarto.[9] A pesar do golpe, o grupo decidiu proseguir cos plans da xira, co regreso de Willy Vijande no lugar do falecido Jandro.[10][11]

En maio de 2017, estreouse nos cines o documental Mi vida entre las hormigas, dirixido por Juan Moya e Chema Veiga, no que se repasa a traxectoria do grupo.[12][13] En novembro púxose á venda un disco coa banda sonora do documental.[14] En xuño de 2018 anunciaron nova xira e publicaron o videoclip de "Si no luchas te matan",[15] avance do seu novo disco, Rebelión, que saíu á venda en setembro.[16][17]

Membros[editar | editar a fonte]

Membros actuais[editar | editar a fonte]

Antigos membros[editar | editar a fonte]

Discografía[editar | editar a fonte]

Álbums[editar | editar a fonte]

Sinxelos[editar | editar a fonte]

  • Revuelta juvenil en Mongolia - La pasta en la mano (1982)
  • Europa ha muerto - La fiesta (1983)
  • Soy un macarra - Para siempre (1984)
  • El piloto - Destruye (1984)
  • Hacer mucho ruido - Todo lo que digas que somos... (1985)
  • Princesa equivocada - ¡Hola, mamoncete! - Destruye - Revuelta juvenil en Mongolia (directo) (1986)
  • Ángel exterminador - En el pasado (1988)
  • Al borde - El fantasma de la autopista (1988)
  • Lavadora blues (1988)
  • Con la niebla - Acabaremos mal (1988)
  • Me gusta cómo hueles - Instrumental (1990)
  • Chistes rock en ya menor (1990)
  • (A la luz o a la sombra) todo está permitido (1990)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "«Jorge Ilegal sigue siendo un niño con ilusión y vocación»" (en castelán). 3 de agosto de 2017. Consultado o 5 de novembro de 2019. 
  2. "Entrevista con Ouka Leele". El País (en castelán). 13 de decembro de 2005. Consultado o 18 de outubro de 2019. 
  3. 3,0 3,1 3,2 "Enrevista a Jorge Martínez" (en castelán). 16 de febreiro de 2018. Consultado o 18 de outubro de 2019. 
  4. "«Tocamos jazz pero con muchos toques de rock progresivo»". La Voz de Galicia (en castelán). 28 de agosto de 2009. Consultado o 5 de novembro de 2019. 
  5. "Ilegales — Once canciones ilegales: un vinilo imprescindible" (en castelán). 10 de xaneiro de 2011. Arquivado dende o orixinal o 05 de novembro de 2019. Consultado o 5 de novembro de 2019. 
  6. "Jorge Ilegal: Matando a Ilegales para reivindicar los joropos y los boleros" (en castelán). 11 de maio de 2010. Consultado o 5 de novembro de 2019. 
  7. "Jorge Ilegal y los Magníficos presentan su primer vídeoclip". RTVE (en castelán). 15 de xullo de 2011. Consultado o 5 de novembro de 2019. 
  8. "La vida es fuego, lo nuevo de los Ilegales" (en castelán). Marzo de 2015. Arquivado dende o orixinal o 05 de novembro de 2019. Consultado o 5 de novembro de 2019. 
  9. "Muere Alejandro Espina, bajista de Los Ilegales". El País (en castelán). 14 de marzo de 2016. Consultado o 5 de novembro de 2019. 
  10. "Ilegales continuará la gira de 'La vida es fuego', tras el fallecimiento de Alejandro Blanco" (en castelán). 17 de marzo de 2016. Consultado o 5 de novembro de 2019. 
  11. "Ilegales cierran su gira 'La vida es fuego' en Madrid tras un duro año". Público (en castelán). 26 de novembro de 2016. Consultado o 5 de novembro de 2019. 
  12. "Estreno en cines de "Mi Vida Entre Las Hormigas", el documental de Ilegales" (en castelán). 29 de maio de 2017. Consultado o 5 de novembro de 2019. 
  13. "Se publica el documental de Ilegales “Mi vida entre las hormigas” y su banda sonora" (en castelán). 11 de maio de 2007. Consultado o 5 de novembro de 2019. 
  14. "“Mi vida entre las hormigas” de Ilegales reeditado junto a un vinilo azul" (en castelán). 28 de novembro de 2017. Consultado o 5 de novembro de 2019. 
  15. "Ilegales anuncian gira y presentan su nuevo single, “Si no luchas te matas”" (en castelán). 13 de xuño de 2018. Consultado o 5 de novembro de 2019. 
  16. "YA ESTÁ AQUÍ ‘REBELIÓN’, EL NUEVO DISCO DE ILEGALES" (en castelán). 28 de setembro de 2018. Consultado o 5 de novembro de 2019. 
  17. "Ilegales presenta su nuevo álbum 'Rebelión' en Escenario Santander". eldiario.es (en castelán). 16 de outubro de 2019. Consultado o 5 de novembro de 2019. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]