Igrexa de Santa María a Nova de Noia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Igrexa de Santa María a Nova de Noia
Santa María a Nova
PaísEspaña
LocalizaciónNoia
Coordenadas42°47′01″N 8°53′09″O / 42.783488, -8.885955Coordenadas: 42°47′01″N 8°53′09″O / 42.783488, -8.885955
editar datos en Wikidata ]

A igrexa de Santa María a Nova é un dos monumentos relixiosos e históricos máis representativos da vila de Noia. Trátase dunha igrexa construída en 1327 sobre outra máis antiga (do século XII), no centro do cemiterio histórico da cidade, e posúe unha mostra singular de laudas sepulcrais que datan dos séculos XIV ó XIX. Foi declarada monumento histórico artístico en 1973 e non posúe culto, estando actualmente dedicada a Museo.

Foi construída polo arcebispo santiagués Berenguel de Landoira (1262-1330), de orixe francesa, en estilo gótico mariñeiro con influencia do románico [1], sobre outra igrexa anterior do século XII. Isto pode explica-la denominación de Santa María a Nova como testemuña dunha anterior Santa María a Vella. Ten unha soa nave con tellado de madeira sobre arcos apuntados que a dividen en catro tramos, e, na cabeza, a capela maior, cuadrangular, con bóveda de canón. No lado do Evanxeo, á esquerda, a capela dos Carneiro, ou de San Pedro, cunha bóveda en forma de cuncha de vieira.

Exterior[editar | editar a fonte]

No exterior, destaca o tímpano da porta principal, que conserva restos da policromía orixinal. No tímpano represéntase a Adoración dos Reis: estes están á dereita da Virxe, e á esquerda está a imaxe do bispo Landoira axeonllado e, tras del, San Xosé. En 1817 construíuse un pequeno pórtico protexendo a entrada.

No centro da fachada, un rosetón gótico, e sobre el unha pequena espadana.

Sobre a porta lateral sur, no lintel consta a seguinte inscrición:

ESTA IGL(e)
(s)IA EDIFICOU ET SA
GROU DO(n) F(rei) BERIGEL
ARCIB(is)PO D(e) S(an)TIAGO EN XXVIII
DIAS D(e) IAN(e)RO ERA M CCC ET XV ET F
OI P(ro)C(ur)ADOR P(ero) BOCHO(n) DESTA OBRA

Interior[editar | editar a fonte]

Retablo
Sepulcro de Álvaro Paz.

No altar maior destaca un retablo barroco, de 1760, no que se mostra, á esquerda, a imaxe da Virxe do Carme sacando as ánimas do purgatorio, e á dereita, a Quinta Angustia.

A carón do altar maior ábrese un pequeno espazo, antiga sancristía, no que se se expoñen algunhas lápidas e, nunha fornela, a parte superior dun cruceiro.

A capela plateresca dos Carneiro foi construída en 1575 por Pedro de Cereceda. Contén dous sartegos baixo cadanseu arco, un do fundador, Pero Carneiro, e outro de Álvaro Paz Carneiro. No primeiro, coa figura esculpida do personaxe, unha inscrición lémbrao: "ACI GAZ PO CARNEIRO FILLO D Pº Aº DA CORREDOIRA" (Aquí xace Pedro Carneiro, fillo de Pedro Alonso da Corredoira). Este Pero Carneiro foi un mercador que chegou a alcalde da vila de Noia, e prestou diñeiro ó cardeal e arcebispo compostelán Gaspar de Abalos (1542-1545) cando este estaba en Xénova [2]. O sepulcro de Álvaro Paz, finado pola peste en 1348, carece de figura; o seu epitafio di: "AQUI IAZ ALVARO PAZ CARNEIRO QUE SE FINOU ENA MORTALDA XV DIAS D'AGOSTO ERA MCCCLXXXVI ANOS".

No chan da capela hai tres laudas con escudos heráldicos labrados, moi desgastados.

No frontispicio desta capela están labrados os bustos de San Pedro e San Paulo. Unha inscrición dá conta da construción: "ESTA CAPILLA MANDO HAZER PRO CARNERO I LA DEXO DOTADA CON DOS MISAS CADA DIA VNA EN S MARTIN AL ALBA I LA OTRA A AS ONZE".

Á entrada da igrexa pode observarse unha pía bautismal do século XV cun relevo de difícil interpretación.

O cemiterio e o museo[editar | editar a fonte]

Vista xeral da parte sur do cemiterio. Pódense observar algunhas laudas de pedra antigas, algunha reaproveitada con placas de mármore por riba.
Á esquerda, o baldaquino do século XVI, á dereita, outro moderno.

O cemiterio da igrexa de Santa María a Nova rodea a igrexa, de modo que esta o divide en dúas áreas, norte e sur. Na parte norte atópase o Cristo do Humilladoiro [1], un cruceiro do século XVI, baixo un baldaquino [3]. A cúpula do baldaquino, de forma piramidal, mostra dous relevos moi desgastados, un coas catro fases da lúa e outro cunha escena de caza na que un animal ferido foxe dos cans. Castelao debuxouno na súa obra As cruces de pedra na Galiza [2].

Corre a lenda de que o cemiterio está feito coa terra que trouxeron desde Palestina os barcos noieses. Outra lenda conta a orixe do cruceiro e o seu baldaquino: isto eran dous irmáns que se separaron durante o transcurso dunha guerra en Xerusalén. O irmán máis vello, por máis que pescudou durante sete anos, non atopou o pequeno e, cando regresou a Noia mandou construír o cruceiro en memoria do desaparecido, ó que cría morto. Pero o certo é que o irmán máis novo caera preso e logrou escapar pero cando volveu, o outro xa morrera, e mandou construí-lo baldaquino sobre o cruceiro do irmán en memoria deste.

Fóra lendas, o certo é que no cemiterio da igrexa impartíase xustiza ata o ano 1517, data na que as autoridades eclesiásticas prohibiron este uso.

Na parte sur hai outro cruceiro, gótico do século XVI, doado por Lope de Buya.

A verdadeira importancia do cemiterio desta igrexa está na colección de laudas sepulcrais. O número total de laudas que se conservan parece supera-los cincocentos [4], se ben só unha pequena parte están recuperadas e expostas ó público, tanto no interior como no exterior da igrexa. O resto amoréase ó pé dos muros do cemiterio. Aínda así, no cemiterio poden verse lousas de pedra entre sepulturas modernas, cubertas ou non de mármore, e tamén quedan algunhas no piso do interior da igrexa. Nas propias paredes da igrexa hai perpiaños coas ferramentas de traballo que identifican as laudas gremiais, posiblemente como consecuencia dun reaproveitamento do material para a reconstrución da igrexa.

As máis antigas son as laudas gremiais, dos séculos XIV a XVI[5], que mostran na súa superficie relevos con signos ou trebellos que identifican a profesión do que foi enterrado (carniceiros, coireiros, xastres, canteiros, carpinteiros, mariñeiros etc.). Outras, tamén antigas, mostran signos familiares, insculturas que representan simbolicamente o nome da familia á que pertencían. Estes signos lapidarios utilizábanse adoito polos canteiros para identifica-los perpiaños que labraban; ata hai moi pouco usábanse tamén na zona da foz do Miño e, xa en Portugal, en Póvoa de Varzim, para identificar barcas, trebellos e outros obxectos domésticos.

Finalmente, outras laudas mostran figuras humanas esquematizadas.

Máis modernas son as laudas nobiliarias, dos séculos XVII ó XIX, nas que xa se representan escudos heráldicos ou mesmo estatuas xacentes, algunhas moi rudimentarias e outras máis elaboradas.

A maiores destas laudas consérvanse, tanto no exterior coma no interior da igrexa, sartegos completos, uns exentos e outros baixo arcos abertos no muro da igrexa. Entre os que se poden contemplar no interior destacan dous, o do xa citado Pero Carneiro na capela do seu nome, e o de Ioan das Estivadas, taberneiro noiés que en 1397 fixo unha importante doazón á igrexa. Este sartego provén da igrexa de San Martiño, desde onde foi trasladado en 1930. Ámbolos dous son do século XVI.

Museo das Laudas[editar | editar a fonte]

A rica colección de laudas existentes na igrexa de Santa María, considerada como a colección de laudas medievais máis importante do mundo [6] non está aínda catalogada nin suficientemente protexida. O feito de que o cemiterio estea aínda en funcionamento, xunto ó reducido espazo da igrexa non permiten mostrar máis que unha pequena parte das laudas existentes, estando o resto amoreadas e en lamentables condicións de conservación. O concello de Noia [3] manifestou en 2009 a intención de merca-lo edificio da Casa de Cultura, propiedade da Fundación Blanco Monroy, e dun terreo adxacente que permitiría a comunicación co espazo do cemiterio e, así, asegurar unha continuidade na exposición de laudas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Outras fontes descríbena como románico tardío.
  2. Por esta razón, aparece nalgúns textos como banqueiro.
  3. En Galicia só hai constancia de dous baldaquinos exteriores protexendo un cruceiro, este de Noia e outro na Guarda. Existe un segundo baldaquino no cemiterio de Noia, pero é de factura moderna.
  4. Gran Enciclopedia Galega, s. v. Noia. Clodio González Pérez fala de 400.
  5. Algúns autores atrasan as lápidas máis antigas ós séculos XI ou XIII.
  6. La Voz de Galicia 2004 Arquivado 13 de marzo de 2016 en Wayback Machine. ou 2010

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]