Igrexa de Santa María de Dodro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Igrexa de Santa María de Dodro
Datos xerais
PaísEspaña
TipoIgrexa parroquial
AdvocaciónSanta María
LocalizaciónDodro
Coordenadas42°43′03″N 8°41′19″O / 42.717380555556, -8.6884833333333Coordenadas: 42°43′03″N 8°41′19″O / 42.717380555556, -8.6884833333333
Culto
CultoCatólico
DioceseSantiago de Compostela
Arquitectura
Construciónséculo XVIII
EstiloBarroco
editar datos en Wikidata ]

A igrexa de Santa María de Dodro é un templo barroco do século XVIII dedicado á Virxe María, sede da parroquia homónima, no concello de Dodro. É unha das primeiras obras de Simón Rodríguez[1] e presenta algunhas peculiaridades características do seu estilo.

Descrición[editar | editar a fonte]

En 1719 encargáronselle ó mestre compostelán Simón Rodríguez as trazas do templo, quen proxectou a súa reedificación. Preserva unha inscrición nos muros do interior da igrexa do ano 1102.[2][3][4] Malia estar o trazado da planta feito, o inicio da obra atrasouse, sendo adxudicada a execución a Pedro Blanco. A construción debeu dar comezo a mediados de 1720 pero en 1738 aínda non se rematara o corpo da igrexa. A capela maior concluíuse no 1739.

O edificio presenta planta de cruz latina cunha soa nave de dous tramos, cruceiro dun tramo e capela maior rectangular, rematando nos laterais en senllos nichos con bóveda en forma de vieira.

A nave da igrexa e o presbiterio cubríronse cunha bóveda de canón, o mesmo que os brazos do cruceiro e na intersección empregouse unha bóveda de aresta. O interior do templo apenas presenta decoración e como separación dos distintos tramos empregaronse arcos faxóns.

A igrexa de Dodro é unha obra que ó non contar coa dirección de Simón Rodríguez varía sensiblemente respecto do plan inicial do mestre compostelán. Ademais, o proxecto inicial do arquitecto non se conserva.

Conserva a pía bautismal onde foron bautizados Gala e Ovidio Murguía.[5][6][7] Foi reconstruída en parte en 1918.[8] A igrexa foi restaurada no ano 1992, co arranxo da bóveda e do tellado e coa colocación dun novo piso de pedra.[9]

Portada presidida pola Virxe da Asunción.

Fachada[editar | editar a fonte]

No exterior séguese co mesmo criterio de sinxeleza que no interior, a fachada de liñas elementais non se atén ás trazas orixinais de Simón Rodríguez. No centro da fachada ábrese a porta que presenta un marco de orelleiras de riqueza na modelaxe. As pilastras caixeadas flanquean a porta, coroada por un frontón triangular partido con fornela que resgarda a Virxe da Asunción. A torre do campanario é de tres corpos, coroada por unha cupuliña de planta octogonal con pináculo, configurando un todo harmónico e equilibrado.

Altar maior[editar | editar a fonte]

No interior destaca sobre todo o retablo maior. A intensa decoración contrasta coa sinxeleza do propio recinto, a profusión de dourados imponse nun espazo reducido, o uso de diferentes planos provoca a sensación de movemento e de inestabilidade, xogos de luces e de sombras. Está considerado como o primeiro retablo deseñado por Simón Rodríguez, arredor de 1740,[1] data do inicio das obras, sendo quizais o entallador Manuel de Leis.

Consta de baseamento e dous corpos. O inferior está formado por cinco rúas separadas por columnas con fuste moi decorado e capiteis corintios, presentando no alto os típicos cilindros do autor. O segundo corpo está dividido en tres rúas separadas por pilastras con pequenas columnas na base. No centro, a imaxe da Virxe e nos laterais, enormes volutas con anxos portadores de palmas. Remata o retablo a figura do Pai Eterno, tamén característica nas trazas do artista.

Altares laterais[editar | editar a fonte]

Contratáronselle os catro altares colaterais a Francisco de Lens e Juan Domínguez de Estivada. Nos brazos do cruceiro figurarían un dedicado á Virxe das Neves, con Santa Lucía e Santa Bárbara ós lados, que se conserva completo, e outro a San Antonio de Padua, acompañado de Santiago peregrino e San Roque. Os outros dous estarían baixo a advocación da Dolorosa e do Nazareno. Son imaxes de vestir, a primeira de Antonio Fernández, a última semicompleta, con torso, o que non é usual, adornada cos atributos da Paixón e da Santa Face, obra da etapa final do grande escultor Xosé Gambino.[10][11]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Folgar de la Calle, María del Carmen (1989). Simón Rodríguez: Catalogación Arqueólogica y Artística de Galicia del Museo de Pontevedra. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. 
  2. "Descuberta unha inscrición medieval nunha parede da igrexa de Santa María de Dodro". La Voz de Galicia. 05-07-2022. Consultado o 10-12-2023. 
  3. "Unha inscrición altomedieval inédita na igrexa de Santa María de Dodro". Colectivo A Rula. 2022. Consultado o 10-12-2023. 
  4. "Dodro Vello… Na procura da Igrexa do rei Artur de Ferrín". Historia de Galicia. 11-07-2022. Consultado o 10-12-2023. 
  5. Angueira Viturro, Anxo (2021). "Recuperación da pía bautismal de Santa María de Dodro onde foran bautizados Gala e Ovidio" (PDF). Follas novas: revista de estudos rosalianos (Fundación Rosalía de Castro) (6): 192–195. ISSN 2530-3813. 
  6. López, Uxía (12-06-2021). "A igrexa de Dodro recupera a pía na que foron bautizados dous fillos de Rosalía". La Voz de Galicia. Consultado o 10-12-2023. 
  7. "Quiosco: Follas Novas 6". Culturagalega.org: Consello da Cultura Galega. 01-04-2022. Consultado o 10-12-2023. [...] a recuperación da pía bautismal de Sta. María de Dodro onde foran bautizados Gala e Ovidio Murguía. 
  8. "Igrexa de Santa María de Dodro". O Baixo Ulla. Consultado o 10-12-2023. 
  9. "Iglesia de Santa María de Dodro". Turismo.gal: Xunta de Galicia. Consultado o 10-12-2023. 
  10. Alvaro López, Milagros (1997). Gambino: 1719–1772. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 978-84-8288-149-2. 
  11. López Calderón, Marica (2009). Lenguaje, estilo y modo en la escultura de Francisco de Moure y José Gambino (Tese). Director da tese: García Iglesias, José Manuel. Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 978-84-9887-208-8. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]