Igrexa de San Pedro de Bembibre

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Igrexa de San Pedro de Bembibre
Igrexa de San Pedro de Bembibre
Datos xerais
PaísEspaña
RexiónGalicia
AdvocaciónSan Pedro
LocalizaciónBembibre (Taboada)
Coordenadas42°43′34″N 7°45′10″O / 42.72605, -7.75279Coordenadas: 42°43′34″N 7°45′10″O / 42.72605, -7.75279
CatalogaciónMonumento Nacional
Culto
CultoIgrexa católica
DioceseLugo
Arquitectura
Construción1191
EstiloRománico
editar datos en Wikidata ]

A igrexa de San Pedro de Bembibre é unha igrexa románica da parroquia de Bembibre, no concello de Taboada (provincia de Lugo). É o máis destacado exemplo de arquitectura románica do concello de Taboada, tanto pola súa monumentalidade como polo seu estado de conservación. Está declarada Ben de Interese Cultural.

Historia[editar | editar a fonte]

A inscrición na porta lateral indica que foi erguida no ano 1229 da era hispánica, polo que a data correcta é a de 1191. Algunhas fontes indican que formaba parte dun complexo monástico hoxe desaparecido, cuxa pedra foi empregada para construír, no século XV, o pazo dos condes de San Pedro. Isto explicaría a súa situación, afastada a case un quilómetro de calquera núcleo de poboación.

No ano 1681 recibiu sepultura neste templo Xoán Taboada Ribadeneira e Figueroa, primeiro conde de Taboada, nun sartego que representa a figura do finado e inclúe unha inscrición. Este templo estivo vinculado, igual que a parroquia e boa parte do concello, á familia dos Taboada, pola presenza do seu escudo no retablo e a titularidade do camiño que leva a ela dende o pazo, que é privada aínda que se emprega de forma totalmente pública.

Exterior[editar | editar a fonte]

Conta cunha única nave rectangular, cuberta por un tellado a dúas augas, e unha ábsida semicircular con bóveda de canón. No lado sur construíuse, contemporaneamente, unha sancristía. Ten dous contrafortes a cada lado do edificio, polo que nun principio a igrexa puido ser concibida con idea de facela máis alta ou mesmo abovedada completamente.

Portada principal

A portada principal e frontal está formada por tres arcos sostidos por cadansúas columnas e protexidos por outro arco de dentes de serra; os fustes están decorados case todos eles con estrías verticais, e en ocasións, con bólas; os capiteis teñen ornamentación figurada ou vexetal, salientando o terceiro deles, que mostra unha figura dun home que leva unha especie de bolsa ó pescozo, mentres que na súa man esquerda aparece unha ave e baixo a súa man dereita aparece un can. Segundo algunhas interpretacións, podería tratarse da representación da avaricia, atormentada por un demo personificado no can. Nas esquinas do marco da porta de entrada hai unha cabeza de boi, á que lle correspondería outra, agora perdida. Consérvase a marca das dúas vertentes do tellado que nun momento cubriu o pórtico.

Portada lateral

A portada sur ten dobre arquivolta de medio punto e o arco menor decorado con motivos florais; os capiteis do lado esquerdo están ornamentados con decoracións vexetais, e os dereitos, con decoracións animais. Destes últimos, o capitel pertencente á arquivolta representa os mitolóxicos grifóns. Aquí está a inscrición coa data de construción do edificio.

A espadana é sinxela e é do século XVIII (a orixinal debeu ser destruída por un lóstrego) e o cruceiro que hai fóra do recinto, do XIX.

Interior[editar | editar a fonte]

O interior é sinxelo: a nave central está cuberta dun teito de madeira e a ábsida dunha bóveda de canón e forno. Os muros construíronse sobre un banco de pedra e cómpre destacar o púlpito, encravado no muro norte, semellante aos dos refectorios dos mosteiros.

Na ábsida está o retablo barroco que data de 1701 e foi financiado polos condes de Taboada. Detrás deste e no muro norte hai unhas pinturas murais do século XVI descubertas durante os labores de restauración, pois foran recubertas de cal. Á esquerda do púlpito está o sartego barroco de Xoán Taboada Ribadeneira e Figueroa, primeiro conde de Taboada.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes da igrexa de San Pedro de Bembibre

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]