Igrexa de Santa María de Cambre
Coordenadas: 43°17′32″N 08°20′39″W / 43.29222°N 8.34417°W
A Igrexa de Santa María de Cambre é un templo de feitura románica, un dos mellores exemplos do coñecido como románico compostelán e único exemplo no rural galego deste estilo.
Índice |
Situación [editar]
Situase na ribeira do río Mero, na parroquia de Santa María de Cambre no concello de Cambre, na comarca das Mariñas dos Frades.
Historia [editar]
Pertencía á xurisdición da arquidiocese compostelá. Na Alta Idade Media, nun lugar coñecido como Calambre, fundouse un mosteiro familiar por parte do cabaleiro Alvito e as súas irmás Vestriberga e Urraca. O mosteiro foi doado ao de San Paio de Antealtares o 16 de agosto do ano 932.
Descrición [editar]
A igrexa é o único que se conserva na actualidade do primitivo mosteiro. Foi construída a finais do século XII. Estrutúrase en planta de cruz latina con deambulatorio. Da igrexa destaca o emprego dunha mestura de solucións románicas e góticas cunha forte influencia do taller da Catedral Compostelá
Exterior [editar]
A parte mellor conservada do conxunto é a cabeceira, composta pola capela maior e cinco capelas nos absidiolos. Nestes consérvanse as cornixas e abovedamentos orixinais.
Na fermosa fachada salientar o uso non habitual no exterior de columnas pareadas. A portada enmarcase por contrafortes. No tímpano mostrase o Agnus Dei inserido nun clípeo en forma de vieira. Nas arquivoltas atopamos diversa decoración zoomórfica e antropomórfica coa mensaxe de denunciar ao mal. Na clave do tímpano Daniel representado entre vixiantes leóns rampantes. Nos capiteis representase a pesada das almas do xuízo fronte ao demo e a loita de San Miguel contra o dragón da apocalipse.
A ambos lados da portada dous vanos con arcos de medio punto adornados con cinco arcos de ferradura no seu intradorso feitos a imaxe dos da Fachada de Praterías compostelá.
Sobre a portada un tornachoivas soportado por canzorros con figuras de animais e antropomorfas. Por riba do tornachoivas un rosetón composto por unha celosía de círculos ao redor dun maior e enmarcada por molduras coa interior decorada con arquiños de ferradura. Remata a fachada unha espadana con dous nichos para as campás.
Interior [editar]
Dividida en tres naves compostas de catro tramos separados por piares compostos cruciformes. É de destacar a súa variada e abondosa decoración, chegando a contarse ata noventa e catro capiteis con ata trinta motivos ornamentais diferentes.
No interior conserva algunhas pezas de interese: Un capitel coa data de 1194 gravada nel, a pila coñecida como Hidria de Xerusalén, ou unha Virxe con neno en pedra de finais do século XII.
Galería de imaxes [editar]
- Artigo principal: Galería de imaxes da Colexiata de Santa María de Cambre.
Véxase tamén [editar]
Bibliografía [editar]
- Vila da Vila, Margarita. La iglesia románica de Cambre. (1986). Concello de Cambre.
- Delgado Gómez, Jaime. El Cordero Místico del tímpano de Santa María de Cambre. (1984). Revista Brigantium.