Igrexa Etíope Tewahedo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Igrexa Ortodoxa Etíope Tewahedo
የኢትዮጵያ ኦርቶዶክስ ተዋሕዶ ቤተ ክርስቲያን
Fundador San Frumencio
Separada de Igrexa Ortodoxa Copta
Recoñecemento Comuñón das igrexas ortodoxas orientais
Escisións Igrexa Eritrea Tewahedo
Goberno
Tipo de goberno Episcopal
Patriarca de Etiopía Matías I
Estrutura Dividida en eparquías
Clasificación
Grupo Ortodoxia oriental
Teoloxía Miafisismo, Trinitaria
Demografía e cultura
Linguas litúrxicas lingua ge'ez
Outros datos
Sede central Adís Abeba
Biblia etíope na catedral de Axum.

A Igrexa Etíope Tewahedo é unha igrexa non caldedoniana de confesión monofisita, cuxas orixes remóntanse aos primeiros séculos do cristianismo. Conta con arredor de 40 millóns de fieis.

Historia[editar | editar a fonte]

No libro do Novo Testamento, os Feitos dos Apóstolos, cóntase que certo eunuco pertencente á Raíña Candace de Etiopía que fora a Xerusalén render culto ao Deus dos Israelitas foi bautizado por Filipe. A tradición etíope afirma que volveu á súa terra e alí predicou o cristianismo. Xoán Crisóstomo menciona aos etíopes como presentes na Cidade Santa o día de Pentecoste. Existen tamén lendas de que os propios apóstolos Mateo e Bartolomeu predicaron entre os etíopes. Estes son indicios de que o cristianismo en Etiopía ten unhas raíces moi fondas que, se cadra, remóntanse ás primeirísimas comunidades xudeo-cristiás sen influencias de Paulo de Tarso que fixeron pervivir na nova relixión a súa compoñente xudía (día do sábado, circuncisión, non comer carne de porco, etc.).

Presbítero con cruz etíope.

Sexa como for, a historia oficial do cristianismo fai nacer a nova fe, segundo o relato de Rufino, da viaxe do filósofo de Tiro Meropio, que recalou cara o 330 nas costas africanas na súa viaxe marítima á India e foi asasinado xunto con toda tripulación. Só se salvaron Frumencio e Edesio, dous rapaces cristiáns que foron levados onda o rei de Axum. Os dous mozos souberon gañarse a confianza do monarca e acadaron importantes postos na Corte etíope.

Cando finou o rei, este deixou como herdeiro un infante baixo a rexencia da raíña. Pouco antes dera liberdade a Frumencio e a Edesio para volveren ao seu país. A raíña pregoulles que ficasen como educadores do rei neno e lle axudasen a administrar os asuntos do goberno. Así o fixeron, convertendo ao cristianismo ao seu educando e favorecendo a nova fe no país. Cumprida a súa misión, Edesio tornou a Tiro e Frumencio partiu para Alexandría onde pediu ao patriarca Atanasio de Alexandría un bispo para Etiopía. Atanasio decidiu que o primeiro bispo etíope fose o propio Frumencio.

Existe unha carta do Emperador de Roma ariano Constancio datada no 350 onde prevén ao rei Ezana de Axum fronte ás crenzas, para el heréticas, de Frumencio. Existen así mesmo moedas do rei Ezana onde a simboloxía pagá é substituída pola cruz. Aínda hoxe os etíopes denominan a Frumencio como Abba Salama Kassate Berhan (pai da paz e revelador da luz)

A finais do século V chegan a Etiopía os chamados "nove santos", probablemente monofisitas que fuxían da persecución de Bizancio contra o monofisismo. Estes, probablemente pertencentes á Igrexa Siríaca, realizaron un labor misioneiro e de pulo da vida do monacato. Traduciron ao ge´ez os Evanxeos. Esta lingua segue a ser a lingua litúrxica da Igrexa etíope a pesares de non ser xa falada polo pobo.

Co cristianismo floreceu a arquitectura relixiosa e a música litúrxica. A Iared, un discípulo dos nove santos, atribúenselle os himnos espirituais que son a base da música relixiosa do país. Existiu tamén unha escola poética que acadou graos de excelencia literaria e que serviu para adestrar intelectualmente non só figuras relixiosas senón tamén políticas, incluídos os propios reis.

Coa expansión do Islam a partir do século VII, Etiopía perdeu a vinculación directa co mundo cristián, o que explica as pervivencias do cristianismo primitivo. O único contacto permitido foi coa Igrexa Ortodoxa Copta, baixo o dominio musulmán en Exipto e de fe xa definitivamente tamén monofisita, que nomeaba ao abuna ou xefe da Igrexa etíope.

No século XIII houbo un renacer do monacato e das obras teolóxicas como o Libro da Luz. A continuada presenza de monxes etíopes no Santo Sepulcro de Xerusalén probablemente contribuíu a alimentar na época das Cruzadas en occidente a lenda dun espléndido reino cristián en África, a lendaria terra do Preste Xoán. Foron arriscados franciscanos os primeiros en tomar contacto co esquecido reino cristián. Isto permitiu participar á Igrexa etíope no concilio pretendidamente ecuménico de Florencia onde a delegación fixo acto formal de submisión á unidade católica (1144), feito que non tivo consecuencias prácticas.

Especialmente devotos foron os reis da dinastía Zagwe. A Yemahrane Christos, a Lalibela e a Nakuto Laab débeselles exemplos da máis belida arquitectura relixiosa da historia da humanidade.

A Igrexa Etíope conseguira durante séculos manter a súa independencia e ser o alicerce da independencia do seu país, pero en 1559 esta situación se viu seriamente ameazada polo caudillo musulmán Ahman Ibn-Ibrahim al-Gazi, alcumado Gran (zurdo). Este tentou apoderarse do país destruíndo igrexas, obras literarias cristiás, reliquias etc. Será a axuda dos portugueses ao mando de Cristovo de Gama, fillo de Vasco de Gama, a que resolvería a sítuación; Cristovo, a costa da súa vida, logrou derrotar ás tropas musulmás.

Outra ameaza foi a dogmática, da man dos xesuítas quen dirixidos por Pedro Páez converteron ao rei e conseguiron que este decretase a crenza romana nas dúas naturezas de Xesús de Nazaret. Os dirixentes da Igrexa etíope, especialmente os monxes, levantáronse e foron duramente reprimidos. Os xesuítas iniciaron coa protección real unha dura laboura de latinización contraria á tradición e espiritualidade etíopes. O propio rei renunciou á poligamia, tolerada aínda que non xustificada pola Igrexa etíope. A revolta social espallouse por todo o país ata o punto que o rei Susenyos tivo que abdicar en 1632 e o seu fillo Fasilides expulsou aos xesuítas do seu territorio.

Etiopía foi a único territorio africano en non ser colonizado polas potencias occidentais. Porén, en 1935, Mussolini intentou a conquista do país. Os fascistas italianos tentaron convencer aos xerarcas eclesiásticos para que fosen favorables á ocupación. Pero toda a Igrexa se puxo en contra dos invasores e o propio Abbuna Petros pagou coa súa vida asasinado polos italianos en Addis Abeba.

Haile Selassié conseguiu que o xefe da igrexa non fose designado polo patriarcado de Alexandría. Así, en 1951 o superior dos monxes de Etiopía Gabra Giorgis tomou o título de metropolitano de toda a nación.

Cando o coronel Megistu impuxo unha ditadura socialista, a Igrexa sufriu unha importante persecución. Entre os desaparecidos figura o propio patriarca Tewoflos.

Por razóns políticas, en 1993 a Igrexa eritrea ortodoxa acadou un status independente seguindo o ronsel da independencia civil da nova nación para o cal apelaron con éxito ao Papa copto Shenouda III.

Organización[editar | editar a fonte]

Cantos e danzas nunha voda cristiá etíope.

A Igrexa etíope é hoxe en día unha Igrexa autocéfala e considérase apostólica porque a través do episcopado e dende a designación polo patriarca da Alexandría do primeiro abuna, mantense unha liña de continuidade ininterrompida ata as orixes mesmas do cristianismo. Existen bispos, presbíteros (equivalentes aos sacerdotes na Igrexa Católica Romana) e diáconos. Os presbíteros e os diáconos poden casar. Estes en distintos graos reciben o sacramento da Orde a través da imposición das mans por un bispo.

A xerarquía non se considera unha clase separada do pobo. Os laicos participan tamén do único sacerdocio de Cristo. O que existen son diferentes dons ou carismas ao servizo da Igrexa, e a través da Igrexa, ao servizo do mundo. O patriarca representa a unidade en Cristo de toda a Igrexa e os bispos encarnan o mesmo nas súas dioceses.

Existe unha clase chamada DEPTERA, constituída polos cantores, que con himnos e danzas dotan de beleza e alegría as celebracións litúrxicas. Propiamente non forman parte da xerarquía, pero constitúen un grupo cunha formación e función específicas.

Dogma[editar | editar a fonte]

A expresión en Ge´hez tewahedo significa "dous en un" e aplica este concepto a única natureza do Verbo encarnado en Xesucristo. Este é verdadeiro Deus e verdadeiro home, pero non existen dúas naturezas tal como afirma a Igrexa Ortodoxa e a Igrexa Católica senón unha única natureza humanodivina. Non hai dualidade en Cristo. Rexeitan, xa que logo, o Concilio de Calcedonia ao igual que o fan a Igrexa Ortodoxa Copta, a Igrexa Ortodoxa Siríaca e a Igrexa Apostólica Armenia. Para eles o Concilio de Calcedonia traizoa o Concilio de Éfeso e a doutrina dos Pais da Igrexa, en particular a de Cirilo de Alexandría.

A Igrexa etíope entende que os anatemas lanzado sobre os autores do Concilio de Calcedonia non poden ser levantados pois estes teñen sido observados durante mil cincocentos anos polos santos pais da Igrexa etíope e consignados nos textos litúrxicos e nos hinos.

Canon bíblico[editar | editar a fonte]

A Biblia etíope contén algúns libros máis que as demais Igrexas: o Libro de Enoch, o Libro dos xubileos, o Segundo Libro de Esdras e o Terceiro Libro dos Macabeos. As súas escrituras son unha tradución ao Ge´hez dos textos orixinais gregos e arameos que se remonta aos nove santos que consolidaron e espallaron o cristianismo no país.

Ritos e costumes[editar | editar a fonte]

  • Os etíopes descálzanse para entraren nas igrexas;
  • Próstranse como os siríacos e tal como o fan hoxe os musulmáns;
  • O recinto da igrexa arredor do edificio é tamén sagrado;
  • Manteñen prácticas xudías como a circuncisión, a prohibición da carne de porco, o sacrificio de animais, o sábado, a arquitectura das igrexas está concibida para custodiar unha réplica da arca da alianza...;
  • É frecuente que pidan a bendición dun presbítero cando se cruzan con el co fin de purificar algún pecado (conflito cun veciño, malos sentimentos...). Esta bendición faise cunha cruz que porta o presbítero e que se acaba bicando. A confesión normalmente practícase en perigo de morte;
  • O xexún é moi estrito: debe gardarse os mércores e os venres, ademais de na coresma;
  • Ha de rezarse sete veces ao día;
  • Nas misas adoitan ir todos con vestiduras brancas, sen que haxa distinción entre ricos e pobres;
  • No culto existe unha zona para os homes e outra para as mulleres;
  • A danza e os cantos acompañados por sistros e tambores teñen un indubidable sabor africano;
  • O bautismo é por tripla inmersión;
  • Os curas poden casar;
  • Nas festas é costume facer boas accións, como reconciliarse cos inimigos, visitar enfermos ou axudar aos pobres;
  • Son festas grandes, o Nadal, a Epifanía, a verdadeira cruz e a Pascua.