Igualada HC
|
||
|---|---|---|
| Competición | OK Liga | |
| Fundado | 1950 | |
| Cidade | Igualada, |
|
| Pavillón | Polideportivo de Les Comes (3.000) | |
| Cores | Granate e azul | |
| Historia | 1950 | |
| Presidente | ||
| Adestrador | ||
| Copa de Europa | 6 (1992-93, 1993-94, 1994-95, 1995-96, 1997-98 e 1998-99) | |
| Supercopas de Europa | 5 (1992-93, 1993-94, 1994-95, 1997-98 e 1998-99) | |
| OK Liga | 5 (1988-89, 1991-92, 1993-94, 1994-95 e 1996-97) | |
| Copa do Rei | 2 (1992 e 1993) | |
| Supercopa de España | 4 (1993-94 ) | |
| Uniforme | ||
| Sitio Web | Sitio web oficial | |
O Igualada Hoquei Club é un club de hóckey a patíns da localidade de Igualada, na comarca de Anoia, provincia de Barcelona (Cataluña). Actualmente compite na O.K. Liga e disputa os seus partidos como local no Poliesportiu de les Comes, cunha capacidade para 3000 espectadores.
Índice |
Historia [editar]
O Igualada Hoquei Club foi fundado o 4 de maio de 1950 froito da importante presenza deste deporte na cidade dende que catro anos antes chegasen os patíns e se iniciase unha febre entre a xuventude local, que levará ao primeiro partido, xogado na pista de baile do Cinema Modern, posteriormente nomeado Astòria, o 20 de novembro de 1949. O nacemento do Igualada será resultado da roptura entre os pioneiros do hóckey a patíns en Igualada, que se dividirán entre o Club Patín e o Igualada HC. Seis meses despois da súa fundación, o Igualada HC participará na súa primeira competición oficial, o Campionato de Cataluña de Segunda División. O primeiro partido que xogou foi na pista do Escola de Traballo de Reus; no que perdeu por 4-3. Porén, o debut en competición oficial foi a vitoria por 3-1 fronte ao Club Patín. O Igualada rematou o campionato en sexta posición.
A progresión do hóckey igualadino decontado dispuxo dunha pista máis grande, grazas á ampliación da inicial. O novo terreo de xogo acolleu un partido da selección española, que viña de gañar o seu primeiro mundial. A seguinte tempada, acadará o seu primeiro ascenso e clasificarase para xogar a Segunda División Preferente. A cidade vivía intensamente o deporte e o equipo recibía a equipos grandes para disputar amigables. O 18 de maio de 1952 Igualada viviu o seu primeiro partido internacional, coa visita do Stuttgarter Rollsportclub alemán, que se imporá por 3-4 aos locais.
A tempada 1954-55, o Igualada acadou o ascenso á Primeira División e proclamouse campión do Campionato de España de Segunda División, o grande éxito do club que lle fixo merecedor do Pergamiño de Honra da federación.
A consolidación [editar]
O 7 de novembro de 1959 o Igualada inaugura a pista do Estadi del Xipreret, arrodeada por un velódromo, cunha capacidade para 800 espectadores, e que supuxo un gran paso para o club e para o deporte da cidade. A progresión do club seguiu medrando e non tardou en chegar un novo éxito, ao proclamarse subcampión de España de Primeira División en Salt, por detrás do Espanyol, que gañou o título final non sen polémica.
Esta época brillante, deu paso a uns anos cheos de dificultades que culminarán co descenso a Segunda en 1964, categoría que dous anos máis tarde recuperaría. O Igualada converteuse no rei das promocións, xa que a xogou cinco en anos consecutivos. Malia estas dificultades o Igualada foi un dos catorce equipos que tiveron o privilexio de estrearen a División de Honra Española en 1969.
Anos difíciles [editar]
A década dos '70 foi especialmente dura para o club, que na tempada 1972-73 retornou á Primeira División tras perder unha nova promoción. O equipo sufriu un novo descenso e o club tiña un futuro moi negro que ameazaba a súa continuidade coincidindo cos seus 25 anos.
A tempada 1975-76 o Igualada comezou a decidir se mantiña a categoría de Primeira División, economicamente suicida, ou se daba un paso atrás e baixaba a Segunda. A decisión foi manter a categoría, iso si, co compromiso dos xogadores de xogaren sen cobraren. No entanto, a traxectoria do equipo levoulle a un novo descenso. As cousas non melloran en Segunda e a directiva decidiu a desaparición do primeiro equipo, aínda que mantivo o traballo e as esperanzas nos xuvenís. Logo, na tempada 1978-79, o Igualada tivo a oportunidade de voltar a Primeira División, con motivo dunha reestruturación. Non conseguiron montar un equipo con xogadores séniors, así que a única opción era sacrificaren os xuvenís, aos que aínda lles quedaba un ano para chegaren á máxima categoría, mais que aceptaron o reto de xogaren en Primeira a pesar da súa xuventude e inexperiencia. Esa decisión foi clave no futuro do Igualada, que ese ano finalizou a liga en undécima posición.
A época prodixiosa [editar]
A tempada 1980-81, o equipo acada a permanencia, a pesar da crise económica e social que afectaba ao club. Mais un grupo de mozas vencelladas ao club a través do seu traballo cos xuvenís, deciden coller as rendas do Igualada HC. Era o inicio dunha nova etapa que poucos podían imaxinar ata onde chegaría. Após dúas tempadas de transición, o Igualada iniciou unha nova etapa. Entre as novidades estaba o traslado á pista das Escoles Pies, que se converteu no primeiro pavillón cuberto do hóckey igualadino. A pista será o escenario, na tempada 1983-84 do retorno do club á División de Honra, logo dun partido final épico na pista do Cambrils.
Atinxírase o obxectivo, mais o reto era consolidar ao equipo na máxima categoría. Na tempada 1984-85 acada a permanencia. E o ano seguinte será máis dramático, ata o punto de que o Igualada se vera nunha nova e intensa promoción, que finalizou cun resultado positivo para os seus intereses. O ano seguinte non houbo promoción, mais si sufrimento ata a última xornada, que conseguiu o triunfo sobre o Cerdanyola, asegurándose a permanencia. Ao final da tempada ninguén podía imaxinar que o Igualada, que mantiña a súa aposta polos quipos da base e a incorporación de xogadores novos de proxección, estaba chamado a ser o equipo revelación da tempada 1987-88, na que o Igualada, que xa xogaba na pista do Poliesportiu de les Comes, sorprendeu a todos acadando a terceira posición ao final da tempada. O mellor porén estaba por chegar. A tempada seguinte, o Igualada xa era un equipo a ter en conta, mais os noviños xogadores que o integraban xa non se conformaron con seren a revelación, senón que se consolidaron cunha traxectoria que os deixou co título de liga ao seu alcance. Finalmente, o 16 de abril de 1989, na pista de Riazor de A Coruña, o Igualada gañaba o partido fronte ao Dominicos (5-6), converténdose en campión da División de Honra por primeira vez. Esa mesma tempada, o Igualada xogou as finais da Copa do Rei e da Copa CERS.
Dende aquela ata agora, o Igualada HC consolidouse coma o mellor equipo europeo da década dos '90. A pesar que despois da primeira liga, as limitacións económicas obrigaron o club a loitar en condicións desiguais cos equipos máis potentes e ateigados de grandes xogadores coma o H.C. Liceo de A Coruña e máis o FC Barcelona, o Igualada atinxiu un palmarés realmente excepcional que inclúe 6 Copas de Europa, 5 Supercopas de Europa, 5 Ligas, 2 Copas do Rei, 1 Supercopa de España e 4 Ligas Catalás.
Entre as datas máis destacadas da súa historia destacan o 24 de febreiro de 1992, cando gañan en Les Comes a segunda O.K. Liga; o 5 de xuño de 1993, cando se proclama campión de Europa por primeira vez na pista do Benfica; a tempada 1993-94, na que o equipo consegue cinco títulos; a dobre exhibición na fase final da Copa de Europa da tempada 1997-98, cando superan ao FC Barcelona e ao HC Amatori Vercelli por un dobre 8-1, ou a fase final da mesma competición que acolleu a pista de Les Comes en maio de 1999, que supuxo a sexta Copa de Europa para o club, derrotado na final na tanda de penaltis ao Porto.
Palmarés [editar]
- 6 Copas de Europa (1992-93, 1993-94, 1994-95, 1995-96, 1997-98 e 1998-99).
- 5 Supercopas de Europa (1992-93, 1993-94, 1994-95, 1997-98 e 1998-99).
- 5 Ligas españolas (1988-89, 1991-92, 1993-94, 1994-95 e 1996-97).
- 2 Copas do Rei (1992 e 1993).
- 1 Supercopa de España (1993-94).
- 5 Ligas Catalanas (1991-92, 1992-93, 1993-94, 1997-98 e 1999-00).
- 1 Campionato de 1ª División (1983-84)